21 dic 2012

Suxestións de lectura

Aínda que xa as publicitamos con fotocopias polas clases e no taboleiro da biblioteca, queremos tamén desde o blog deixarvos as nosas suxestións de lecturas e películas desexando que vos fagan pasar uns cantos bos ratos durante estas vacacións.

20 dic 2012

FELICES FESTAS e boas lecturas





Dende a Biblioteca do IES  Concepción Arenal queremos animarvos a que nos agasallos deste Nadal, lembredes a posibilidade de incluír algúns libros.
Recordade que o servizo de  préstamo  non é tan so para o alumnado, é un servizo para toda a familia dende as revistas  ata as películas pasando pola música e todos os libros.
Agradecemos suxestións sobre novas de literatura, cine,  música, ou páxinas web. É  unha colaboración que desexamos e agradecemos.
Os nosos mellores desexos para que o próximo ano sexa un ano cheo de bens e de lecturas, de cine, de música…
   
Felices Festas

 


Esta é a postal gañadora do IV  Concurso de felicitacións de Nadal, organizado pola ANPA. Felicidades a todo o alumnado participante.

11 dic 2012

Concurso de ilustración

Cun verso de Constantino Kavafis como lema, "A miña ventá ábrese sobre un mundo descoñecido" o equipo da biblioteca convocaba un concurso de ilustración co tema do libro e a lectura, como hai pouco máis dun ano fixéramos coa fotografía.
Resultaron gañadoras do concurso Cristina e Alba, e desde o mércores 12 de decembro poderedes recoller o calendario do 2013 que reproduce a ilustración merecedora do primeiro premio.O equipo quedou moi satisfeito coa participación e a boa calidade dos orixinais presentados. Xulgade vós mesmos vendo a seguinte presentación:

2 dic 2012

Ecos dun tempo e dun lugar

Din que os recordos son parciais e que o tempo e a nosa imaxinación vainos convertendo en certezas. No libro de Manuel Rivas resulta difícil distinguir onde acaba a realidade e onde comeza a ficción, pero isto ao lector non lle importa xa que ten a habilidade de atraparche entre as súas páxinas e transportarche mentalmente a unhas situacións que che enganchan e seducen a un tempo. É inevitable pola nosa banda ter empatía cos personaxes ou as situacións descritas, e cando nos damos conta percibimos o cheiro do tempo das cereixas, sentimos o soprido do aire de alí onde dá a volta o vento ou imaxinamos os misterios da espesura do camiño cego. Ademais dunha evocación sen queixumes, con dor pero tamén con humor, duns escenarios e uns tempos duros é unha maneira de facer de eco, de alzar a voz por aqueles que, no seu tempo, non puideron facelo.
Estamos ante unha obra íntima, das máis persoais do autor, un libro cheo de sensibilidade, un canto aos pequenos detalles, eses que no vórtice das nosas vidas quedan tan atenuados que moitos non temos a habilidade de percibilos. Unha narración na que os sentimentos flúen suavemente, case sen citalos e así consegue en cada relato expresar moito enunciando pouco, cunha prosa viva, directa e sinxela, pero cargada de poesía e capacidade de síntese, Manuel Rivas transmite ao lector intensos sentimentos que persisten ao paso do tempo.

Rivas Manuel (2012): As voces baixas, Edicións Xerais narrativa