19 dic 2011

Concurso postais de Nadal e recomendacións lectoras.


Por terceiro ano consecutivo, a Anpa organizou un concurso de felicitacións de Nadal, con moita participación.
Resultaron gañadores:
Aldara, de 1º B ; Patricia, de 2º A , as dúas de bacharelato ; o terceiro premio recaíu en Tomás, de 3º B da ESO.
No 2011 acompañáronnos neste blog moitos autores, moi especialmente Lois Pereiro e Álvaro Cunqueiro, e gustaríanos ter adicado algunha entrada a outros que nos deixaron, como Ernesto Sábato(1911-2011) ou Josefina Aldecoa(1926-2011); tamén merecerían atención o poeta que obtivo o Premio Cervantes, Nicanor Parra(1914), e José Luis San Pedro(1917), a quen lle concederon o Premio Nacional de Literatura.
Para todos eles a nosa admiración, e pasado ou non o ano da celebración, sempre queda tempo para os seus libros.
Desexámosvos unhas moi felices festas, e estas son outras suxestións de lectura:

15 dic 2011

A aventura de vivir

Que en tempos de reflexión e pesimismo, máis proclives á novela negra ou aos transcendentes ensaios sobre o estado de benestar, alguén se atreva a ofrecernos unha novela de humor é moi de agradecer. Non andamos moi sobrados de escritores que cultiven o xénero e se ademais a súa potencia cómica estriba en crear situacións hilarantes a partir de reaccións insólitas dos personaxes, en circunstancias habituais e próximas ao lector, consegue engancharnos á súa disparatada narración. Con referencias directas á película Vive como quieras de Frank Kapra e cunha trama que nos fai evocar ao mellor Wilt de Tom Sharpe, Joaquín Bergés vainos conducindo por uns escenarios facilmente reconocibles pero nos que se suceden situacións sorprendentes e delirantes ou monólogos máis próximos á comedia de situación ou ao vodevil que á novela. Os episodios do aniversario ou da persecución dos Reis Magos alcanzan cotas elevadas de humor e comicidade, facendo que as risas do lector se encadeen nunha espiral que parece non ter fin. Nada fai presaxiar no que acabará todo, nada anuncia o final que se aveciña. E penso que niso se asenta a eficacia emocional deste atractivo relato de pais, fillos, novas conquistas amorosas e sensacións recuperadas. Poida que algún pense que a novela abusa do humor, pero no desenlace xustifícase a súa función. Persoalmente creo que o autor é plenamente consciente dese equívoco e condúcenos cara a un final no que se manifesta a traxedia, unha situación (emocionante) inesperada e tamén a conmovedora conclusión.

Resumindo: humor, emoción, enredo e unha sensación de satisfacción pola lectura son os valores dunha obra que sinceramente recomendo.

Dulce Chacón ou a literatura comprometida


Hai unhas semanas estreouse nas salas de cine a película La voz dormida, dirixida por Benito Zambrano e baseada na obra homónima de Dulce Chacón, escritora que nos deixou xa hai oito anos á idade de 49 anos. Eu non vin a película xa que, en xeral, teño por norma non ver unha película se previamente lin o libro, porque adoito ficar defraudada. Moitas veces os directores cambian ou adaptan parte dos argumentos, unha práctica coa que non adoito estar de acordo. Así, sen ver a película quedo co libro, tal como o escritor quixo que fose.
Dulce Chacón naceu en Zafra (Cáceres) no seo dunha familia podente, conservadora e aristocrática, pero converteuse moi pronto nunha persoa de esquerdas. Unha das razóns, segundo ela, foi o silencio familiar acerca da represión franquista, que foi particularmente cruenta en Zafra. A causa das vítimas do franquismo foi unha das súas prioridades: ela opinaba que o rancor derivado da violencia política durante a Guerra Civil e o franquismo segue enquistado porque nunca se expuxo á luz pública. O seu lema ao respecto foi "nin rancor nin esquecemento”. O seu interese por este tema quedou ben reflectido na novela La voz dormida. Está situada na posguerra e nela recolle os testemuños de mulleres do bando perdedor da Guerra Civil de toda España. Relacionada con este tema está a primeira das novelas que lin desta escritora, Cielos de Barro. Desenvólvese nunha herdade estremeña na que ten lugar unha matanza.
Outro dos temas polos que se interesou e que tamén reflectiu nas súas novelas foi as mulleres. Deste tema tratan as novelas Háblame, musa, de aquel varón e Algún amor que no mate. Esta última narra a historia dunha muller maltratada polo seu marido. Desta novela dixo José Saramago que é "dura pero necesaria", e eu penso o mesmo porque todo o que acontece ao redor do maltrato das mulleres ten que saír á luz, pois é o primeiro paso para loitar contra esta eiva da nosa sociedade.
Dulce Chacón tamén escribiu poesía, mais eu non lin ningún dos seus poemas. Agora que está rematando un ano e vai comezar outro quizais podería ser un dos meus propósitos para o novo ano, ler poesía desta escritora.

12 dic 2011

Cen anos con Álvaro Cunqueiro

Entre eses autores de cabeceira, dos que non che cansas xamais, porque son tan polifacéticos que mergullándote na súa obra sempre atopas o que buscas, está Álvaro Cunqueiro, novelista, poeta, xornalista, dramaturgo, ademáis de famoso e entusiasta gastrónomo.
Coma todos os grandes posuía un vasto e diverso universo propio, que queda reflectido nas súas creacións, onde teñen cabida o mítico, o máxico, o lírico, o cotián...
Difícil recomendar unhas poucas obras dun dos xenios da literatura galega, así que para axudarvos a decidir por onde comenzades a lelo ou a renovar a súa lectura temos a presentación de Elvira Roiz.
Intro_C
View more presentations or Upload your own.

Infancia e adolescencia
Os anos composteláns
Cunqueiro xornalista do réxime franquista
O regreso á terra
Anos de colleita e recoñecemento
Últimos anos

10 dic 2011

DEZ DE DECEMBRO:DÍA DOS DEREITOS HUMANOS

63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.

Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.

Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.

E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"

* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.

Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!


Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.


Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)


8 dic 2011

Conferencia de Manuel Núñez Singala

Mañá venres, ás 12:30, terá lugar no salón de actos unha conferencia de Manuel Singala sobre os prexuizos lingüísticos, dirixida a todos os alumnos de segundo de bacharelato e organizada polo equipo de Normalización lingüística.
Elvira Roiz é a autora desta presentación sobre o conferenciante.

