27 ene 2010

Contacontos na biblioteca


O último día antes do Nadal, e como parte das actividades programadas, tivo lugar na biblioteca unha sesión de contos para os alumnos de 2ºde ESO. Tivemos a ocasión de escoitar á contacontos María Yáñez.Os relatos foron moi variados, algúns románticos, outros para facernos pensar, como o do home que se convertía en asno; algún tamén moi orixinal, como o que tiña por protagonista a un punto e seguido.
Aínda que a contacontos comentara previamente que os rapaces desa idade son un público difícil de entreter e moi esixente, durante a súa sesión conseguiu non só que a escoitaran atentamente senon tamén facelos participar.

26 ene 2010

Breve historia da nosa Biblioteca

A historia da Biblioteca "Saturnino Hermida" está vencellada á creación do Instituto "Concepción Arenal" en 1927, ano no que se instalou no que fora Cárcere, logo Goberno Militar e hoxe é a Sede da Fundación Cultural "Caixa Galixia".

Gústanos crer que a creación da Biblioteca iníciase o 16 de xaneiro de 1928, cando o Claustro de Profesores do Instituto aproba a adquisición de tres dicionarios enciclopédicos ao przo de 18 pesetas a unidade

En xaneiro de 1945 trasládase o Instituto, e con el a Biblioteca, ao actual edificio preto do que hoxe se coñece como Plaza de España. Daquela os libros estaban depositados na Sa de Profesores. Con pequenas adquisicións e algunhas doazóns, a Biblioteca foi indo a máis pouquiño a pouco.

No ano 1972, coa aparición do Curso de Orientación Universitaria, a Biblioteca ábrese aos alumnos de COU.

No curso académico 1978-79 a Biblioteca aséntase nun local, axeitado ao seu propósito, na planta baixa do edificio principal -xa había algíns anos que o primitivo edificio se ampliara cunha nova ala que primeiro albergou á Sección Feminina do Instituto, logo a Escola de Peritos e posteriormente a Escola de Graduados Sociais -no que fora Gabinete de Ciencias da Natureza.

É a partires deses anos, que xorde o cargo de bibliotecario, que recae na figura do mestre nacional D. Saturnino Hermida, quen estivo ligado á historia do Instituto "Concepción Arenal" dende a súa creación en 1927, ano en que foi alumno da súa primeira promoción, ata o seu pasamento. Entrambas datas moitos e moitas lembrarán a D. Saturnino como mestre encargado da Preparatoria, curso que "preparaba" a proba de Ingreso no Bacharelato.

No ano 1999, a Biblioteca pasa a ocupar o local que ata entón viña na ser a Capela do Instituto. Un local de preto de 500 metros cadrados, que constitúe o seu emprazamento actual. No ano 2000, logo xa do falecemento de D. Saturnino, o Claustro de Profesores acordou darlle o seu nome á Biblioteca.

Dende os primeiros anos da década dos 90, a Biblioteca foi pioneira na informatización dos seus fondos bibliográficos. Hoxe en día forma parte da Rede de Bibliotecas de Galicia englobadas no Proxecto Meiga, o que permite que calquera poda consultar o noso catálogo en Internet.

(Meu agradecemento Bernardo Máiz polos datos facilitados para a confección desta pequena historia).

18 ene 2010

Nelson Mandela: agora a película

Nos próximos días vaise estrenar no noso pais a película baseada no libro escrito por John Carlin sobre Nelson Mandela El factor humano: el partido que salvó a una nación, que comentamos nun post deste blog.
A película titúlase Invictus e está dirixida por Clint Eastwood con Morgan Freeman no papel de Nelson Mandela. Comezou a xestarse no verán de 2006 cando o autor do libro e Freeman coincidiron en casa dun amigo común e lle dixo: Sr. Freeman, tocóulle a lotería. Teño unha película para vostede. Freeman levantou un cella e lle dixo: Ah si. De que vai?" Explicoulle que sobre o libro que estaba escribindo nese momento sobre Mandela ao que lle contestou que levaba anos querendo interpretar ese papel.
Un ano máis tarde Freeman levoulle o guión da película a Eastwood. Despois de lelo dixo: Dios mío, encántame esta historia, non a coñecía, pero é magnífica. Eastwood chamó a Matt Damon para interpretar o papel de François Pienaar, o capitán da selección de rugby de Sudáfrica, que se apuntou inmediatamente e se puxeron en marcha.
Vinte meses despois, o 5 de maio do ano pasado, rodouse a última escea de Invictus. O tándem Eastwood-Freeman seguro que nos vai deparar unha boa película e por que non, un Oscar para Clint Eastwood, galardón que polo de agora se lle resiste e que o ten ben merecido.