A tráxica morte da nai de Delphine de Vigan é o factor
determinante polo cal emprende a tarefa de profundar na
historia familiar para comprender mellor a peripecia vital da súa
proxenitora.
Filla dunha numerosa e peculiar familia burguesa francesa,
atópase con multitude de testemuños: as innumerables fotos, os vídeos
familiares, as reflexións gravadas en casete do seu avó, as cartas e os
escritos da súa nai e unha cantidade considerable de testemuñas familiares dos
feitos que pretende relatar. Nesta situación a escritora, e á vez protagonista
do relato, introdúcenos en dúas narracións paralelas: por unha banda a
difícil interpretación das diferentes visións da memoria colectiva (o
esencial dos feitos coincide pero os matices son diferentes segundo as testemuñas)
e por outra a propia escritura da obra, as dúbidas, as incertezas, as
valoracións, en fin a dificultade do proceso de creación para non defraudar as
expectativas postas na súa obra por parte dos seus familiares e non abrir novas
feridas por interpretar incorrectamente as diferentes sensibilidades.
No seu intenso e duro relato non nos ocultará nada e
así xorden os segredos familiares, as historias que limitan entre a ficción e a
realidade que moitas veces non sabemos se crer ou ignorar e eses tabús que
todos tratan de ocultar. Delphine de Vigan implícase fortemente no relato e
constrúe unha historia que vai crecendo páxina a páxina e que é imposible
deixar, unha obra que che vai conducindo por un labirinto que á vez che intriga, asfíxiache e convídache á
reflexión ao terminar cada parágrafo, cada capítulo. Así termina de reconstruír
a vida da súa nai, con minuciosidade, con afecto e comprensión pero sen
piedade, cun amor tan dolorido que parece xurdir mentres nolo descobre,
mentres realiza o exercicio de sacar á luz todos os detalles, todos os claroscuros
que ten a vida da súa nai.
En resumo estamos ante unha obra intensa, conmovedora e
inquietante, fermosa e turbadora a un tempo, lonxe da ficción ao uso pero
instalada entre as tendencias actuais, de certos autores europeos, de compartir
co lector os seus sentimentos, preocupacións e emocións.
De Vigan Delphine (2012): Nada se opone a la noche,
Panorama de narrativas. Editorial Anagrama.
No hay comentarios:
Publicar un comentario