28 nov 2011

Concurso de fotografía

Expresar cunha fotografía a lectura, o libro e/ou a biblioteca, era o que lles pedíamos aos participantes do concurso.
O primeiro premio foi para Varja pola fotografía "A infancia escrita" .Varja presentou unha serie de fotos relacionadas co pracer que nos proporciona a lectura: de neno,deixarse vencer pouco a pouco polo sono mentras escoitas un conto que che le a tua nai; de maior, ler ao aire libre cando chega o bo tempo ou un suave outono o permite , ou enteirarte das noticias do día mentras gozas dun café.
O segundo premio móstranos un relaxado ambiente de lectura: a habitación, o particular reino de cada quen, onde gardamos os libros preferidos.
Cristina, o terceiro premio, quixo salvar do esquecemento un libro queimado que rescatou na Fábrica de lápis.Na súa opinión ningún libro merecería ser destruído,aínda os que expresan ideas equivocadas ou relatan un pasado escuro deben conservarse, para dar testemuña da capacidade de mellora e avance que sempre teremos.O título da foto:"O libro condenado".
Esta é unha selección das fotografías:



27 oct 2011

O poder da lectura

O curso pasado eu compartía unha garda con Angeles Seoane, unha das nosas profesoras de Lingua e Literatura Castelá. Sempre que faltaba algún profesor dicía, vou eu que lles vou ler. E alí ía ela cargada cos seus libros. Eu nunca a acompañei ata que un día, ao remate do curso, a un grupo de 3 º ou 4 º da ESO, agora non o recordo exactamente, lle faltou un profesor. Cando chegamos alí outra profesora que tamén estaba de garda e máis eu, todo estaba manga por ombro, un grupo de alumnos xogaba as cartas, outros estaban sentados nas mesas e todos falaban a gritos. Puxemos orde, de mala gana deixaron ás cartas e conseguimos que todos sentaran da forma correcta. Estabamos nisto cando chegou Ángeles cos seus libros. Díxonos, coma sempre, quedo eu que lles vou ler. A outra profesora e máis eu pensamos que dado como estaba a clase ía ser difícil que o fixera e quedamos para axudala a manter a orde da clase. Angeles colleu un dos libros que levaba, abriuno e dixo vouvos ler un conto de Cortázar. Eu pensei para min, isto vai ser imposible. Pero ela de pé, e camiñando entre eles, púxose a ler desa marabillosa maneira que o fai sempre. Ao comezo, os alumnos intentaban falar, protestar e facer calquera cousa para distraela e facer que aquilo non puidera chegar a bo termino. A outra profesora e máis eu rifabamos para que polo menos mantiveran as formas nas que se debe de estar na clase. Pero pouco a pouco a clase foise quedando en silencio, os alumnos quietos e comecei a decatarme de que moitos deles estaban atendendo ao conto. O conto era La Continuidad de los Parques que está incluído no libro Final del Juego e que é moi curto. Só media páxina do libro de texto. Curto pero cunha intriga e cunha trama que os foi atrapando pouco a pouco. Ao remate da lectura ela estableceu un diálogo con eles facéndolles preguntas a cerca dos personaxes, dos sucesos que narra o conto, etc. Moitos levantaban a man para respostar. Falaron do final do conto, doutros posibles finais, de porque sucedía esto ou o outro, etc. E desta maneira remataron os cincuenta minutos da clase e aconteceu algo que ao comezo da clase parecía imposible, que o grupo sucumbise ao poder da lectura.

Pd. Se alguen quere ler este conto o pode facer en: http://www.ciudadseva.com/textos/cuentos/esp/cortazar/continui.htm.

24 oct 2011

CELEBRAMOS O DÍA DAS BIBLIOTECAS CON CLIPHISTORIA


Como xa sabedes, hoxe é o día das bibliotecas, que se celebra sempre o 24 de outubro desde 1997, por iniciativa da Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil .
O lema que se propón este ano no cartel ilustrado por Emma Ríos é Biblioteca escolar:Última xeración, posto que a biblioteca é tamén un espazo para a innovación, e nela teñen cabida ademáis dos libros, as novas tecnoloxías.
E aquí tendes un exemplo,A revolución do alfabeto, de Cliphistoria, a canle de youtube na que o profesor deste centro, Manuel González, ten almacenados máis de mil videos para o ensino desta asignatura, atendendo especialmente ao cinema español e latinoamericano, como él mesmo conta na entrevista que lle fixeron o pasado verán en El País



13 oct 2011

Boas noticias para os lectores

Nestes días tivemos noticia nos medios de comunicación de que se abriron dúas novas librerías, o cal sempre nos resulta agradable a todos aqueles aos que nos gusta ler.

Unha está na nosa cidade, concretamente na rúa Galiano, 15 e se chama Nobel. É unha franquicia das librerías Nobel, www.libreriasnobel.es. Estas librerías foron fundadas en Sao Paulo, Brasil en 1943. Despois de expansión en Brasil, pasaron a vender en Portugal e en México, e na actualidade estanse a espallar por toda España. Venden tamén Cd’s, Dvd’s, vídeos, papelería, xogos educativos, produtos multimedia, etc.

A outra librería da que vos quero falar só está na rede, é a sucursal de España de Amazon, www.amazon.es. Amazon é unha compañía estadounidense que comezou a traballar en 1995 e que foi das primeiras en vender a través de internet. Inicialmente foi unha librería, pero co paso do tempo se diversificou vendendo na actualidade tamén música, software, videoxogos, electrónica, roupa, etc. É unha das compañías de máis vendas por internet. Nos primeiros días de funcionamento en España vendeu moitos miles de €.

O que quero con este post é poñer de manifesto que eu penso que as librerías tradicionais non son incompatibles coas que venden a través internet. Que as librerías tradicionais non van morrer porque non hai mellor cousa que ir, ver, e tocar os libros. Son complementarias, que todas teñen o seu oco e que o que queremos os lectores empedernidos é ter moitos libros á nosa disposición, do xeito que sexa.

26 sept 2011

Lembranzas do verán: viaxe a Porto, con visita á librería Lello.



