Unha das sesións do noso club de lectura do curso pasado foi dedicada a Ray
Bradbury, que foi un dos escritores ciencia ficción máis lidos e que morreu o
xuño pasado á idade de 91 anos. Un dos
seus libros máis famosos, xunto con Farenheit 451, é Crónicas
marcianas, libro que escribiu en 1942. É unha colección de
relatos que teñen ao planeta Marte como fío argumental e que narran a chegada a
Marte e a colonización do planeta por parte dos humanos, o que provoca a caída
da civilización marciana e a súa extinción. Non é que todo isto estea
acontecendo hoxe en día, pero o 5 de agosto o robot Curiosity enviado pola Nasa
aterrou en Marte para levar a cabo unha misión de exploración que vai durar
dous anos.
As imaxes que está a enviar o robot non distan moito do que Ray Bradbury
imaxinou cando escribiu os relatos. No relato Os homes da Terra di:
“Fóra brillaba o inmenso ceo azul de Marte, caloroso e tranquilo como as augas
cálidas e profundas dun océano. O deserto marciano torrábase como unha
prehistórica vasilla de barro. O calor crecía en trementes ondadas.” Vendo as
imaxes que o robot enviou, penso que é xusto o que sentiriamos se pisasemos o
solo de Marte.
No relato Ylla di: “Tiñan no planeta Marte, á beira dun mar seco,...” Polo
de agora non se atopou auga en Marte, polo que de novo volve Ray Bradbury a
acertar. E así poderiamos ir percorrendo os 25 relatos atopando similitudes co
que na actualidade sabemos de Marte.
O meu relato favorito é O verán do cohete. É un relato moi
curto de só tres parágrafos, pero a min paréceme insuperable. Comeza o primeiro
parágrafo dicindo: “Un minuto antes era inverno en Ohio”. E o segundo con: “E
de pronto, unha longa onda de calor atravesou o pobo”. E o terceiro segue con: “O verán do Cohete”.
Penso que só con estas liñas xa podemos imaxinar o que acontece.
Borges prologou unha das edicións de Crónicas marcianas e nel
di que os seus relatos preferidos son A terceira expedición e O
marciano.
Como recoñecemento ás contribucións deste escritor ao coñecemento de Marte,
o equipo da Nasa que está a traballar nesta misión deu ao lugar no que aterrou
o Curiosity o nome de Bradbury Landing. Cando aterraron o robot twitearon: "In tribute, I
dedicate my landing spot on Mars to you, Ray Bradbury. Greetings from Bradbury Landing!".
Penso que é un bonito epitafio para este escritor do que moitos din que é o
poeta da ciencia ficción, co que, sen dúbida, eu estou de acordo.
Nota. Se queredes
leer os relatos de que forman as Crónicas Marcianas podédelo
facer nesta dirección: http://www.taller54.com/rb3.pdf
No hay comentarios:
Publicar un comentario