17 abr 2013

Concurso de marcapáxinas


  
Unha actividade máis a realizar polas Letras Galegas.
Este ano o Día das Letras Galegas conmemora a figura de Roberto Vidal Bolaño. É un dos promotores  do teatro profesional en Galicia e foi un activo defensor da normalización lingüística na escena galega. Integrante do Grupo Abrente, participou na fundación de varios grupos de teatro, participando neles como autor, director, actor, escenógrafo... sendo recoñecido o seu labor con numerosos premios literarios.

Como inspiración ou para ilustrar os marcapáxinas, propoñémosvos esta pequena escolma de textos feita por Manuel Rei:
1. Xuntos fixemos todos os camiños que levan a algures.
2. Camiño de Compostela hai montes que tocan o ceo e os ríos meirandes có mar océano mesmo.
3. Desque andamos xuntos soño con ter nos meus brazos, con che bicar eses peitos que vento esplendorosos, con te facer miña.
 4. Cantas viaxes non poderei facer aínda, cando me deites na escuma dese encapelado e deixes que me perda nel?
5. Sempre crin que chegado o momento da derradeira viaxe, agradecería pódela facer paseniño.

Adxuntamos unhas ligazóns onde podedes atopar recursos sobre a vida e obra do escritor:


16 abr 2013

Roberto Vidal Bolaño


Ao noso xeito, que desde hai anos vén a ser tradicional, no Departamento de Lingua e Literatura Galega  homenaxeamos,  coa presentación que podedes ver a continuación, ao autor a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, o dramaturgo Roberto Vidal Bolaño.
 O compostelán dominaba a escena en todas as súas dimensións. Foi autor dramático, director, actor, escenógrafo, iluminador... Todo el era teatro. Unha pena non telo hoxe connosco, pois máis que nunca, o teatro galego é, como dicía o propio dramaturgo, “necesario e imprescindible, hoxe e aquí".
A presentación ten dúas partes: unha introdutoria, que é un breve achegamento a súa figura, e outra biográfica, que nos fala da súa vida e da súa obra.
A magnífica música de jazz que leva insertada, “9 contra 4”,  é  galega, do Trío de Abe Rábade, con Rábade ao piano, Bruno Pedroso á batería e Pablo Martín ao contrabaixo.
View more presentations or Upload your own.

10 abr 2013

Adeus a José Luís Sampedro

Adeus a José Luís Sampedro
Aquí podedes ver a súa última entrevista  concedida fai  poco máis dun mes a TVE. 

3 abr 2013

Intemperie



Quizais na miña decisión de ler esta primeira novela dun autor descoñecido  pesou, e non pouco, a recomendación de Isabel (a bibliotecaria do Instituto) pero debo afirmar que resultou unha agradable sorpresa e tamén recoñecer que me sinto agradecido de que o fixera.
Nun escenario que representa un tempo indeterminado, nunha paisaxe de secaño sen referencias a lugares concretos, uns protagonistas sen nome nunha narración na que os silencios describen moito máis que as palabras vainos desacougándonos paulatinamente , meténdonos nunha trama dun vigor extraordinario até chegar a un desenlace tan brutal como sorprendente.
Nestes tempos asombra  que un autor desprece a aposta pola modernidade e ofrézanos unha narración diferente, que parece non xurdir deste século XXI pero que une unha exquisita combinación de riqueza estilística cunha sintaxe simple e un tratamento meticuloso e preciso da paisaxe ata convertelo nun dos protagonistas da novela.
A brevidade da  obra e a súa lectura fluída convida a terminala nunha sentada pero iso non nos permitiría deleitarnos cunha emocionante e excelente prosa poética onde cada palabra e cada frase ocupa un lugar insubstituíble, na que non sobra nin falta nada, e aínda que empregue  un abundante e preciso  léxico campestre,  tampouco é un impedimento para que aos lectores menos familiarizados con eses termos, coma min, supóñalles un obstáculo na lectura.
En fin, unha novela atípica que nos evoca ao mellor Delibes, e igual que aquel, tan rural como universal  e na miña opinión una das mellores obras que lin ultimamente.

 

Carrasco, Jesús (2013): Seix Barral, Biblioteca breve