Xa pasaron tres meses desde a última entrada do mes de xuño, cando o verán era aínda unha promesa; de novo voltamos ao traballo e estamos afacéndonos ás nosas rutinas.
Pero seguro que durante as vacacións todos disfrutamos da libertade que dá o ter unha chea de tempo a disposición para facer o que nos gusta: O verán sempre nos deixa un pouso de vivencias para lembrar.
Entre as miñas ocupacións estivais preferidas,viaxar ocupa un lugar moi destacado.
Este agosto visitei Porto, que despois de moitos anos sen ir, sorprendeume gratamente.
Cousas que ao meu parecer son moi recomendables da veciña cidade: navegar polo Douro, ver o interior do Pazo da bolsa, xantar unha francesinha ou arroz de marisco ou petiscos de bacalhau nalgún restaurante bonito da Ribeira, atravesar a ponte de Eiffel para visitar as adegas e os locais con encanto da outra beira do río, subir con calma á Catedral polas pintorescas e fatigosas escadas do Barredo, tomar un café no Majestic, comprar algo no mercado, pasear pola Praza da Liberdade, achegarse á Estación de S.Bento, chea de fermosos azulexos, contemplar os tellados da cidade desde a Torre dos Clérigos, tomar un refresco nas terrazas da Praza dos Leones e pasar por algunha das súas lendarias librerías, como a mundialmente famosa, despois de aparecer nunha das películas de Harry Potter, Lello e irmao, da que vos deixo unha presentación.

Bo comezo de curso!

26 jun 2011

Despedida do club de lectura co pregón de Rosa Aneiros

O pasado xoves reuníuse o club de lectura na derradeira sesión do curso.
Ademáis de comentar dous relatos de Ray Bradbury pertencentes a "Crónicas marcianas", limos en alta voz un fragmento do optimista e fermoso pregón de Rosa Aneiros que inaugurou a feira do libro de Ferrol iste ano:
É este, abril, o mes no que comezan as feiras, o mes onde as árbores locen
escintilantes os seus abrollos acabados de estrear, o mes no que as páxinas dos libros acampan nas rúas, desafían a chuvia, adoecen coa calor. Pero o papel atura, as letras resisten o envite da intemperie para se achegar ás mans dos lectores e lectoras. Con Eliot, con Rosalía, con Lois Pereiro, con centos de autores e autoras que contan historias para nós, estreamos en Ferrol o mes de abril. E estreámolo porque os libreiros e as libreiras arrastran os seus vultos de soños e nolos ofrecen como froita temperá para alimentar a ilusión e arredarnos da tristura. Da monotonía. Da friaxe, da indiferenza.
Non é doado. Todos os días ao abrir o xornal, ao prender a radio, ao sintonizar o televisor, ao premer un enderezo en Internet recibimos un auténtico boureo de noticias relacionadas coa crise económica. Sabémolo porque nolo contan os medios pero tamén porque vivimos baixo a sombra alongada das penurias e das preocupacións por chegar a fin de mes. Fronte ao horizonte gris da apatía, e da desesperación os libros seguen ofrecéndonos portas abertas para a esperanza. Segue habendo un mundo agardando por nós en cada libro. Seguen querendo contarnos historias. Cousas do cotío, pulsos contra a tristura para facernos felices.
Por iso hoxe quixen traer comigo un ronsel de faíscas luminosas, un ronsel de
esperanzas.
Escoitaron vostedes falar algunha vez dos Morcegos de Canido? Dos pantasmas de papel de Neda? Do Sansaliber de San Sadurniño? Do Segrel de Neda? Dos siareiros de Sofía ou de Saturnino Hermida? Saben vostedes de que lles falo? Fálolles da gran revolución silenciosa que está a sacudir dende hai uns anos as bibliotecas públicas de Galicia, tanto as dos centros de ensino como aquelas municipais. Falo dos clubs de lectura. Quen se interesa polos libros, dirán? Se á xente nova non lles gusta ler, pertencen á xeración nin-nin que nin estudan nin traballan nin unha cousa nin todo o contrario, esa xuventude tan formada e tan analfabeta para os libros... Trabúcanse. Nunca tanto se leu coma hoxe en día. Nunca houbo adolescentes con tanto acceso nin tanta implicación coa lectura. Actualmente están funcionando douscentos clubs de lectura en centros de secundaria en Galicia. Estes clubs acollen tanto
a alumnado como a pais e nais que participan do coloquio, que comparten a
extraordinaria experiencia lectora. Ademais destes douscentos centros están
aqueles vinculados a bibliotecas municipais, tamén as que nacen ao abeiro dos centros de primaria. Só nos institutos hai en Galicia máis de cinco mil persoas que semana a semana partillan libros. Cinco mil. Pais, nais, alumnado que se enredan, que aman e odian, que medran, que coñecen a partir das páxinas dos libros. Non se conforman. Sempre queren máis. É por iso que non lles abonda con clubs, pequenos encontros nos centros públicos, nas aulas. Non, queren máis. Todos os clubs reúnense fóra de horario lectivo, nos recreos, nas pausas do xantar, polas tardes... cando poden. Renuncian ao seu lecer privado por falar de libros. De libros! Pero xa non abonda cos libros en xeral, hai clubs de lectura de manga, de novela realista, de misterio, de ciencia ficción, de poesía... Xa non abonda coas reunións presenciais, teñen blogs nos que van avanzando os progresos nas lecturas, póñenlles música, vídeos, falan de arte, organizan excursións a escenarios literarios. Tampouco abonda xa coa experiencia dos compañeiros e compañeiras de aulas. Deciden reunirse na rúa, nos parques, nas bibliotecas, con membros doutros clubs e partillar escenas,personaxes, cancións, tramas, finais felices ou tristes, citas literarias...

Merece a pena lelo todo neste enlace
Felices vacacións!

20 jun 2011

O XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DE SANTA COMBA



Do 1 ao 23 deste mes a biblioteca acolleu a exposición da sociedade cultural Columba sobre o xacemento arqueolóxico de Santa Comba.
Nos didácticos e interesantes paneis recollíase moita información sobre o entorno, a bela praia de Santa Comba en Covas, así como da restauración da capela, a excavación que alí se realizou coas súas fases e todos os obxectos atopados nela: cerámicas,cuncheiros, ferramentas...todo iste legado permítenos saber máis da vida dos nosos devanceiros.
Precisamente unha das finalidades da asociación Columba é investigar no pasado da nosa zona e tamén traballar a prol da conservación do noso patrimonio, dándoo a coñecer e contribuíndo á súa posta en valor.
O presidente da asociación, D.José López Hermida, ofreceunos o pasado venres unha charla á que asistiron todos os alumnos de 1º da ESO, que queremos agradecerlle, xa que é importante educar aos rapaces no respecto polos bens do pasado.

