26 dic. 2010

Soledad Felloza contounos contos


E o 22 de decembro chegou á biblioteca Soledad, carregando unha maleta chea de libros, e dela saíron, como se fora a chisteira dun prestidixitador, moitas sorpresas.
E así,como por encantamento, fumos pasando dun conto a outro, pois Soledad posúe a maxia que te trasporta dunha atmósfera a outra, dunha emoción a outra.
Primeiro escoitamos relatos de amor,pero non relatos correntes, pois o primeiro tiña por protagonistas a personaxes da Commedia dell'arte, e co segundo tivemos ocasión de enteirarnos por fin do que acontece despois de que casan o príncipe a a princesa, mais alá do final feliz, xa que sempre hai historias que comezan onde outras rematan.
Despois foi o turno dos contos de toda a vida, os tres porquiños e o parrulo feo, pero desde perspectivas novas, non é tan malo o lobo como sempre nos fixeron crer, e ao parrulo o futuro tróuxolle un descubrimento...
Rematou cun conto de medo sobre unha lacazana que obtén o seu merecido.
E mesturados polo medio dos contos, consellos para rapaces e rapazas, recordos da infancia, en fin, que foi unha sesión moi entretida que pasou voando.

20 dic. 2010

Banda Sonora VIII
Cando, aos 17 anos, marchei a Santiago de Compostela para comezar os estudos da Licenciatura de Matemáticas, os meus pais debían de considerarme bastante inmaturo para comezar a aventura polos meus propios medios, de modo que falaron cun parente, que era padriño de Guillermo Rojo Sánchez (actual académico da lingua española e director académico do Banco de Datos do Español), e grazas á súa mediación e o meu expediente académico conseguín entrar no Colexio Maior Fonseca. Aquilo para un rapaz que case non saíra de Ferrol era outro mundo. Entre os colexiais daquela época estaban: Cándido Conde Pumpido, hoxe fiscal xeneral do estado; Augusto Cesar Lendoiro, actual presidente do Deportivo da Coruña; o falecido Genaro Borrás, que logo sería médico da Federación Española de Futbol; Miguel Domínguez o propietario da Clínica Domínguez de Pontevedra; Antonio Hernández Deus que é Director de Comunicación da Oficina de Información da Prelatura do Opus Dei en España ou entre os profesores o famoso pediatra Dr Peña Guitián, Catedrático de Pediatría ou Manuel García Garrido, catedrático de Dereito Romano e reitor da Universidade de Santiago (de infausto recordo) entre outros.
Polo propio Guillermo entrei en contacto con aqueles pioneiros da Nova Canción Galega: Xavier, Xerardo Moscoso, Benedicto, Vicente Araguas, ademais del, e tiven a oportunidade de ser un dos asistentes ao histórico concerto do 1 de Decembro de 1968 no cinema Capitol Presentado por Manuel María e organizado pola agrupación Cultural Ou Galo de Santiago. Nese recital comezan a usar o nome de Voces Ceibes (logo uniríaselles Miro Casabella, máis tarde outros como Bibiano ou Suso Vaamonde) no cartel anunciador deseñado por Antonio Patiño. Aquela foi a primeira e última vez que actuaron xuntos todos eles. Recordo como coreabamos, ou quizais berrabamos?,as súas cancións no medio dunha choiva de panfletos da UPG, aquelas letras que querían ser unha metafórica crítica á ditadura e á falta de liberdades e non deixabamos de pensar que a policía, os famosos grises, agardaban na rúa cercando o edificio. Aqueles músicos que abandonaban a tradicional gaita e tomaban as súas guitarras acústicas para musicar os poemas de Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Lois Diéguez ou Curros Enríquez, tiñan un aire entre trobadores e militantes da lingua e gravaron uns cantos discos, nada comerciais, para Edigsa/Xistral.





Cantar en galego no ano 1968 era un signo de heroicidade, as súas actuacións eran silenciadas polos medios de comunicación ou simplemente prohibidas e tería que pasar bastante tempo ata que, grazas a eles, se vise natural que Andrés Dobarro ou Os Tamara, pasando por Ana Kiro, cantasen na lingua propia. Hoxe, instalados xa na normalidade e cando estamos a gozar dunha oferta musical moi rica na diversidade e calidade das propostas, admitimos con familiaridade creacións rozando o clasicismo como Amancio Prada ou Rosa Cedrón, a simpatía festiva de grupos como Lamatumbá, a fusión de culturas de Uxía Senlle ou Carlos Núñez, os grupos considerados xa tradicionais como Milladoiro, Luar na Lubre ou Berrogüeto, e tamén aventuras arriscadas como os discos “cabareteiros” de Marful , o blues en galego de Víctor Aneiros ou o jazz de Abe Rábade e do ferrolán Baldo Martínez. Debemos lembrar que sen aqueles pioneiros, o seu firme compromiso e o seu entusiasmo non sería posible esa rica diversidade que hoxe entendemos como música galega e en galego.

18 dic. 2010

Bo Nadal!


A Biblioteca Saturnino Hermida e todos os que compoñemos o seu equipo queremos desexar a alumnos, pais, profes e a o persoal que traballa no centro, un Nadal cheo de paz, ledicia, bos intres compartidos coa familia e amigos, e como no, tamén de tempo para disfrutar coa lectura.Con este último post do ano van as nosas recomendacións.
Felices festas!

10 dic. 2010

Tarxetas de Nadal II

Comezamos xa a contar os días que faltan para que chegue o Nadal con todos os seus clásicos: As luces, os regalos, as ceas e os xantares...e tamén as tarxetas cheas de bos desexos.
A ANPA do noso centro convocou o segundo certame de "Tarxetas de Nadal", no que resultaron gañadores Andrea Rodríguez ,Román Cuadrado e Arlet Espinosa. Todos eles son alumnos de 2º de bacharelato.
Teremos expostas na biblioteca todas as postales participantes ata as vacacións.

7 dic. 2010

Presentación da biblioteca con xincana literaria

Un pouco mais tarde do que ven sendo habitual, recibimos as visitas dos alumnos de primeiro.
Nesta ocasión ademáis das explicacións sobre a clasificación dos libros pola CDU y as probas para ensinar a facer unha percura co programa MEIGA, o equipo da biblioteca ideou unha xincana que resultou moi divertida, mediante unhas tarxetas agochadas dentro de libros de distintas seccións,un DVD e un CD.
Aproveitamos a ocasión para facer novos socios e tamén para inscribir aos máis pequenos dos nosos alumnos no Club de lectura.

2 dic. 2010

A semana das ciencias

A semana do 19 ao 23 de novembro tivo lugar, con grande éxito de participación, a primeira "Semana das Ciencias" organizada polos departamentos de matemáticas,ciencias,física e química e tecnoloxía.
Organizáronse varios tipos de actividades: proxección de películas e documentais no salón de actos, exposición de material científico no vestíbulo e exposición de material manipulable na biblioteca.
Nesta última a mostra veu coincidir coa exposición de fotografías do colectivo "Lapis verdes" da que poidemos disfrutar ata o día 1 de decembro e que se chama "Itinerario polo monte de San Xurxo", un percorrido polo roteiro que vai desde a praia de Doniños ata a de San Xurxo.As fotografías e os seus comentarios proporcionábannos moitos datos da flora,fauna e a paisaxe desta fermosa zona.
Tamén houbo un concurso diario de adiviñas e enigmas relacionados coa ciencia.