20 dic 2010

Banda Sonora VIII
Cando, aos 17 anos, marchei a Santiago de Compostela para comezar os estudos da Licenciatura de Matemáticas, os meus pais debían de considerarme bastante inmaturo para comezar a aventura polos meus propios medios, de modo que falaron cun parente, que era padriño de Guillermo Rojo Sánchez (actual académico da lingua española e director académico do Banco de Datos do Español), e grazas á súa mediación e o meu expediente académico conseguín entrar no Colexio Maior Fonseca. Aquilo para un rapaz que case non saíra de Ferrol era outro mundo. Entre os colexiais daquela época estaban: Cándido Conde Pumpido, hoxe fiscal xeneral do estado; Augusto Cesar Lendoiro, actual presidente do Deportivo da Coruña; o falecido Genaro Borrás, que logo sería médico da Federación Española de Futbol; Miguel Domínguez o propietario da Clínica Domínguez de Pontevedra; Antonio Hernández Deus que é Director de Comunicación da Oficina de Información da Prelatura do Opus Dei en España ou entre os profesores o famoso pediatra Dr Peña Guitián, Catedrático de Pediatría ou Manuel García Garrido, catedrático de Dereito Romano e reitor da Universidade de Santiago (de infausto recordo) entre outros.
Polo propio Guillermo entrei en contacto con aqueles pioneiros da Nova Canción Galega: Xavier, Xerardo Moscoso, Benedicto, Vicente Araguas, ademais del, e tiven a oportunidade de ser un dos asistentes ao histórico concerto do 1 de Decembro de 1968 no cinema Capitol Presentado por Manuel María e organizado pola agrupación Cultural Ou Galo de Santiago. Nese recital comezan a usar o nome de Voces Ceibes (logo uniríaselles Miro Casabella, máis tarde outros como Bibiano ou Suso Vaamonde) no cartel anunciador deseñado por Antonio Patiño. Aquela foi a primeira e última vez que actuaron xuntos todos eles. Recordo como coreabamos, ou quizais berrabamos?,as súas cancións no medio dunha choiva de panfletos da UPG, aquelas letras que querían ser unha metafórica crítica á ditadura e á falta de liberdades e non deixabamos de pensar que a policía, os famosos grises, agardaban na rúa cercando o edificio. Aqueles músicos que abandonaban a tradicional gaita e tomaban as súas guitarras acústicas para musicar os poemas de Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Lois Diéguez ou Curros Enríquez, tiñan un aire entre trobadores e militantes da lingua e gravaron uns cantos discos, nada comerciais, para Edigsa/Xistral.





Cantar en galego no ano 1968 era un signo de heroicidade, as súas actuacións eran silenciadas polos medios de comunicación ou simplemente prohibidas e tería que pasar bastante tempo ata que, grazas a eles, se vise natural que Andrés Dobarro ou Os Tamara, pasando por Ana Kiro, cantasen na lingua propia. Hoxe, instalados xa na normalidade e cando estamos a gozar dunha oferta musical moi rica na diversidade e calidade das propostas, admitimos con familiaridade creacións rozando o clasicismo como Amancio Prada ou Rosa Cedrón, a simpatía festiva de grupos como Lamatumbá, a fusión de culturas de Uxía Senlle ou Carlos Núñez, os grupos considerados xa tradicionais como Milladoiro, Luar na Lubre ou Berrogüeto, e tamén aventuras arriscadas como os discos “cabareteiros” de Marful , o blues en galego de Víctor Aneiros ou o jazz de Abe Rábade e do ferrolán Baldo Martínez. Debemos lembrar que sen aqueles pioneiros, o seu firme compromiso e o seu entusiasmo non sería posible esa rica diversidade que hoxe entendemos como música galega e en galego.

1 comentario:

  1. Qué envidia Gil en qué conciertos tan chulos estuviste!

    ResponderEliminar