13 jun 2011

Foise Juan Farias



Aos 76 anos de idade faleceu antonte Juan Farias, escritor ao que as bibliotecas escolares de Ferrolterra adicámoslle, se lembrades, o día do libro infantil e xuvenil.
A prensa fíxose eco desta gran perda.
Quedan connosco os seus libros, e en sentida homenaxe ao autor, reproduzo aquí a presentación que escribin para o club de lectura de "Crónicas de media tarde":
Eu non coñecía a Juan Farias ata este curso, no que unas compañeiras mo descubriron nunha xuntanza do PLAMBE de Ferrol. Nesa xuntanza acordamos traballar sobre a vida e a obra deste autor. Segundo fun sabendo sobre él, interesoume cada vez máis, pois existen detalles que achéganme a súa figura: é de Serantes, como a familia do meu pai ; medrou, como moitos outros nenos, eu entre eles, lendo as aventuras de Huckleberry e o indio Joe, de Jim e de John Silver; e por fin, era o guionista dunha serie que tamén me leva aos meus primeiros anos, “Crónicas de un pueblo”.
E precisamente trata sobre as crónicas dun pobo, Mediatarde, o libro que estamos a comentar. Crónicas de Media Tarde é a narración do que aconteceu neste pobo, desde as orixes ao seu final.
Era Media Tarde un pobo pequeno, que non ven nos mapas, de terra mala, cunha igrexa que tiña unha torre na que aniñaban as cegoñas. En Media Tarde vivíuse a guerra, e despois esmoreceu pouco a pouco, e agora xa é difícil ata seguir o rastro das lembranzas. Pero para eso está Juan Farias, para que non se esquezan as tres historias que sucederon en Media Tarde.
Na primeira, “Anos difíciles”, un neno, Juan de Luna, espera con impaciencia a chegada da guerra, mesmo subindo ao campanario da igrexa para ser o primeiro en vela. A guerra tarda moito en chegar, pero chega a escaseza, o receo, as pelexas entre os vecinos, e finalmente a dor e a morte que levan aparellados todas as guerras.
No “Barco dos peregrinos”outro neno sen nome cólase de polisón nun barco chamado Aturuxo, porque quere vivir aventuras, mergullarse nese mundo “enorme e emocionante” que latexa nos libros. No barco faise amigo dun mariñeiro, Macario.
A terceira historia , “O gardián do silencio”, dun tempo máis actual, conta a charla entre o médico de Padín, aldea non moi distante de Media Tarde , e Xusto, o último habitante.
Merece especial atención o estilo de Juan Farias, conciso, de frases sinxelas e breves e vocabulario coloquial, pero ao mesmo tempo fortemente poético. Dun xeito impresionista, con poucas e precisas pinceladas consegue retratar a realidade con toda a súa beleza. Un esquío, un espantallo, unha manta de cores abondan para que comprendamos a tenrura e as complicidades dunha vida de familia.
A obxectividade narrativa, case cinematográfica ás veces, deixa sempre entrever as simpatías hacia algúns dos personaxes, e a fonda sensibilidade do escritor. Un exemplo: o relato da pena de D.Xacobe.
E Juan Farias un autor para nenos? Coincidindo co que di Carlos Casares no prólogo, penso que Farias “escribe cada libro e cada historia no ton que lle corresponde, e isto fai que despois o vaian encaixando os demáis –editores e lectores- no espacio que consideran máis axeitado, sempre, xaora, no amplo territorio da imaxinación que chamamos literatura, que é onde habita, para o seu gozo e mailo noso, este magnífico escritor”.
(imaxe cedida pola biblioteca Xoán Farias)

1 jun 2011

A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas

Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.


Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.

Colectivo dos equipos das bibliotecas escolares integradas no PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares Galegas)

23 may 2011

Gañadores concurso marcapáxinas


O xurado tivo que pensalo moito, pero xa temos gañadores no concurso de marcapáxinas adicados a Lois Pereiro.
O primeiro premio foi para Miriam, de 1ºB ; o segundo, para Araceli, de 1º A, ámbolosdous grupos de bacharelato; o terceiro para Varja, de 4º A da ESO.
Parabens ás tres, e lembrade que podedes visitar a exposición dos traballos participantes na biblioteca.

15 may 2011

LETRAS GALEGAS: O ANO DE LOIS PEREIRO

Como dixo Manolo Rivas, na obra de Lois Pereiro, máis que na de ningún outro poeta galego,o amor e a morte, Eros e Thánatos, van da man.
Poesía dunha intensidade poco común, é facil lembrar moitos dos versos de Lois, quedan impresos na memoria porque son versos de francotirador,van directos ao corazón e penetran nel, pola verdade do sentimento que transmiten, pola forza e expresividade das súas imaxes.
Un poeta fondo, emocionante, para lelo devagar e revisitalo a miúdo.

E para coñecelo mellor, podedes ver o powerpoint feito por Elvira Roiz, aconsellada por Inés. A presentación que aparece aquí é a introducción, para ver as restantes partes premede nas ligazóns.


View more presentations or Upload your own.

MONFORTE

MADRID

CORUÑA 1

CORUÑA 2

E desde o cartel do marxe de "Vento Lois" podedes enlazar co artigo de Manuel Rei "Lois Pereiro: a extravagancia dun poeta periférico"

3 may 2011

XUNTANZA PLAMBE


O mércores pasado a nosa biblioteca acolleu a visita das dinamizadoras doutras bibliotecas da zona de Ferrol e Pontedeume, e tamén contamos cun dinamizador, Julio.
Algúns, que estudiaran no centro, amosaron a sua sorpresa porque non sabían da peculiaridade da biblioteca, antiga capela.
E como é de seu nas xuntanzas de bibliotecas recomendámonos lecturas, intercambiamos consellos e quedamos para a próxima ocasión na biblioteca de Moeche.
Non faltou tampouco o cafetiño con biscoito e o intercambio de agasallos.
Agradecemos moito o estupendo libro que nos regalaron que pasou xa a formar parte do grupo de exemplares especiais, asinados por escritores e/ou amigos que pasaron por aquí e que nos gusta moito ter ocasión de recibir.

