Blogue da Biblioteca "Saturnino Hermida" do I.E.S. Concepción Arenal (Ferrol). Email:biblioteca.saturninohermida@gmail.com
12 abr 2011
MEMORIAS DE DON XOSÉ.
Co aplauso forte e emocionado dun público posto en pé, rematou a intervención de D. Xosé Neira Vilas, que pechou os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares.
Debullando as lembranzas da súa longa e plena vida co fío condutor do papel que xogan libros e bibliotecas no devir dunha persoa, D.Xosé contounos como mercaba os primeiros libros "por correspondencia", pagados cos cartos que ía aforrando, e como os agochaba baixo o tellado, ata que o seu pai descubriu "o niño" de libros, e non se enfadou, senón que o animou a seguilos mercando, iso si, "con moderación".
Os libros, os desexos de ter moitos, foron "en certa maneira"os causantes de que el marchara á procura de traballo para a Arxentina, e logo a Cuba, onde casou con Anisia Miranda.
Alí apadriñou un colexio chamado como o noso instituto, Concepción Arenal.
Reivindicou D.Xosé a coexistencia das novas tecnoloxías co libro na formación dos xoves, aos que debemos educar para que sexan menos "nugalláns". En Cuba, cando nace un neno, regálanlle, coa culleriña de prata co nome gravado, os primeiros libros, o xerme do que será a futura biblioteca. Fermoso agasallo, que conxuga alimento para o corpo e máis para o espírito, atendendo á necesidade de todo ser humano de medrar por fóra e tamén por dentro.
Cantos libros terán pasado polas súas mans, libros lidos, libros pedidos para logo regalalos, nun continuo trafego coa xenerosa vontade de achegalos á maior cantidade de xente posible; e o máis importante, libros escritos, como "Memorias dun neno labrego", do cal celebramos este ano o 50 aniversario. É o libro máis lido da literatura galega, traducido a multitude de línguas, que conseguiu dar a coñecer a cultura e lingua galegas por todo o mundo.
Balbino, o neno labrego, é un personaxe universal, que vive e vivirá na memoria de moitos lectores como vive e vivirá na memoria dos que tivemos a fortuna de escoitala a lúcida, enxeñosa, conmovedora charla que nos ofreceu D.Xosé.
( Fotografía do blog "O segrel do penedo". Autora: Loly Lago)
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
Mi nombre es Mauro Lahore,desde ya les invitamos a que se pasen por nuestro blog, soy un alumno de bachillerato del I.E.S Concepción Arenal.
ResponderEliminarEn nuestro blog se pueden encontrar documentales online, libros para descargar, debates, curiosidades y vivencias del autor.
Muchísimas gracias por la atención y he aquí un nuevo seguidor de este blog, un saludo.
www.escrituraeilustracion.blogspot.com
Gustoume a entrada, entrar no voso blog é coma sentirme na casa. Enlazo aos meus blogs. Bicosss para tod@s os que facedes posible a biblioteca.
ResponderEliminarDesde POIO, Anxos.