30 oct 2010

BANDA SONORA (VII)
Aquel verán do sesenta e oito prometía. Ao plan infalible de praia e excursións engadiramos a presenza dun invitado inesperado. Un dos nosos amigos anunciara a chegada de Graham, o fillo da súa profesora (nativa) de inglés. A chegada de alguén que vivía no berce da cultura e a música que nos envolvía, púñanos nerviosos e expectantes. Estabamos a desexar contrastar a nosa visión da modernidade e da música actual, practicar o idioma e sobre todo, dispostos a aprender todo aquilo que nos ía ser brindado por unha testemuña presencial.
Chegou no mes de xullo e tras unhas breves conversacións con el, no inglés que me ensinaron, sóltame unha primeira labazada: que eu falo un inglés trasnoitado (de Oxford dixo para non ofender) que os mozos da época falaban nunha especie de xerga peculiar que denominaba "slang" e tras esta labazada moral esperábame outra non menos dolorosa ao falar de música. Aos meus intentos de lucimento na posta ao día da actualidade musical británica respondeume cunha realidade que me deixou novamente cohibido. A súa réplica aos meus coñecementos dos grupos convencionais da época: Animals, Beatles, Rolling Stones, Manfred Mann, Kinks, Hollies etc.. resumiríaa eu cun “mira se estás pasado de moda” que te amoso un disco, unha auténtica novidade toda unha revelación que me deixou totalmente sorprendido: "This was" e os seus creadores Jethro Tull. Todo, a portada, a estética, a música que encerra era como unha nube de cores que me impactou. Necesitaba comprar aquel disco, e unha vez conseguido, escoitalo indefinidamente. Aquela música, rozando o acústico a medio camiño entre o rural e o medieval sen perder os seus vínculos coa modernidade do blues e o jazz, envolveume de tal maneira que durante un tempo non era capaz de quitala da cabeza.

















O conxunto fora creado en 1967 polo escocés Ian Anderson, verdadeira alma máter do grupo. Era un músico diferente, cunha sólida formación musical e amplos coñecementos de ballet, que practicara desde neno, tiña unha posta en escena distinta a todo o visto ata a data, a súa forma de tocar a frauta elevando a perna cuns bailes e movementos moi persoais contrastaban co habitual dos solistas da época. Movíase dunha forma dinámica e case agresiva. Era o compositor de case todas as cancións do grupo, e facía deste o vehículo daquilo que el quería expresar.
O conxunto toma o seu nome, Jethro Tull, dun personaxe inglés do século XVIII experto en agricultura que inventou unha máquina sementadora que permitía arar e sementar grandes extensións utilizando pouca man de obra.
Os seus compoñentes foron variando ao longo dos anos e podemos dicir que soamente Ian Anderson e Martin Lancelot Varre (que entrou a formar parte do grupo no segundo disco) permaneceron nel desde os seus principios. Hoxe, xunto cos Rolling Stones, constitúen a vella garda dos conxuntos de rock máis veteranos aínda en activo.
Ao seu primeiro disco, o do seu descubrimento, This was, seguiu un verdadeiro bombazo: "Stand up" que alcanzou o número 1 das listas británicas. Entre os seus traballos máis celebrados, ademais dos citados, están "Benefit", "Aqualung" (o seu maior éxito), "Thick as a brick" ( a súa gran demostración de creatividade, concibida como unha gran sinfonía en dous movementos, cada cara do disco contén un movemento) , "Living in the past "(unha recompilación de singles), o dobre "A passion play", a errada banda sonora dunha película "War child" e o controvertido "Minstrel in the gallery", aclamado polos seus seguidores e opinións dispares entre os críticos. Aínda en 1999 fixeron un lanzamento de gran calidade: "J-Tull dot com". Ian Anderson tamén publicou varios discos en solitario como "Walk into ligth" ou máis recentemente "The secret language of the birds" e "Rupi’s dance". Ademais das múltiples compilacións e reedicións os seus discos máis recentes foron "The Jethro Tull Christmas álbum" e máis recentemente un dobre álbum en vivo cunha nova versión de Aqualung e un Dvd.
O grupo ao longo da súa historia, mantendo uns trazos característicos, atravesou diversas etapas que van desde o rock progresivo até o hard rock, pasando por épocas case acústicas e de jazz-blues. Aínda na actualidade continúan ofrecendo concertos nos que poden verse espectadores de todas as idades, desde nostálxicos dos anos 60-70 a rapaces de vinte anos.




No hay comentarios:

Publicar un comentario