23 abr 2011

CONCURSO DE MARCAPÁXINAS ADICADOS A LOIS PEREIRO


Co gallo das Letras Galegas o equipo da biblioteca organiza un concurso de marcapáxinas adicado ao poeta monfortino Lois Pereiro.

Os versos que podedes incluir, seleccionados por Inés, son os seguintes:

1.- ...e estou vivindo un soño repetido
nas noites dos que me seguen querendo.

2.- A amizade protexe e o amor cura
o odio contaxia e fire,
a indiferencia mata.

3.- Que a vida non me sorprenda xamais
desprevenido, calado e neutral.

4.- ¿De qué parte que non sexa sempre a das novas víctimas , dos novos vencidos doutras guerras, podemos estar xa?

5.- Amarte, vida, amarte case sempre!

Aquí tendes as bases do concurso:

12 abr 2011

MEMORIAS DE DON XOSÉ.


Co aplauso forte e emocionado dun público posto en pé, rematou a intervención de D. Xosé Neira Vilas, que pechou os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares.
Debullando as lembranzas da súa longa e plena vida co fío condutor do papel que xogan libros e bibliotecas no devir dunha persoa, D.Xosé contounos como mercaba os primeiros libros "por correspondencia", pagados cos cartos que ía aforrando, e como os agochaba baixo o tellado, ata que o seu pai descubriu "o niño" de libros, e non se enfadou, senón que o animou a seguilos mercando, iso si, "con moderación".
Os libros, os desexos de ter moitos, foron "en certa maneira"os causantes de que el marchara á procura de traballo para a Arxentina, e logo a Cuba, onde casou con Anisia Miranda.
Alí apadriñou un colexio chamado como o noso instituto, Concepción Arenal.
Reivindicou D.Xosé a coexistencia das novas tecnoloxías co libro na formación dos xoves, aos que debemos educar para que sexan menos "nugalláns". En Cuba, cando nace un neno, regálanlle, coa culleriña de prata co nome gravado, os primeiros libros, o xerme do que será a futura biblioteca. Fermoso agasallo, que conxuga alimento para o corpo e máis para o espírito, atendendo á necesidade de todo ser humano de medrar por fóra e tamén por dentro.
Cantos libros terán pasado polas súas mans, libros lidos, libros pedidos para logo regalalos, nun continuo trafego coa xenerosa vontade de achegalos á maior cantidade de xente posible; e o máis importante, libros escritos, como "Memorias dun neno labrego", do cal celebramos este ano o 50 aniversario. É o libro máis lido da literatura galega, traducido a multitude de línguas, que conseguiu dar a coñecer a cultura e lingua galegas por todo o mundo.
Balbino, o neno labrego, é un personaxe universal, que vive e vivirá na memoria de moitos lectores como vive e vivirá na memoria dos que tivemos a fortuna de escoitala a lúcida, enxeñosa, conmovedora charla que nos ofreceu D.Xosé.
( Fotografía do blog "O segrel do penedo". Autora: Loly Lago)

4 abr 2011

CHARLA DE XABIER P. DOCAMPO


Malia só ter lido un dos seus libros e coñecer moi pouco a vida do autor, pareceume un home moi interesante que me animou a profundizar na súa obra.
Ao chegar, ninguén sabía como ía ser a charla, cousa que fixo que a primeira fila estivese deserta, pero a medida que o autor foi falando e achegándose a nós, tocando temas que un non imaxina facilmente saíndo da boca dun escritor coñecido, fomos liberando tensións e comezamos a facerlle preguntas. A charla demostroume que os escritores tamén son xente normal e non eses seres superiores que un imaxina ao rematar un libro e ler a súa biografia. En definitiva, Xabier P. DoCampo, un escritor marabilloso e un home espléndido.

Pablo Paz
(Fotografía:Amparo Martínez)

2 abr 2011

2 DE ABRIL CON XOÁN FARIAS

Noraboa a todos os nenos e nenas, mozos e mozas
que participaron e encheron de vida os libros
de Xoán Farias.

31 mar 2011

Purga: historia de Estonia


Hai pouco tempo, no suplemento de El País “Babelia” (unha das miñas fontes para estar ao tanto do panorama literario), vin una recensión dun libro titulado Purga, a terceira novela dunha escritora estoniano-finlandesa chamada Sofi Oksanen. Lin o seu resumo e de seguida decidín lelo, en principio por ser unha novela que se desenvolve en Estonia, país que visitei dúas veces co proxecto Comenius e que me gusta e interesa, mais do que sabemos moi pouco por estas latitudes. A novela é un thriller que comeza e remata en 1992, un ano despois da independencia de Estonia e tres da caída do muro de Berlín. Entrelaza presente e pasado cunha gran mestría para unha escritora tan nova. Narra a historia de Zara, unha moza de orixe rusa vítima do tráfico de mulleres que consegue fuxir en Estonia. Case moribunda, atópaa Aliide Truu, unha vella muller que malvive soa nunha zona rural moi semellante á zona que visitei eu (Kehtna). Superada a desconfianza inicial, nace un vencello especial entre elas ao descubrir que ambas sufriron unha violencia extrema, e destápase unha complicada trama de rivalidades e deslealdades que destruíron a súa familia. O período máis retratado son os anos que Estonia pertenceu a Unión Soviética, tempo que ao meu modo de ver queda moi ben reflectido. É unha novela dura pero fermosa ao mesmo tempo que me mantivo en vilo ata o último capítulo. Os seus capítulos son curtos (algúns dunha folla), o que lle imprime un ritmo rápido que fai que a súa lectura sexa aínda máis trepidante. A min atrapoume desde o primeiro momento, tanto foi así que a lin en catro días. Recibiu moitos premios, entre eles o Premio europeo á mellor novela do ano 2010, premios que eu penso que merece. Animádevos a lela e xa me contaredes que vos pareceu.

