30 oct. 2010

BANDA SONORA (VII)
Aquel verán do sesenta e oito prometía. Ao plan infalible de praia e excursións engadiramos a presenza dun invitado inesperado. Un dos nosos amigos anunciara a chegada de Graham, o fillo da súa profesora (nativa) de inglés. A chegada de alguén que vivía no berce da cultura e a música que nos envolvía, púñanos nerviosos e expectantes. Estabamos a desexar contrastar a nosa visión da modernidade e da música actual, practicar o idioma e sobre todo, dispostos a aprender todo aquilo que nos ía ser brindado por unha testemuña presencial.
Chegou no mes de xullo e tras unhas breves conversacións con el, no inglés que me ensinaron, sóltame unha primeira labazada: que eu falo un inglés trasnoitado (de Oxford dixo para non ofender) que os mozos da época falaban nunha especie de xerga peculiar que denominaba "slang" e tras esta labazada moral esperábame outra non menos dolorosa ao falar de música. Aos meus intentos de lucimento na posta ao día da actualidade musical británica respondeume cunha realidade que me deixou novamente cohibido. A súa réplica aos meus coñecementos dos grupos convencionais da época: Animals, Beatles, Rolling Stones, Manfred Mann, Kinks, Hollies etc.. resumiríaa eu cun “mira se estás pasado de moda” que te amoso un disco, unha auténtica novidade toda unha revelación que me deixou totalmente sorprendido: "This was" e os seus creadores Jethro Tull. Todo, a portada, a estética, a música que encerra era como unha nube de cores que me impactou. Necesitaba comprar aquel disco, e unha vez conseguido, escoitalo indefinidamente. Aquela música, rozando o acústico a medio camiño entre o rural e o medieval sen perder os seus vínculos coa modernidade do blues e o jazz, envolveume de tal maneira que durante un tempo non era capaz de quitala da cabeza.

















O conxunto fora creado en 1967 polo escocés Ian Anderson, verdadeira alma máter do grupo. Era un músico diferente, cunha sólida formación musical e amplos coñecementos de ballet, que practicara desde neno, tiña unha posta en escena distinta a todo o visto ata a data, a súa forma de tocar a frauta elevando a perna cuns bailes e movementos moi persoais contrastaban co habitual dos solistas da época. Movíase dunha forma dinámica e case agresiva. Era o compositor de case todas as cancións do grupo, e facía deste o vehículo daquilo que el quería expresar.
O conxunto toma o seu nome, Jethro Tull, dun personaxe inglés do século XVIII experto en agricultura que inventou unha máquina sementadora que permitía arar e sementar grandes extensións utilizando pouca man de obra.
Os seus compoñentes foron variando ao longo dos anos e podemos dicir que soamente Ian Anderson e Martin Lancelot Varre (que entrou a formar parte do grupo no segundo disco) permaneceron nel desde os seus principios. Hoxe, xunto cos Rolling Stones, constitúen a vella garda dos conxuntos de rock máis veteranos aínda en activo.
Ao seu primeiro disco, o do seu descubrimento, This was, seguiu un verdadeiro bombazo: "Stand up" que alcanzou o número 1 das listas británicas. Entre os seus traballos máis celebrados, ademais dos citados, están "Benefit", "Aqualung" (o seu maior éxito), "Thick as a brick" ( a súa gran demostración de creatividade, concibida como unha gran sinfonía en dous movementos, cada cara do disco contén un movemento) , "Living in the past "(unha recompilación de singles), o dobre "A passion play", a errada banda sonora dunha película "War child" e o controvertido "Minstrel in the gallery", aclamado polos seus seguidores e opinións dispares entre os críticos. Aínda en 1999 fixeron un lanzamento de gran calidade: "J-Tull dot com". Ian Anderson tamén publicou varios discos en solitario como "Walk into ligth" ou máis recentemente "The secret language of the birds" e "Rupi’s dance". Ademais das múltiples compilacións e reedicións os seus discos máis recentes foron "The Jethro Tull Christmas álbum" e máis recentemente un dobre álbum en vivo cunha nova versión de Aqualung e un Dvd.
O grupo ao longo da súa historia, mantendo uns trazos característicos, atravesou diversas etapas que van desde o rock progresivo até o hard rock, pasando por épocas case acústicas e de jazz-blues. Aínda na actualidade continúan ofrecendo concertos nos que poden verse espectadores de todas as idades, desde nostálxicos dos anos 60-70 a rapaces de vinte anos.




27 oct. 2010

O máximo en tecnoloxía: o book

Presentamos un invento imposible de mellorar: El book.Poñede un book, ou mellor, moitos, na vosa vida!Porque ás moitas vantaxes que nos amosa o video podemos engadir que é económico, que a versión que compras non pasará nunca de moda e que podes ter todos os que queiras.


6 oct. 2010

Maleta de lectura


Soamente ata o 15 de outubro,temos exposta na biblioteca unha selección de títulos relacionados coa lectura que recollimos no CFR.
É esta unha iniciativa, chamada maletas viaxeiras, que parte da Asesoría de bibliotecas escolares.
Hai outras dúas maletas, se queredes saber cales,consultade o blog de bibliotecas escolares.
Todos os libros son interesantes e poden ensinarnos moitas cousas sobre selección de textos axeitados para as clases e estratexias de animación á lectura.
Despois de telos revisado durante uns días salientaríamos estos títulos:
-Cien libros para un siglo, Unha coidada escolma de obras válidas para varios niveis con un pequeno fragmento de cada unha delas. É un fermoso libro que inclúe fotografías e datos dos autores e das edicións, e resumos sobre o contexto histórico.
-Diez ideas claves de animación a la lectura. Consellos prácticos para conseguir facer da lectura unha experiencia animada, estimulante, lúdica , variada e sobre todo viva.
-El deseo de leer. A partir do libro La isla del doctor Moreau de H.G. Wells propóñense unha serie de actividades para antes, durante e despois da lectura, moi imaxinativas e distintas: escribir unha biografía ficticia, facer un caligrama, asociacións de palabras, adiviñas..
-La magia de leer. É un libro que pretende espertar o hábito da lectura.Mostra métodos para provocar no lector que abre un libro o descubrimento dun mundo de sensacions máxicas.

1 oct. 2010

CURSO 2010-2011

Un saúdo desde a biblioteca e os nosos mellores desexos para o curso que comeza.
Este ano escolar formamos parte do plan de mellora de bibliotecas escolares, PLAMBE. Invitámosvos a todos os que aínda non coñecedes o noso proxecto,chamado"Toda unha vida contando historias" a descargalo aquí:
PLAMBE
Esperamos a vosa visita para que vos acheguedes ás novidades do mes en libros,discos e películas.