18 comidas é o título da película que vin o pasado sábado, e a verdade é que foi unha agradable sorpresa. É unha comedia cun guión moi orixinal. Aínda que a crítica a poñía moi ben, eu non as tiña todas comigo, pois moitas veces as críticas e eu non coincidimos. Pero esta vez foi certo, a película, desde logo, paga a pena ser vista. O director chámase Jorge Coira, é de Lugo e foi ao instituto con Luis Tosar. Na película entrelázanse seis historias diferentes que teñen como fío condutor a reunión ao redor da mesa. Tren tres partes, unha dedicada ao almorzo, outra á comida e a terceira á cea. Filmouse en Santiago e penso que un adxectivo que a describe moi ben é “moi galega”, pois nela quedan moi ben reflectidas situacións que todos coñecemos. Traballa nela Luis Tosar rodeado de moitos outros actores galegos, ben coñecidos porque soen formar parte das series que emite a Televisión de Galicia. Ten de bo que foi realizada con baixo presuposto, co cal é un bo exemplo de que sen gastar esas inxentes cantidades de diñeiro que gasta Hollywood, se poden facer boas películas. Aconséllovola, ide vela e pasaredes un bo rato
No hay comentarios:
Publicar un comentario