Banda sonora X

Cando en España non existía aínda a radiofórmula había tres ou catro comunicadores que exercían un labor pedagóxico cos oíntes naquel ermo musical que era España. Raúl Matas, Anxo Álvarez e Juan María Mantilla son para min os símbolos daquela época. Entre eles creo que mención á parte merece Juan María Mantilla, que foi inxustamente esquecido nas crónicas da época, e o seu arquivo sonoro non foi reivindicado como se merece. Talvez no seu Santander natal aínda teñan na súa fonoteca algún dos seus recordos musicais. Eu, ademais de gozar dos seus programas: Club de Jazz, Mirando hacia atrás con música, ou a saga de Discoteca 66, 67, 68… en Radio Nacional, tiven o privilexio de gozar da súa amizade grazas á mediación de Javier de Castro. Nós estabamos, como xa contei noutras entradas deste blog, no Colexio Maior Fonseca de Santiago e unha das nosas citas ineludibles das tardes era o seu programa de música. Hoxe en día calquera programa que se preze pide aos seus seguidores que opinen no facebook ou en twitter, el fomentaba a nosa participación con agasallos de discos promocionais ás mellores apuntamentos ou comentarios das novidades. Nos envíos de achegas persoais eramos asiduos tanto Javier como min, e debo confesar que ademais nos levamos bastantes daqueles agasallos. (Especial ilusión fíxome unha caricatura dedicada enviada por Luís Eduardo Aute como agradecemento a unha das miñas opinións sobre o seu disco).

A partir desas participacións Juan María Mantilla sentiu curiosidade e entrou en contacto, por teléfono, connosco. Frecuentemente recordo con nostalxia aqueles días de longas charlas coa boa música como tema. Era tal a súa ilusión e interese coas nosas conversacións e achegas ao programa que chegou a afirmar na súa colaboración semanal do dominical do diario Xa de Madrid que no noso Colexio Maior atopábase o grupo de persoas que máis entendían de música en España (o que obviamente era unha esaxeración). El naquelas charlas, intentaba fomentar a nosa admiración polos clásicos do blues ou o jazz e ás nosas citas acudían puntualmente as alusións aos vellos bluesman como Leadbelly, John Lee Hoocker, Sonny Boy Williamson, Muddy Waters e tantos outros. Naturalmente non podían faltar os comentarios sobre as novas tendencias do blues e o R&B branco e o seu auxe no Reino Unido con frecuentes mencións, loxicamente, a John Mayall .



Naquela época no Reino Unido, para algúns músicos, o blues era case unha relixión, un territorio común onde se admiraba desde os puristas sureños do blues rural aos máis sofisticados antecesores do soul e o funky. Os bluesman anglosaxóns dividíronse en dous grandes grupos: aqueles que profundaban nas raíces e formas xenuínas do xénero e os mistificadores que reconverteron o blues que chegaba de Chicago nun rock máis urbano, metálico e desenfadado. John Mayall abandeira aos seguidores do purismo. As diferentes formacións que encabezou formaron unha escola na que el exercía un impagable labor docente. Nelas formáronse instrumentistas que logo, ao marchar, foron estrelas nos grupos que lideraron. Soamente poñerei uns cantos exemplos: Eric Clapton e Jack Bruce (Cream) Peter Green e John McVie (Fleetwood Mac) Larry Taylor e Harvey Mandel (Canned Heat) Aynsley Dunnbar e Don Sugarcane Davis ( Mothers of invention con Frank Kappa) ou Mick Taylor que se iría aos Rolling Stones, e un longo etcétera.

Despois de varias formacións Mayall chegou ao nº 3 británico co disco Bluesbreakers con Eric Clapton (pero a reputación de Clapton superou á do líder e abandonou o grupo para formar Cream). Logo de bos discos como A hard road, Crusade e Blues from Laurel Canyon chegou o seu gran momento e recoñecemento mundial co mítico Room to move, e a partir de aí a súa figura iría ligada a este tema e a súa interpretación coa harmónica.

Nos seus principios, moi influenciados polo son de Chicago, tomou como súa a cruzada de dignificar ao blues e os bluesman. Sería a partir de Bare Wires cando decidiu gravar soamente composicións súas coa base do blues pero con arreglos máis actuais en discos como Empty rooms, USA Unión ou Memories. Logo, nos 70, evolucionou cara ao jazz en discos como Jazz Blues Fusion. Mención á parte merece The turning point, o que sería o seu grande éxito, utilizando elementos acústicos e sen batería significou todo un aldabonazo no público que lle recoñeceu os seus méritos mundialmente. Estes anos, finais dos sesenta e principios dos setenta, constitúen a súa grande época logo evolucionou hacia sons máis country e funky buscando unha comercialidade que nunca volveu. Hoxe en día segue a ser unha referencia e na súa volta ás raíces seguiu gravando discos notables, como Stories (2002) Roads dogs (2005) ou In the Palace of the King(2007), e segue sendo un músico respectado e admirado por unha minoría pero a súa repercusión cada vez é menor e a súa estrela apagouse lentamente.



Interpretación de Room to move en 1984 no Festival de Jazz de Montreal

11 mar 2011

EXPONEGRO





Non sen certa mágoa desmontamos a exposición sobre xénero negro que nos acompañou desde novembro ata agora,e xa estamos a preparar a seguinte, que vos adianto será sobre o tema de inventos e descubrementos.
Pero aínda que os libros e pelis volveron ao seu posto nos andeis da biblioteca, as súas intrigas e aventuras continúan a chamar por todos vós, lectores aficionados.
Recomendámosvos especialmente, se non os coñecedes, toda a serie do comisario Salvo Montalbano (que ten este nome porque o autor, o estupendo Andrea Camilleri, quixo facer homenaxe a Vázquez Montalbán, creador doutro detective clásico, Carvalho ) e tamén, sen movernos de Italia, pero cambiando o escenario do sur ao norte, de Sicilia a Venecia, as apaixoantes novelas protagonizadas por Brunetti, obra de Donna León.
E unha suxestión en cómic: a exitosa e multipremiada colección Blacksad, protagonizada por animais con forma e características humanas e ambientada nos Estados Unidos dos anos 50.

10 mar 2011

O pracer de ler

Pode un lector ávido de novas lecturas pasar por alto un libro que ten por título El club de los optimistas incorregibles? Eu persoalmente non puiden; atraeume desde o estante das novidades e souben que a súa lectura me estaba agardando.
Esta recreación do París dos anos 60 aos ollos dun adolescente reborda frescura e emotividade, e compón un mosaico no que teñen cabida as relacións familiares, a chegada dos exilados dos países do leste, a guerra de Alxer e o regreso dos "pieds noir" ou o encontro do primeiro amor. Todo iso é narrado con sobriedade, nun estilo sinxelo que quizais oculta as profundas reflexións que nos propón. Tal vez o lector (como no meu caso) véxase reflectido nese adolescente contestatario que toma o rock and roll de Jerry Lee Lewis ou Fats Domino como bandeira da súa rebeldía, fanático do cinema, fotógrafo afeccionado e que, no seu afán de comprender o mundo, convértese nun lector compulsivo. Coa omnipresencia do Barrio Latino de París até converterse nun protagonista máis, o autor trasládanos polos evocadores Boulevard de Saint Germain, o Sena, a Sorbona, o Panteón ou o romántico estanque dos Medicis nos Xardíns de Luxemburgo; lugares onde o protagonista encontrará a amizade, o amor, e por primeira vez atoparase de cara coa morte.

