18 mar 2010

BANDA SONORA (V)

Un bo amigo, Juan Caruncho, veu sacarme do pozo no que estaba sumido coa miña guitarra. Asumiu con grandes doses de paciencia a tarefa de ensinarme os acordes (posturas que diciamos os rapaces da miña época) imprescindibles para poder acompañar algunha das melodías máis básicas para os principiantes. Foron días de desesperación xa que os meus dedos eran demasiado curtos, ou a min iso parecíame, e demasiado sensibles pois ao cabo dun tempo de oprimir as cordas doíanme dunha forma endiañada. Ademais eu non sei si era a miña forma de “rascar” a guitarra, non caerei no erro de chamar tocar a aquilo, ou se era polo pouco uso dado ás cordas o caso era que cada dous por tres había que afinar e iso tamén para min constituía un verdadeiro calvario. Repetíame unha e outra vez os pasos que tiña que dar e a orde a seguir para non romper as cordas pero eu atopábao unha misión case imposible e recorría una e outra vez ao meu amigo para que terminase a tarefa. Non levei a conta do tempo que tardei en poder acompañar a miña primeira canción pero si creo que mo gañei por cabezonería. Ao principio conseguín acompañar algunhas cancións lentas (polo tanto máis doadas de acompañar), sudamericanas e habaneras fundamentalmente. Ao tempo como aos meus pais gustábanlles ese tipo de cancións castigáballes a ser testemuñas dos meus atentados: Perfidia, Guantanamera, Paloma mensajera, Cuando calienta el sol e outras foron vítimas do meu atrevemento. Eu creo que os continuos intentos, volvendo a empezar a canción desde o principio, tras un erro eran unha especie de martirio chinés que aínda hoxe non me deben de perdoar. O caso é que mal que ben, a miña técnica na execución, algo ía mellorando e ao cabo de certo tempo atrevinme a probar con cancións máis do meu gusto como And I love her, Stand by me, La bamba, Twist and shout ou a máis agradecida de todas: The house of the rising sun ( A casa do sol nacente) de The Animals. Unha canción que para un novato non é excesivamente difícil de tocar e que me tiña obsesionado.
The Animals:
Nacidos a principios dos anos 60 en Newcastle o xerme do grupo formárono Alan Price (organista) e Eric Burdon (cantante) que recrutaron ao baixista Bryan Chandler, o guitarrista Hilton Valentine e ao batería Jhon Steel para formar o grupo do que se di que interpretaban mellor a música negra: o blues e o R&B pero tamén os máis influenciados por ela. A súa música áspera e desgarrada era inconfundible, cunhas instrumentacións simples, acompañamentos repetitivos e machacóns pero cheos de forza, o seu repertorio deses anos baseábase en versións de temas de Sam Cooke, Jhon Lee Hooker, Fats Domino, Chuck Berry ou Nina Simone pero as súas composicións aínda que escasas eran excelentes. Entraron nas listas de éxitos cunha adaptación da canción Baby let me take your home (de Russell e Farrell compositores entre outras do emblemático Hang on Sloopy) o que lles animou a probar coa adaptación dunha canción tradicional americana The house of the rising sun. Os arranxos de Alan Price dótana dunha atmosfera dramática, alcanzada a base da guitarra de Valentine e o órgano de Price, o que unido á voz profunda e áspera de Eric Burdon conseguen un efecto impactante que lles impulsa en plena beatlemanía ao número 1 das listas tanto do Reino Unido como de Estados Unidos (o éxito no resto do mundo foi similar). Máis tarde chegarían as espléndidas, pero menos valoradas polo público, Don’t let me be understard, I’m crying, We gotta get out this place, Bring it on home to me ou I’m going change the world. As continuas diferenzas entre Bardon e Alan Price levan a este último a abandonar o grupo aducindo como desculpa o seu temor a viaxar en avión (fundou o grupo Alan Price Set de relativo éxito e efémera duración. Logo continuaría en solitario, compoñendo música para películas ou telefilms e colaboracións, a máis fructifera de todas con Georgie Fame). Coincidindo coa súa marcha comeza un abandono inexorable do blues e do R&B cara a camiños máis comerciais. Xa sen Price e con Dave Robwerry no seu lugar aínda conseguen asinar a excelente It’s my life e lanzan dous dos seus mellores LP’s The Most of The Animals un recompilatorio coa casa Columbia que acaban de abandonar e Animalism o seu novo traballo para a DECCA.En plena moda hippy-psicodélica e tras disolverse The Animals por problemas entre os seus integrantes unha renovada banda: Eric Burdon and the Animals traslada a súa base a California onde cambian totalmente o estilo do grupo e conseguen algún éxito con cancións como When I Was Young, Monterey ou San Francisco Nigths, o seu último hit cal canto de cisne foi Sky Pilot incluído nun dobre album Love desaparecendo o grupo en 1969. Burdon continuaría na música formando unha nova banda chamada War ca que obtivo algún novo éxito. Aínda que en varias ocasións volveron reunirse, con distintas formacións, para actuacións en directo e gravar algún disco xa non recobrarían a frescura nin o espírito orixinal que lles converteu nun grupo de lenda.

No hay comentarios:

Publicar un comentario