9 nov 2009


AS FALSAS APARENCIASNestes tempos de lectura fácil e rápida, onde triunfan as narrativas directas, de estilo videoclip e nas que as situacións se suceden a ritmo de vertixe, resulta gratificante encontrar unha novela* diferente, escrita con destreza, elegante nos seus xogos de palabras e cun humor sutil e intelixente.
A obra fálanos da dificultade de establecer relacións no mundo actual e contén unha aceirada crítica da burguesía francesa pero tamén fala da intelixencia e a solidariedade e sobre todo é un canto á literatura, á paixón literaria.
A novela ten un fío narrativo que engancha, unha historia desenvolvida nos pequenos detalles, nos praceres das pequenas cousas do devir cotián: a música de Mozart, a ledicia que producen algunhas lecturas, unha película de cine, a elegancia multicolor das flores ou a íntima conexión coa sensibilidade dunha pintura. Todo está pespuntado dun xeito que acaba compoñendo un texto moderno e reconfortante.
A protagonista é unha persoa desarraigada , incapaz de establecer relacións, que vive a súa soidade nun mundo sofisticado, superficial e materialista. Ese mesmo mundo que non ve máis alá das púas do ourizo e, polo tanto, incapaz de discernir a beleza que agocha no seu interior. Podemos estar de acordo ou non coas opinións vertidas pola autora e postas nos beizos dos seus personaxes, pero a fin de contas non son máis que iso, opinións. Pero si podemos gozar coa súa beleza estética, a súa sensibilidade. Por todo isto cando acabamos de lela quedamos de acordo cunha das frases que encerra este libriño: “....quizais sexa iso a vida: moita desesperación pero tamén algúns momentos de beleza onde o tempo xa non é igual”

* La elegancia del erizo é unha obra de Mariel Barbery editada por Seix Barral Biblioteca Formentor que atoparedes na nosa Biblioteca

1 comentario:

  1. Con estos comentarios dan ganas de ponerse enseguida a leer este libro. Lo pondré en mi lista para leerlo lo antes posible.
    Saludos a todos los blogueros

    ResponderEliminar