El club de los optimistas incorregibles é unha gran novela coral (non soamente polas súas 650 páxinas) capaz de reunir o aplauso da crítica (Premio Goncourt des Lycéens 2009 e Premio Notre Temps 2010) e o éxito do público con máis de 200.000 exemplares vendidos en Francia. Cos ollos dese adolescente que descobre o mundo que lle rodea Guenassia vainos describindo a tensión política francesa que máis tarde dará lugar ao Maio do 68 e o desarraigamento e frustacións daqueles homes que se definen a se mesmos como "optimistas incorrixibles" a pesar de ter que abandonar a súa familia, amores, ideais e principios na súa fuxida do comunismo soviético e posterior exilio. Con todos estes ingredientes o autor consegue compor unha novela deliciosa, capaz de transmitir emocións persoais, socio-políticas e históricas cunha narración sinxela e apracible; pero, ao tempo, apaixoante e intrigante. E aínda que o seu emotivo final descúbranos quizais o abandono dese optimismo que aínda era alimentado por numerosos idealistas, déixanos co convencemento de que no futuro debemos ter en conta a este novel escritor de 60 anos!

(GUENASSIA, Jean Michel, El club de los optimistas incorregibles, RBA Libros Narrativa, 2010)

2 mar 2011

VENTO LOIS

Como tod@s sabemos xa a estas alturas, o día das Letras Galegas de 2011 está dedicado ao monfortino Lois Pereiro (1958-1996), irmán dunha das profesoras do noso centro, Inés Sánchez Pereiro. Con motivo deste acontecemento,e coincidindo co aniversario de Lois, o pasado 16 de febreiro recibimos a visita do xornalista Xosé Manuel Pereiro, irmán do poeta, e do afamado escritor Manuel Rivas, outro irmán, non de sangue, senón “literario”, que viñeron a falarnos da figura de Lois, tanto no terreo persoal como artístico. O acto, que comezou as doce e media e durou ata pouco antes do remate da xornada, foi todo un éxito, tendo en conta o número de asistentes e o interese e cordialidade cos que acolleron aos conferenciantes. Tras un prometedor comezo no cal algúns d@s nos@s compañeir@s leron un poema de Lois e interpretaron unha peza musical (pois a música, como ben nos dixeron na charla, era esencial para o escritor), arrincouse a falar Xosé Manuel, facendo un emotivo e ameno repaso á traxectoria vital do seu irmán, desde a súa máis temperá nenez ata a súa etapa de adulto, ilustrándoo cunha serie de fotografías que testemuñan diversos momentos da vida de Lois. Logo tocoulle a quenda a Manuel Rivas, que nos obsequiou cun engaiolante discurso no que mesturou as súas lembranzas de Pereiro con reflexións sobre a literatura e a existencia, para rematar coa lectura dalgúns poemas do escritor. Pero o acto non chegou á súa fin aí: aínda había oco para as preguntas dos asistentes. Unha alumna quixo saber se á hora de escribir, Rivas tiña xa todo planificado na mente ou ía improvisando no proceso da escrita. Unha vez satisfeita a súa curiosidade, o público marchou, agás aquel@s que quixeron que Rivas lles asinase exemplares dos seus libros. Grazas á súa exposición e mais á de Xosé Manuel descubrimos moitos detalles da vida e da obra de Lois Pereiro, porque, non o esquezamos, a literatura hai que entendela en función dos momentos e experiencias que a inspiraron.

Sofía Lorenzo González (2º Bacharelato F)

15 feb 2011

DE TODO CORAZÓN


Celebramos o día de San Valentín,que tanto entusiasmo esperta entre o alumnado, cunha mostra de dedicatorias de amor, amizade e agradecemento. E non podía ser doutro xeito,as mensaxes ían escritas sobre corazóns decorados, que puxeron unha nota de cor durante estos días pasados na biblioteca.

1 feb 2011

Banda Sonora VIII


Durante a miña estancia no Colexio Maior Fonseca entrei en contacto cunha das persoas que máis admirei e máis influíu na miña formación musical: Javier de Castro Lorenzo “el Batas”, que xa se coou algunha vez por estas notas para puntualizar algún dato. Dono dunha colección de discos magnífica e posuidor dun saber musical enciclopédico, na súa cabeza aloxábanse todos cantos datos un podía necesitar sobre o rock, blues, jazz, R&B, ... A verdade é que non recordo como foi o noso primeiro encontro pero si que a empatía persoal que sentimos foi enorme. Durante uns anos compartimos as nosas afeccións, e os nosos descubrimentos musicais. Recordo que comprabamos os discos en Radio Diez (que ben nos trataba a paciente Moncha!) e escoitabamos ao noso amigo e admirado Juan María Mantilla en Radio Nacional (pero o benquerido e recordado Juan María Mantilla merece un capítulo á parte). Dicía que coincidiamos en moitas cousas; no estudo das Matemáticas e na nosa admiración por Eric Clapton entre outras moitas coincidencias e tamén lembro unha única discrepancia nas nosas múltiples conversacións sobre música: a súa devoción por Elvis Presley. Eu, aínda que admiraba certa época da súa obra, non mantiña xa esa fascinación pola súa figura e abandonara o seu seguimento por mor da súa evolución última cara á vulgaridade comercial e as drogas, cambiárannolo e eu seguía sendo fiel a Chuk Berry, Jerry Lee Lewis, Buddy Holly, Eddie Cochram, ou Carl Perkins, que consideraba pioneiros do rock, non contaminados.




