12 feb 2010

Primo Levi: químico, escritor e humanista


O 27 de xaneiro celebrouse o 64.º aniversario da liberación dos campos de concentración nazis e ao ler esta noticia nos periódicos pensei en escribir este post dedicado a Primo Levi, un escritor que, desde que o descubrín, hai xa moitos anos, sempre me gustou.

Ao igual que moitos compañeiros químicos, o primeiro contacto que tiven con Primo Levi foi a través do seu libro El sistema periódico. Este libro foi publicado en España en 1988, aínda que foi escrito en 1975. Está estruturado en 21 capítulos que levan como título un elemento do sistema periódico. Porén, non é un libro sobre Química. O nome do elemento químico é só un pretexto para falar das relacións humanas. Primo Levi mestura neste libro realidade e ficción de forma maxistral. Tanto lembra a súa xuventude en Turín, a cidade na que naceu, no capítulo do ferro, como emprega a imaxinación pura no capítulo do mercurio. O capítulo que más me impactou foi o dedicado ao vanadio onde describe o encontro, ao rematar a guerra e por razóns profesionais (foi director dunha fábrica de pinturas e vernices), cun dos seus carcereiros en Auschwitz-Monowitz. Debido aos seus coñecementos de Química, cando estivo preso Primo Levi fixo traballos forzados nun laboratorio da empresa I.G. Farben Buna, na que se producía caucho-buna que é un tipo de caucho moi resistente á acción dos aceites e a abrasión. A cargo dese laboratorio estivo o alemán L. Müller, químico tamén. Cando Primo Levi tivo noticias da súa existencia estableceron unha relación epistolar, pero non chegaron a se coñecer en persoa porque Müller faleceu antes. Müller pediulle a Levi unha especie de absolución polo seu pasado nazi, algo que el non estivo disposto a facer.

Tempo despois lin a triloxía da que forma parte, ao meu parecer, o mellor libro de Primo Levi, Si esto es un hombre, libro que escribiu pouco tempo despois de saír do campo de concentración. Nel narra o día a día no campo de concentración del e dos amigos que foron arrestados con el. Penso que este é un libro imprescindible que hai que ler porque, a parte da mestría que demostra o escritor ao describir as súas vivencias, ter na memoria o holocausto dos xudeus é unha das maneiras de evitar que feitos semellantes poidan volver suceder. Continuación deste libro son La tregua e Hundidos y salvados. No primeiro narra a súa viaxe desde que deixou o campo de concentración ata que chegou de novo a Turín, varios anos despois. O segundo son reflexións sobre o horror.

Anos despois lin Última Navidad en Guerra, que é un libro póstumo. Nel recóllense relatos curtos que deixou escritos froito de máis de dez anos de traballo. Seguindo a tónica dos seus libros anteriores mestura aquí tamén realidade e ficción. Cabe destacar uns relatos de animais (Las bodas de una hormiga ou La jirafa del zoo) que dan idea dos rexistros tan diferentes deste autor.

Ultimamente lin unha biografía súa escrita por Ian Thomson, reputado biógrafo e periodista británico. Para escribilo o autor pasou máis de dez anos en Italia entrevistando a xente que coñeceu a Primo Levi. Foi un das últimas persoas en entrevistale. Aínda que é un libro de casi 700 páxinas a súa lectura é moi amena e interesante porque grazas a el se entenden moitas das claves dos seus libros. É especialmente crúo o relato dos seus derradeiros días antes do seu suicidio. Tirouse polas escaleiras da súa casa o 11 de abril de 1987.

Quero animar con esta entrada a todos os que non listes ningún libro deste escritor a que o fagades, xa que non vos vai defraudar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario