21 dic 2012

Suxestións de lectura

Aínda que xa as publicitamos con fotocopias polas clases e no taboleiro da biblioteca, queremos tamén desde o blog deixarvos as nosas suxestións de lecturas e películas desexando que vos fagan pasar uns cantos bos ratos durante estas vacacións.

20 dic 2012

FELICES FESTAS e boas lecturas





Dende a Biblioteca do IES  Concepción Arenal queremos animarvos a que nos agasallos deste Nadal, lembredes a posibilidade de incluír algúns libros.
Recordade que o servizo de  préstamo  non é tan so para o alumnado, é un servizo para toda a familia dende as revistas  ata as películas pasando pola música e todos os libros.
Agradecemos suxestións sobre novas de literatura, cine,  música, ou páxinas web. É  unha colaboración que desexamos e agradecemos.
Os nosos mellores desexos para que o próximo ano sexa un ano cheo de bens e de lecturas, de cine, de música…
   
Felices Festas

 


Esta é a postal gañadora do IV  Concurso de felicitacións de Nadal, organizado pola ANPA. Felicidades a todo o alumnado participante.

11 dic 2012

Concurso de ilustración

Cun verso de Constantino Kavafis como lema, "A miña ventá ábrese sobre un mundo descoñecido" o equipo da biblioteca convocaba un concurso de ilustración co tema do libro e a lectura, como hai pouco máis dun ano fixéramos coa fotografía.
Resultaron gañadoras do concurso Cristina e Alba, e desde o mércores 12 de decembro poderedes recoller o calendario do 2013 que reproduce a ilustración merecedora do primeiro premio.O equipo quedou moi satisfeito coa participación e a boa calidade dos orixinais presentados. Xulgade vós mesmos vendo a seguinte presentación:

2 dic 2012

Ecos dun tempo e dun lugar

Din que os recordos son parciais e que o tempo e a nosa imaxinación vainos convertendo en certezas. No libro de Manuel Rivas resulta difícil distinguir onde acaba a realidade e onde comeza a ficción, pero isto ao lector non lle importa xa que ten a habilidade de atraparche entre as súas páxinas e transportarche mentalmente a unhas situacións que che enganchan e seducen a un tempo. É inevitable pola nosa banda ter empatía cos personaxes ou as situacións descritas, e cando nos damos conta percibimos o cheiro do tempo das cereixas, sentimos o soprido do aire de alí onde dá a volta o vento ou imaxinamos os misterios da espesura do camiño cego. Ademais dunha evocación sen queixumes, con dor pero tamén con humor, duns escenarios e uns tempos duros é unha maneira de facer de eco, de alzar a voz por aqueles que, no seu tempo, non puideron facelo.
Estamos ante unha obra íntima, das máis persoais do autor, un libro cheo de sensibilidade, un canto aos pequenos detalles, eses que no vórtice das nosas vidas quedan tan atenuados que moitos non temos a habilidade de percibilos. Unha narración na que os sentimentos flúen suavemente, case sen citalos e así consegue en cada relato expresar moito enunciando pouco, cunha prosa viva, directa e sinxela, pero cargada de poesía e capacidade de síntese, Manuel Rivas transmite ao lector intensos sentimentos que persisten ao paso do tempo.

Rivas Manuel (2012): As voces baixas, Edicións Xerais narrativa

26 nov 2012

CENTENARIO DE CELSO EMILIO FERREIRO

Non podíamos deixar rematar o ano sen homenaxear ao gran Celso Emilio Ferreiro (Celanova 1912 - Vigo 1979).
Se queredes saber do escritor, da súa traxectoria vital e política na nosa terra e fóra dela- xa que residíu un tempo en América-, do seu caracter e aficións, dos amigos que tiña, da fermosa e atípica historia de amor que vivíu coa súa muller- a bela Luisa Moraima-, á que adicou moitos poemas; ademáis de curiosidades como que pola súa iniciativa publicouse o primeiro LP de música galega e que quizáis sexa o poeta galego máis musicado e cantado, non tendes máis que ver a presentación que da vida e obra do poeta ofrécenos aquí Elvira Roiz.
CEF1
View more presentations or Upload your own.
Celso Emilio Ferreiro 2
Celso Emilio Ferreiro 3

25 nov 2012

Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero



“A violencia contra a muller é quizais
 a máis vergoñosa violación dos dereitos humanos.
 Non coñece límites xeográficos, culturais ou de riquezas. 
Mentres continúe, non podemos afirmar que
 avanzamos realmente hacia a igualdade, o desenvolvemento e a paz”

                                                               Kofi Annan.


Dende a Biblioteca e aproveitando  a estrea da derradeira entrega cinematográfica da saga Crepúsculo os convidalos a reflexionar sobre os valores que se inculcan nestes libros.


Dende a súa publicación no 2005, moitas voces teñen alertado sobre os roles que desempeñan mozos e mozas nesta saga, subliñando o papel de sumisión da muller e de agresión e control dos homes sobre elas.

