25 may. 2010

Recuncho de poesía

Cousos do lobo!
Caborcos do xabarín!
Eidos solos
onde ninguén foi nin ha d’ir!
O lobo! Os ollos o lombo do lobo!
Baixa o lobo polo ollo do bosco
movendo nas flairas dos teixos
ruxindo na folla dos carreiros
en busca de vagoada máis sola e máis medosa…
Rastrexa
parase e venta
finca a pouta ergue a testa e oula
ca noite na boca…
Uxío Novoneyra, o poeta d'O Courel. Día das Letras galegas 2010.

6 may. 2010

ROSA ANEIROS NO IES CONCEPCIÓN ARENAL

O día 15 de abril estivo no noso centro a xornalista e escitora Rosa Aneiros (Meirás, 1976) para falarnos da súa obra literaria e, en xeral, do oficio de escribir.

Está licenciada en Xornalismo pola Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela. Actualmente traballa no Arquivo e na Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega.

A esta actividade temos que engadir a súa experiencia como docente na Facultade da USC (Campus de Lugo), a colaboración en distintos medios de comunicación: radiofónicos “Un día por diante” da Radio Galega, impresos e dixitais: culturagalega.org (sección “Agardando as lagarteiras”), Diario de Pontevedra, El Progreso, Galicia Hoxe, Diario de Ferrol, El País, Grial, Fadamorgana ou Casa da Gramática. Ten publicados relatos en volumes colectivos: Narradoras, Relatos, Relatos gañadores do Pedrón de Ouro, Seis ferroláns, Alma de beiramar perdida, Botella ao mar ou Narradio. Os seus artigos literarios están recollidos en “Agardando as lagarteiras” e “Ao pé do abismo”.

Con pouco máis de 20 anos sae á luz a súa primeira novela: Eu de maior quero ser (1999) á que seguen outras: Corazóns amolecidos en salitre (2002), Resistencia (2003), O xardín da media lúa (2004), Veu visitarme o mar (2004), Os ourizos cachos e o gran río gris (2007).
A súa produción narrativa conta cun grande recoñecemento, séndolle concedidos os seguintes galardóns: Modesto Rodríguez Figueiredo ( Pedrón de Ouro, 1998), Manuel Loureiro Rey (1996), Manuel Murguía (2001), o Carvalho Calero (2001), o Premio Arcebispo Xoán de San Clemente (2003), o Premio Careón (2006), o Premio da Crítica Losada Diéguez (2005) e o Premio Caixanova Francisco Fernández del Riego (2007) polo relato “A última vaca”.
O ano pasado foi para ela moi especial porque os dous libros publicados foron premiados: Sol de Inverno consegue o Premio Xerais de novela (2009) e Ás de bolboreta o Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil. (2009).

Comezou a charla situándose no lugar dos seus oíntes. Voltou máis ou menos quince anos atrás no tempo para expresarlles aos alumnos como merece a pena loitar por conseguir aquilo que, xa desde moi cedo, se manifesta con certa claridade, ben sexa unha afección ao deporte, á música, á escrita...

Ela desde ben pequena sentiuse inclinada a escribir. Lembra especialmente as historias que lle narraba o seu padriño sobre a emigración en Cuba e lembra tamén o impacto que lle produciu un libro: O principiño de Saint-Exupéry. A súa lectura segue a ser reveladora ao longo da vida. Cada vez que o volve a ler pode descubrir algo novo porque, como ela expresou tan ben, a obra literaria remátana os lectores e esa sutil comunicación que os lectores mantemos coas obras literarias ten moito que ver coa disposición e mesmo co estado anímico en que nos encontremos.

Baseándose en Ás de bolboreta, libro que leron os alumnos, falou de técnicas da escrita e empregou o símil do cinema para que os alumnos reflexionaran como se podía representar o movemento coas palabras, ou a calma, ou o desespero... Falou das escollas léxicas, da importancia das palabras. Pero, sobre todo, foi quen de chegar á sensibilidade do alumnado, de descubrir os seus gustos e afeccións, de facerlles preguntas que os fixeron pensar, que os fixeron opinar. Ela tamén contestou a cuestións que lle fixeron e, entre outras, declarouse unha admiradora da obra literaria de Manuel Rivas e de Agustín Fernández Paz.

Ana Dopico