31 oct 2012

Noraboa Kalandraka!


  
 O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte concedeulle á editorial galega Kalandraka o Premio Nacional á Mellor Labor Editorial Cultural 2012 polo compromiso coa literatura infantil, destacando o coidado dos textos, xunto coa calidade de ilustración e a dedicación a xéneros máis complexos como a poesía, cualificando a editorial como un referente en España e no estranxeiro.

 Dende a nosa Biblioteca felicitamos á editorial galega Kalandraka.

LAURA GALLEGO, PREMIO NACIONAL DE LITERATURA


 

Laura Gallego, obtén o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por Donde los árboles cantan.

Este premio é concedido anualmente polo Ministerio de Educación Cultura e Deporte ao mellor libro publicado en 2011 en calquera das linguas oficiais de España.


 Anímate á lectura desta novela.

26 oct 2012

Charles Dickens




No ano do bicentenario do seu nacemento desde a nosa biblioteca queremos propoñervos unha lectura apaixonada das súas obras, un dos autores máis internacionais e prolíficos da literatura universal: ao redor de 1000 obras saíron da súa pluma, obras que quizais sexan as que máis veces foron levadas ao cine.
 Din del que no seu afán por denunciar as inxustizas da sociedade na que vivía, a súa preocupación pola infancia e as condicións de sectores tradicionalmente marxinados converteuse nun home moderno, valente e solidario.




 
Algunha das súas citas:
" O corazón humano é un instrumento de
moitas cordas; o perfecto coñecedor dos
homes sábeas facer vibrar todas, como un bo
músico. "
" Acostumamos a cometer as nosas peores
debilidades e fraquezas a causa da xente que
máis desprezamos."
" Hai homes que parecen ter só unha idea e é
unha pena que sexa equivocada."
" Cada fracaso ensínalle ao home algo que
necesitaba aprender."

17 oct 2012

"O misterio das amendoeiras" e o teatro de Jardiel Poncela

O venres 5 de outubro o grupo de teatro "Arjé" do IES Breamo de Pontedeume ofreceunos unha divertida representación do "Misterio das Amendoeiras" , unha adaptación de "Eloísa está debajo de un almendro" de Enrique Jardiel Poncela (1901-1952). O teatro de Jardiel Poncela rompe co humor tradicional e co naturalismo imperante na escea da súa época,  empregando un humor moito máis intelectual baseado no absurdo e no inverosímil, que se presenta revestido de normalidade.
Por anotacións do propio escritor, sabemos que ideou esta obra inspirándose no persoaxe real de Landrú, un famoso asasino de mulleres, e no interés morboso que podería sentir unha muller por esos asasinatos.
É esta unha obra de intriga na que pouco a pouco o espectador saberá que sucedeu na casa dos Ojeda hai vinte anos, da man da namorada parella protagonista, Mariana Briones e Fernando Ojeda. O seu redor bulen  outros moitos disparatados persoaxes: o excéntrico Edgardo, o curioso Ezequiel, a sofisticada Clotilde, a desequilibrada Micaela, a desaparecida Julia e todos os criados, que están abraiados polas tolerías dos seus señores.
Estas son as imaxes da posta en escea:
O misterio das amendoeiras on PhotoPeach

11 oct 2012

Adeus a Ray Bradbury


Unha das sesións do noso club de lectura do curso pasado foi dedicada a Ray Bradbury, que foi un dos escritores ciencia ficción máis lidos e que morreu o xuño pasado á idade  de 91 anos. Un dos seus libros máis famosos, xunto con Farenheit 451, é Crónicas marcianas, libro que escribiu en 1942. É unha colección de relatos que teñen ao planeta Marte como fío argumental e que narran a chegada a Marte e a colonización do planeta por parte dos humanos, o que provoca a caída da civilización marciana e a súa extinción. Non é que todo isto estea acontecendo hoxe en día, pero o 5 de agosto o robot Curiosity enviado pola Nasa aterrou en Marte para levar a cabo unha misión de exploración que vai durar dous anos.
As imaxes que está a enviar o robot non distan moito do que Ray Bradbury imaxinou cando escribiu os relatos. No relato Os homes da Terra di: “Fóra brillaba o inmenso ceo azul de Marte, caloroso e tranquilo como as augas cálidas e profundas dun océano. O deserto marciano torrábase como unha prehistórica vasilla de barro. O calor crecía en trementes ondadas.” Vendo as imaxes que o robot enviou, penso que é xusto o que sentiriamos se pisasemos o solo de Marte.
No relato Ylla di: “Tiñan no planeta Marte, á beira dun mar seco,...” Polo de agora non se atopou auga en Marte, polo que de novo volve Ray Bradbury a acertar. E así poderiamos ir percorrendo os 25 relatos atopando similitudes co que na actualidade sabemos de Marte.
O meu relato favorito é O verán do cohete. É un relato moi curto de só tres parágrafos, pero a min paréceme insuperable. Comeza o primeiro parágrafo dicindo: “Un minuto antes era inverno en Ohio”. E o segundo con: “E de pronto, unha longa onda de calor atravesou o pobo”. E  o terceiro segue con: “O verán do Cohete”. Penso que só con estas liñas xa podemos imaxinar o que acontece.
Borges prologou unha das edicións de Crónicas marcianas e nel di que os seus relatos preferidos son A terceira expedición e O marciano.
Como recoñecemento ás contribucións deste escritor ao coñecemento de Marte, o equipo da Nasa que está a traballar nesta misión deu ao lugar no que aterrou o Curiosity o nome de Bradbury Landing. Cando aterraron o robot twitearon: "In tribute, I dedicate my landing spot on Mars to you, Ray Bradbury. Greetings from Bradbury Landing!".

Penso que é un bonito epitafio para este escritor do que moitos din que é o poeta da ciencia ficción, co que, sen dúbida, eu estou de acordo.

Nota. Se queredes leer os relatos de que forman as Crónicas Marcianas podédelo facer nesta dirección: http://www.taller54.com/rb3.pdf

8 oct 2012

Meteoroloxía



Dende hoxe ata o día 19 de outubro podedes visitar na nosa biblioteca unha exposición  sobre meteoroloxía "Expometeoro".
A nosa recomendación se queredes saber máis do tema é que visitedes o enderezo: http://www.meteogalicia.es/web/formacion/formacionIndex.action 

4 oct 2012

Presentación da película "A visitadora de cárceres"

Onte no noso instituto foi presentada a película "A visitadora de cárceres" baseada na vida de Concepción Arenal".
Se queredes ver o acto, podedes acceder nesta dirección:
http://www.crtvg.es/informativos/concepcion-arenal-a-visitadora-de-carceres-esta-protagonizada-por-blanca-portillo-e-dirixida-por-laura-mana-432240#.UG1euU0xob0

OUTUBRO, mes da biblioteca escolar




Con este lema, Biblioteca escolar, acelerador de innovación, preséntase o cartel que neste curso 2012/2013 edita a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co gallo da celebración do mes da biblioteca escolar.
A ilustración correspondeu ao creador galego Andrés Meixide.