Liches Crepúsculo? Que che parece Bella Swan? Pensaches algunha vez nela... fóra dunha historia de vampiros?




24 nov 2012

MOCHILAS VIAXEIRAS


As Mochilas  Viaxeiras  inician a súa andadura .




Están pensadas para reforzar o vínculo entre familia e escola no seu labor común para a creación e consolidación de hábitos de lectura.
Pero sobre todo son unha invitación para disfrutar do seu contido en compañía, e por en funcionamento a MAXÍA   DA  LECTURA


17 nov 2012

10º ANIVERSARIO DO AFUNDIMENTO DO PRESTIGE



Un 13 de  novembro de 2002, o "Prestige" ten un accidente fronte a costa da Morte que obriga a rescatar a toda a tripulación.
Levaba 77.000 toneladas de chapapote nos seus tanques.
Aquela terrible marea negra espertou unha mobilización cidadá que permanece viva.
Dez anos despois da catástrofe comeza o xuízo contra os acusados.


8 nov 2012

MALETA VIAXEIRA " OS MUNDOS DE CUNQUEIRO"

Durante este mes de novembro estará na Biblioteca, a disposición do profesorado, a maleta viaxeira "Os mundos de Cunqueiro" en préstamo temporal da asesoría de Bibliotecas Escolares.

http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/files/diptico_maleta_cunqueiro_DEF.pdf


 Os fondos están expostos na Biblioteca, en espera de rolar polas aulas.

4 nov 2012

A escritura e a memoria



A tráxica morte da nai de Delphine de Vigan é o factor determinante polo cal emprende a tarefa de profundar  na  historia familiar para comprender mellor a peripecia vital da súa proxenitora.
Filla dunha numerosa e peculiar familia burguesa francesa, atópase con multitude de testemuños: as innumerables fotos, os vídeos familiares, as reflexións gravadas en casete do seu avó, as cartas e os escritos da súa nai e unha cantidade considerable de testemuñas familiares dos feitos que pretende relatar. Nesta situación a escritora, e á vez protagonista do relato, introdúcenos en dúas narracións paralelas: por unha banda a difícil  interpretación das  diferentes visións da memoria colectiva (o esencial dos feitos coincide pero os matices son diferentes segundo as testemuñas) e por outra a propia escritura da obra, as dúbidas, as incertezas, as valoracións, en fin a dificultade do proceso de creación para non defraudar as expectativas postas na súa obra por parte dos seus familiares e non abrir novas feridas por interpretar incorrectamente as diferentes sensibilidades.
No seu intenso e duro relato non nos ocultará nada e así  xorden os segredos familiares,  as historias que limitan entre a ficción e a realidade que moitas veces non sabemos se crer ou ignorar e eses tabús que todos tratan de ocultar. Delphine de Vigan implícase fortemente no relato e constrúe unha historia que vai crecendo páxina a páxina e que é imposible deixar, unha obra que che vai conducindo por un labirinto que  á vez che intriga, asfíxiache e convídache á reflexión ao terminar cada parágrafo, cada capítulo. Así termina de reconstruír a vida da súa nai, con minuciosidade, con afecto e comprensión pero sen piedade, cun amor tan dolorido que parece xurdir mentres nolo descobre, mentres realiza o exercicio de sacar á luz todos os detalles, todos os claroscuros que ten a vida da súa nai.
En resumo estamos ante unha obra intensa, conmovedora e inquietante, fermosa e turbadora a un tempo, lonxe da ficción ao uso pero instalada entre as tendencias actuais, de certos autores europeos, de compartir co lector os seus sentimentos, preocupacións e emocións. 
       
De Vigan Delphine (2012): Nada se opone a la noche, Panorama de narrativas. Editorial Anagrama.

31 oct 2012

Noraboa Kalandraka!


  
 O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte concedeulle á editorial galega Kalandraka o Premio Nacional á Mellor Labor Editorial Cultural 2012 polo compromiso coa literatura infantil, destacando o coidado dos textos, xunto coa calidade de ilustración e a dedicación a xéneros máis complexos como a poesía, cualificando a editorial como un referente en España e no estranxeiro.

 Dende a nosa Biblioteca felicitamos á editorial galega Kalandraka.

LAURA GALLEGO, PREMIO NACIONAL DE LITERATURA


 

Laura Gallego, obtén o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por Donde los árboles cantan.

Este premio é concedido anualmente polo Ministerio de Educación Cultura e Deporte ao mellor libro publicado en 2011 en calquera das linguas oficiais de España.


 Anímate á lectura desta novela.

26 oct 2012

Charles Dickens




No ano do bicentenario do seu nacemento desde a nosa biblioteca queremos propoñervos unha lectura apaixonada das súas obras, un dos autores máis internacionais e prolíficos da literatura universal: ao redor de 1000 obras saíron da súa pluma, obras que quizais sexan as que máis veces foron levadas ao cine.
 Din del que no seu afán por denunciar as inxustizas da sociedade na que vivía, a súa preocupación pola infancia e as condicións de sectores tradicionalmente marxinados converteuse nun home moderno, valente e solidario.




