27 abr. 2010

Vivir a trama

Asistimos, non só en España, a un verdadeiro boom da literatura nórdica. A saga Millenium de Stig Larsson tivo como consecuencia unha avalancha de autores e obras de alta calidade que nos levan a acollelos con curiosidade e interese. Petirrojo é a primeira entrega da triloxía de Oslo de Jo Nesbo, que ten como protagonista ao detective Larry Hole. Considerada polos lectores dos clubs Bokkluben Krim & Spenning e NRK Intimen como a mellor novela policíaca norueguesa de todos os tempos non é, na miña opinión unha novela negra clásica. En certas pasaxes podería considerarse unha novela histórica xa que nos ilustra sobre aspectos pouco coñecidos da segunda guerra mundial como foi a colaboración dos noruegueses coas tropas de ocupación alemás, pero esta compoñente histórica non esconde senón que complementa a verdadeira trama: unha intriga na que se vai implicando máis e máis o lector a medida que transcorre o relato.

Pero como pode interesarnos un relato que está inmerso nunha sociedade que nos é tan allea? Cando te mergullas no seu argumento asistimos sorprendidos ao feito de que esa sociedade do benestar esconde unha realidade tan sucia e negra como a nosa, quizais esa fría máscara nos engane e se impoña a natureza dos homes, os seus defectos e debilidades. A virtude destes novos autores é o facérnolo visible.

O seu protagonista, o detective Larry Hole, conecta coa mellor novela negra americana. Un tipo vulgar, solitario, cunha certa adicción ao alcohol e afeito a moverse no fío da navalla. Como marco a paisaxe nórdica, sombría, gris e un frío que podemos percibir na lectura. Baseada nunha experiencia real do propio autor non ten esta novela o deixe amargo e pesimista da novela negra, está máis próxima á vertixe do thriller policíaco, así as súas máis de 500 páxinas son devoradas con verdadeira fruición, o seu ritmo frenético e a intriga da trama atrápannos convertendo a súa lectura nunha adicción que so acabará cando termine a historia.

Petirrojo, Jo Nesbo, RBA libros, 2009

19 abr. 2010

Audiopoesía


Agora que os audiolibros están sendo cada vez máis escoitados e, tamén, se se quere, lidos, hai pouco decateime de que eu, como moita xente da miña xeración, levamos escoitando audiolibros cando menos 40 anos. E pensaredes, sobre todo se sodes novos, que non é posible, porque os audiolibros apareceron hai poucos anos. Pois non, é posible. Veredes. O primeiro audiolibro que escoitei foi o LP que Joan Manuel Serrat dedicou a Machado no ano 1969, no que a letra da maioría das cancións son poesías deste autor. Gustoume sempre moito. Desde logo que é un audiolibro, e case moito mellor que un audiolibro, é un libro musical ou, quizais, musicado.
Uns poucos anos despois Serrat publicou outro álbum, dedicado esta vez a Miguel Hernández, no que está incluída a preciosa canción Nanas de la cebolla, que cita a miña compañeira Ángeles na entrada anterior. É un dos meus álbums favoritos de Serrat.
E este ano, no que se cumpre o centenario do nacemento de Miguel Hernández, publicou outro maravilloso álbum titulado Hijo de la luz y de la sombra baseado tamén na poesía deste autor. Deste álbum gústame sobre todo a canción titulada La Palmera Levantina.
Paco Ibáñez, cantautor prohibido en España na época franquista tamén musicou a moitos poetas españois. Comezou publicando en 1964 un álbum inspirado en Góngora e García Lorca e ao longo de toda a súa carreira publicou albumes inspirados en poesías de Alberti, García Lorca, Celaya e Miguel Hernández, entre outros. Unha das cancións que máis me gusta de Paco Ibáñez é Andaluces de Jaén, de Miguel Hernández.
En España hai moitos cantantes que musicaron poesía, pero cito aos dous anteriores porque son uns dos meus favoritos.
O sábado da semana pasada no teatro Jofre tamén escoitei audiopoesía, da man de Cristina Pato. Presentou o seu último disco The Galician Connection, que inclúe nas letras de algunhas cancións versos de Rosalía de Castro ou de Alvaro Cunqueiro.
Da utilidade desta “audiopoesía” na miña familia pódovos contar que a miña irmá di que ela aprobou o seu exame de selectividade de Literatura grazas ao disco de Machado de Serrat, porque lle saíu Machado e ela, que sabía todas as letras das cancións, espallouse a gusto no exame.
O que quero reivindicar con esta entrada é que hai moitas maneiras de aproximarse aos poetas e que a música baseada na poesía é unha entretida maneira de facelo.