CREAM

Pero dicía que a nosa primeira coincidencia fora Eric Clapton, o deus branco dos 12 compases. Na súa persoa pode resumirse a historia do rock. A principios do sesenta, en plena febre do rhythm and blues no Reino Unido comeza a dar os seus primeiros pasos que o levan aos Yardbirds. Curiosamente abandónaos cando alcanzan o éxito con For you love pola súa deriva comercial e congruente con estas ideas embárcase con John Mayall na marabillosa aventura dos Bluesbreakers. Con Mayall alcanza unha das súas mellores épocas e xorden as pintadas rueiras proclamando: “Clapton is God”. Alí fraguou un estilo que primaba a expresividade sobre a rapidez, tendencia predominante de entón, e que lle valeu o alcume de man lenta . O fraseo da súa guitarra era seguro, compacto, preciso e agresivo. Tras unha actuación,das moitas que tivo con John Mayall, conveu con Ginger Baker, batería entón da Graham Bond Organisation, en formar un novo grupo no que puidesen dar renda solta á inspiración de cada un e no que as improvisacións fosen parte fundamental dos seus concertos. Clapton puxo unha condición sen saber que nela ía implícito o final prematuro da banda: o baixista e a voz debería ser Jack Bruce con quen coincidira nunha pequena estancia de Bruce nos Bluesbrakers e a quen admiraba. A inimizade entre Baker e Bruce era manifesta, chegaran a pelexarse na Graham Bond Organisation onde ambos militaban. Cream foi o primeiro supergrupo da época e marcou as liñas mestras que outras bandas de finais dos 60 e primeiros anos dos 70 ían seguir. Toda a súa carreira musical está resumida en catro discos de estudo ( Fresh cream, Disraeli Gears, Wheels of fire e Goodbye) e dous discos en vivo. Aínda así venderon 35 millóns de álbums en só dous anos nos que foron evolucionando do blues-rock ao hard-rock e rock progresivo marcando unha tendencia que logo seguirían Deep purple, Black Sabath, Led Zeppelin e tantos outros. Coa guitarra de Clapton e a voz de Jack Bruce como protagonistas foron o centro de todas as miradas e convertéronse nunha das bandas máis imitadas. Cancións como Sunshine of your love, White room, Crossroads ou Badge atópanse entre as gravacións máis representativas desa época. O grupo volveu reunirse en actuacións esporádicas sendo a última no Royal Albert Hall de Londres en maio de 2005.





Interpretación de Sunshine of your love en vivo (Royal Albert Hall 2005)

30 ene 2011

Non me gustou


As veces que escribín neste blog foi para compartir con todos vos películas ou libros que me gustaron, pero esta vez vai ser distinto. Vouvos falar dun libro que lin o derradeiro verán: Fin de David Monteagudo. Aínda que o rematei, pois é o que adoito facer a menos que a lectura me resulte insoportable, non se mereceu que o fixera. Este home é un escritor novel de Lugo que ten un traballo modesto e que non vive do que escribe.
En principio a trama podería parecer interesante: un grupo de amigos na madurez reúnense, pasados un montón de anos sen ter contacto, nun refuxio no que estiveron cando eran mozos, e comparten un segredo sobre un deles. Cando cae a noite comezan a desaparecer, un por un, de modo, inicialmente, inexplicable. E ata aquí vouvos contar.
Para comezar, para min os personaxes son estereotipos: un pijo, unha hippy, unha parella que se leva mal, un gai que non acepta que o é, unha solteira que di que é o que ela elixiu aínda que desexa o contrario, etc. Nada novo, desde logo.
As súas relacións tampouco son nada novo, supostas amizades, envexas, axustes de contas de cousas que pasaron hai tempo, etc. O segredo (non volo vou contar, non sexa que alguén se decida a lelo e lle quede algo polo que chegar ata a última páxina) esbózase, pero non se aclara totalmente, ou iso foi o que me pareceu a min. Ás veces isto é o que fai interesante un libro porque che da que pensar despois de rematalo, mais esta vez deixoume totalmente indiferente. Menos mal que é curto e o rematei en pouco tempo.
Non pensedes que todas as críticas sobre o libro van no mesmo sentido que a miña. Buscando en Internet nun momento atopei varios enlaces que poñen a David Monteagudo á altura de escritores consagrados e ao libro polas nubes. Xa sei que os gustos das persoas no sempre coinciden, e que os críticos literarios, moitas veces, están tan endiosados que nada lles parece suficientemente bo. Tampouco creo que eu sexa unha lectora moi esixente. Leo por pracer e nada máis, pero esta vez coincido cen por cen cos que din que este libro é unha decepción absoluta.

18 ene 2011

El sueño del celta


Hai pouco rematei de ler El Sueño del Celta, a, para min e moita xente máis, supoño, nova obra mestra de Vargas Llosa, o meu escritor favorito, e non puiden resistir a tentación de poñerme a escribir este post porque non quero esquecer as miñas impresións sobre o libro. Ao dar a volta á última folla, pensei que era unha pena que rematase, as súas 400 e pico páxinas soubéronme a pouco (teño que dicir que a min gústanme os libros “gordos” e este para min non é moito).
O primeiro que pensei foi na cantidade de xente que houbo ao longo da historia que non coñecemos e que, desde logo, merecería, como é o caso Roger Casement, a persoa na que se basea esta obra, ser coñecida, polo menos no seu país de nacemento, neste caso Irlanda. E non só iso, senón que ata hai moi pouco foi ademais moi denigrado e desde logo que non o mereceu. Decateime tamén do enorme traballo de documentación que tivo que facer Vargas Llosa para escribir este libro porque a trama inclúe moitos personaxes e feitos históricos de diversos países de Europa, África e América do Sur. Lin que ata visitou moitos dos lugares nos que se desenvolve a novela para documentarse mellor.
O libro ten tres partes principais: a que se desenvolve no antigo Congo Belga (hoxe República Democrática do Congo), a que se desenvolve na Amazonía peruana e a que se desenvolve en Irlanda. Aínda que o tema dos capítulos que se desenvolven en Europa é moi distinto do dos que teñen lugar en África ou América, penso que todos teñen un fío condutor que é a loita de Roger Casement polos dereitos e liberdades dos pobos e a súa toma de postura clara en contra da explotación de África e América por los chamados países civilizados, cousa que nos tempos do colonialismo nos que el viviu (finais do século XIX e principios do XX) non estaba ben vista. En definitiva, Roger Casement foi un idealista que obtivo importantes logros no que respecta aos dereitos humanos en África e América, pero que tivo un final inmerecido e grazas Vargas Llosa ten agora, aínda que sexa pequeno, un lugar na historia.