 
Algunha das súas citas:
" O corazón humano é un instrumento de
moitas cordas; o perfecto coñecedor dos
homes sábeas facer vibrar todas, como un bo
músico. "
" Acostumamos a cometer as nosas peores
debilidades e fraquezas a causa da xente que
máis desprezamos."
" Hai homes que parecen ter só unha idea e é
unha pena que sexa equivocada."
" Cada fracaso ensínalle ao home algo que
necesitaba aprender."

17 oct 2012

"O misterio das amendoeiras" e o teatro de Jardiel Poncela

O venres 5 de outubro o grupo de teatro "Arjé" do IES Breamo de Pontedeume ofreceunos unha divertida representación do "Misterio das Amendoeiras" , unha adaptación de "Eloísa está debajo de un almendro" de Enrique Jardiel Poncela (1901-1952). O teatro de Jardiel Poncela rompe co humor tradicional e co naturalismo imperante na escea da súa época,  empregando un humor moito máis intelectual baseado no absurdo e no inverosímil, que se presenta revestido de normalidade.
Por anotacións do propio escritor, sabemos que ideou esta obra inspirándose no persoaxe real de Landrú, un famoso asasino de mulleres, e no interés morboso que podería sentir unha muller por esos asasinatos.
É esta unha obra de intriga na que pouco a pouco o espectador saberá que sucedeu na casa dos Ojeda hai vinte anos, da man da namorada parella protagonista, Mariana Briones e Fernando Ojeda. O seu redor bulen  outros moitos disparatados persoaxes: o excéntrico Edgardo, o curioso Ezequiel, a sofisticada Clotilde, a desequilibrada Micaela, a desaparecida Julia e todos os criados, que están abraiados polas tolerías dos seus señores.
Estas son as imaxes da posta en escea:
O misterio das amendoeiras on PhotoPeach

11 oct 2012

Adeus a Ray Bradbury


Unha das sesións do noso club de lectura do curso pasado foi dedicada a Ray Bradbury, que foi un dos escritores ciencia ficción máis lidos e que morreu o xuño pasado á idade  de 91 anos. Un dos seus libros máis famosos, xunto con Farenheit 451, é Crónicas marcianas, libro que escribiu en 1942. É unha colección de relatos que teñen ao planeta Marte como fío argumental e que narran a chegada a Marte e a colonización do planeta por parte dos humanos, o que provoca a caída da civilización marciana e a súa extinción. Non é que todo isto estea acontecendo hoxe en día, pero o 5 de agosto o robot Curiosity enviado pola Nasa aterrou en Marte para levar a cabo unha misión de exploración que vai durar dous anos.
As imaxes que está a enviar o robot non distan moito do que Ray Bradbury imaxinou cando escribiu os relatos. No relato Os homes da Terra di: “Fóra brillaba o inmenso ceo azul de Marte, caloroso e tranquilo como as augas cálidas e profundas dun océano. O deserto marciano torrábase como unha prehistórica vasilla de barro. O calor crecía en trementes ondadas.” Vendo as imaxes que o robot enviou, penso que é xusto o que sentiriamos se pisasemos o solo de Marte.
No relato Ylla di: “Tiñan no planeta Marte, á beira dun mar seco,...” Polo de agora non se atopou auga en Marte, polo que de novo volve Ray Bradbury a acertar. E así poderiamos ir percorrendo os 25 relatos atopando similitudes co que na actualidade sabemos de Marte.
O meu relato favorito é O verán do cohete. É un relato moi curto de só tres parágrafos, pero a min paréceme insuperable. Comeza o primeiro parágrafo dicindo: “Un minuto antes era inverno en Ohio”. E o segundo con: “E de pronto, unha longa onda de calor atravesou o pobo”. E  o terceiro segue con: “O verán do Cohete”. Penso que só con estas liñas xa podemos imaxinar o que acontece.
Borges prologou unha das edicións de Crónicas marcianas e nel di que os seus relatos preferidos son A terceira expedición e O marciano.
Como recoñecemento ás contribucións deste escritor ao coñecemento de Marte, o equipo da Nasa que está a traballar nesta misión deu ao lugar no que aterrou o Curiosity o nome de Bradbury Landing. Cando aterraron o robot twitearon: "In tribute, I dedicate my landing spot on Mars to you, Ray Bradbury. Greetings from Bradbury Landing!".

Penso que é un bonito epitafio para este escritor do que moitos din que é o poeta da ciencia ficción, co que, sen dúbida, eu estou de acordo.

Nota. Se queredes leer os relatos de que forman as Crónicas Marcianas podédelo facer nesta dirección: http://www.taller54.com/rb3.pdf