Como tod@s sabemos xa a estas alturas, o día das Letras Galegas de 2011 está dedicado ao monfortino Lois Pereiro (1958-1996), irmán dunha das profesoras do noso centro, Inés Sánchez Pereiro. Con motivo deste acontecemento,e coincidindo co aniversario de Lois, o pasado 16 de febreiro recibimos a visita do xornalista Xosé Manuel Pereiro, irmán do poeta, e do afamado escritor Manuel Rivas, outro irmán, non de sangue, senón “literario”, que viñeron a falarnos da figura de Lois, tanto no terreo persoal como artístico. O acto, que comezou as doce e media e durou ata pouco antes do remate da xornada, foi todo un éxito, tendo en conta o número de asistentes e o interese e cordialidade cos que acolleron aos conferenciantes. Tras un prometedor comezo no cal algúns d@s nos@s compañeir@s leron un poema de Lois e interpretaron unha peza musical (pois a música, como ben nos dixeron na charla, era esencial para o escritor), arrincouse a falar Xosé Manuel, facendo un emotivo e ameno repaso á traxectoria vital do seu irmán, desde a súa máis temperá nenez ata a súa etapa de adulto, ilustrándoo cunha serie de fotografías que testemuñan diversos momentos da vida de Lois. Logo tocoulle a quenda a Manuel Rivas, que nos obsequiou cun engaiolante discurso no que mesturou as súas lembranzas de Pereiro con reflexións sobre a literatura e a existencia, para rematar coa lectura dalgúns poemas do escritor. Pero o acto non chegou á súa fin aí: aínda había oco para as preguntas dos asistentes. Unha alumna quixo saber se á hora de escribir, Rivas tiña xa todo planificado na mente ou ía improvisando no proceso da escrita. Unha vez satisfeita a súa curiosidade, o público marchou, agás aquel@s que quixeron que Rivas lles asinase exemplares dos seus libros. Grazas á súa exposición e mais á de Xosé Manuel descubrimos moitos detalles da vida e da obra de Lois Pereiro, porque, non o esquezamos, a literatura hai que entendela en función dos momentos e experiencias que a inspiraron.Sofía Lorenzo González (2º Bacharelato F)
No hay comentarios:
Publicar un comentario