Asistimos, non só en España, a un verdadeiro boom da literatura nórdica. A saga Millenium de Stig Larsson tivo como consecuencia unha avalancha de autores e obras de alta calidade que nos levan a acollelos con curiosidade e interese. Petirrojo é a primeira entrega da triloxía de Oslo de Jo Nesbo, que ten como protagonista ao detective Larry Hole. Considerada polos lectores dos clubs Bokkluben Krim & Spenning e NRK Intimen como a mellor novela policíaca norueguesa de todos os tempos non é, na miña opinión unha novela negra clásica. En certas pasaxes podería considerarse unha novela histórica xa que nos ilustra sobre aspectos pouco coñecidos da segunda guerra mundial como foi a colaboración dos noruegueses coas tropas de ocupación alemás, pero esta compoñente histórica non esconde senón que complementa a verdadeira trama: unha intriga na que se vai implicando máis e máis o lector a medida que transcorre o relato.
Pero como pode interesarnos un relato que está inmerso nunha sociedade que nos é tan allea? Cando te mergullas no seu argumento asistimos sorprendidos ao feito de que esa sociedade do benestar esconde unha realidade tan sucia e negra como a nosa, quizais esa fría máscara nos engane e se impoña a natureza dos homes, os seus defectos e debilidades. A virtude destes novos autores é o facérnolo visible.
O seu protagonista, o detective Larry Hole, conecta coa mellor novela negra americana. Un tipo vulgar, solitario, cunha certa adicción ao alcohol e afeito a moverse no fío da navalla. Como marco a paisaxe nórdica, sombría, gris e un frío que podemos percibir na lectura. Baseada nunha experiencia real do propio autor non ten esta novela o deixe amargo e pesimista da novela negra, está máis próxima á vertixe do thriller policíaco, así as súas máis de 500 páxinas son devoradas con verdadeira fruición, o seu ritmo frenético e a intriga da trama atrápannos convertendo a súa lectura nunha adicción que so acabará cando termine a historia.
Petirrojo, Jo Nesbo, RBA libros, 2009
No hay comentarios:
Publicar un comentario