25 abr 2014

23 de abril: Día Internacional do Libro e os Dereitos de Autor


Coma en anos anteriores, Bibliotecas escolares agasállanos con este marcapáxinas con texto orixinal de Paco Martín. Pódese descargar aquí.



Actividades organizadas pola biblioteca para celebrar o día do libro:
  • *      Comezamos a semana cun cartel na entrada da biblioteca onde colocamos unha pregunta  "Por que se celebra o 23 de abril o día internacionl do libro?". A comunidade educativa tiña que responder e deixar no caixón de suxestión co seu nome.
  • *      Recital de poesía : Confeccionamos a noso “Árbore poético”. Para a realización do mesmo debuxamos unha silueta dunha árbore sen follas. O alumnado tiña que recoller ou elaborar un poema nun papel de cor con forma de folla (actividade realizada na aula con axuda do profesorado). O día do libro, fixemos a lectura en  voz alta, na biblioteca e ían colocando na árbore as distintas follas. Os poemas recollidos estaban en varios idiomas( galego, castelán, inglés, francés...).Esta actividade foi realizada polo alumnado de  1º e 2º ESO, na que todos os   participantes recibiron un agasallo.
  • *      O teu libro favorito : Por outro lado, o alumnado de  3º e 4º da ESO, xunto con os seus mestres de lingua, fixeron unha reseña sobre a lectura que máis lle gustou, que foi colocada no panel da biblioteca.
  • *      O alumnado de 1º e 2º ESO participou ese día no pase dunha curtametraxe animada “The fantastic flying books of Mr. Morris Lessmore”.
  • *      Os outros grupos visionaron "Días de cine" de TVE celebraron o día do libro do 2013 cunha reportaxe con escenas de películas nas que aparecen os libros e a lectura, xa que este curso a nosa exposición temática está dedicada ao cine e a literatura.

      

12 abr 2014

CORTÁZAR CUMPRE 100 ANOS


A avoa paterna da que escribe naceu alá na Arxentina en 1914, como tantos e tantos galegos fillos de emigrantes. Ese mesmo ano nace tamén o que estaba destinado a ser un dos arxentinos máis grandes, talentosos e apaixonantes da historia, xunto a Gardel, a Borges, ao “Che”, a Piazzolla, a Quino e a varios máis (onde non falta algún que outro futbolista). Pero en contra do que cabería esperar, este arxentino non naceu no seu país: como unha das súas moitas rarezas, o escritor foi nacer como “consecuencia da diplomacia” na capital dos belgas, unha turbulenta Bruxelas que acababa de ser ocupada polos nazis.
Pois ben, de non morrer inesperadamente -hai xa 30 anos, seguramente dun aínda entón decoñecido sida que lle meteron nun hospital francés- o incombustíbel Cortázar, coñecido até entón como "Dorian Gray", tería cumprido cen anos, motivo polo cal (e porque el o merece…), acometemos a presentación que vén a continuación deste escrito.
O arxentino, parisiense de adopción, amosou un sincero aprezo e admiración polo noso país. Como Cervantes no seu século, o que foi un dos mellores escritores en lingua castelá do seu, apartouse cando se ocupou de Galicia, empregando palabras rosalianas, das “vulgares preocupaciones con las que se pretende manchar mi país”. Viaxeiro impenitente, veu en dúas ocasións a Galicia coa súa primeira muller, Aurora Bernárdez, onde non faltou, por certo, unha visita a Ferrol. Sabemos que gardou un gratísimo recordo da nosa paisaxe, das nosas cidades, da nosa gastronomía, da nosa xente.  De orixes galegas, Aurora (unha muller culta e brillante, aínda viva, escritora e tradutora como o seu home) mantivo con el unha afectuosa amizade logo de divorciárense. Acompañouno nos seus ultimos días e herdou o seu interesantísimo legado persoal (manuscritos, fotos, vídeos…), legado que doou recentemente ao Centro Galego de Artes da Imaxe.
Cortázar mantivo sempre un estreito contacto cos emigrantes e exiliados galegos que na posguerra desenvolveron un inxente labor cultural na capital arxentina (xa sabedes, a “quinta provincia”…). Foi na editorial “Correo Literario” fundada e dirixida por Luís Seoane, Arturo Cuadrado e Lorenzo Varela, onde Cortázar publicou o seu primeiro conto, “Bruja”. O arxentino mantivo una entrañable amizade con Lorenzo Varela, así como con Dieste (a quen admiraba polos seus relatos e de quen moi ben puido ter recibido influencias), e máis aínda con Seoane e a súa dona, Maruxa. E foi Francisco Porrúa, natural de Corcubión, o seu ousado editor (a publicación da agora mítica “Rayuela” semellaba, a todas luces,  un desatino…). Seguindo con aquela ousadía. Editaría catro anos despois “Cien años de soledad”, que xa rexeitaran dúas editoriais.
Conta Aurora que Cortázar se sentía moi cómodo entre a nosa xente, e que a diferenza dos demais arxentinos nunca empregou o termo de “gallegos” para referirse aos españois. Simpatizaba connosco, quizais porque vía en nós certa semellanza cos seus amados “cronopios”, aqueles criaturas saídas do seu fértil maxín, adorables "seres verdes y húmedos”, inxenuos, idealistas, sensibles, irónicos, extravagantes e pouco convencionais.
Julio Cortázar.
Gravado de Luís Seoane.
O escritor, que tivo sempre un grande respecto polo galeguismo e polo galego, deixou escrito estas curiosas palabras: “Yo he comprobado, che, que los gallegos respiran por el idioma y si no lo hablan se mueren de asfixia”.
Ai, se soubese o arxentino da xenuína epidemia de autoasfixia que padecemos!!!

Nesta ocasión, por unha vez e sen que sirva de precedente, estimei máis oportuno non traducir os títulos nin as citas orixinais, pois, aínda que“Rayuela” quedaría estupenda como “Mariola”, apeteceume que as magníficas palabras do “Grandísmo Cronopio”  non perderan un ápice da súa peculiar “arxentinidade”.
Porén, atrevinme a traducir este breve pero seductor poema de Papeles inesperados (Alfaguara, 2009):

O que me gusta do teu corpo é o sexo.
O que me gusta do teu sexo é a boca.
O que me gusta da túa boca é a lingua.
O que me gusta da túa lingua é a palabra.

Fermoso e suxestivo xeito de expresar a súa paixón pola maxia do verbo. Cortázar, tamén na poesía,  sempre cheo de sorpresas.

JULIO CORTÁZAR. UNHA APROXIMACiÓN.


ENLACES Á BIOGRAFÍA DE CORTÁZAR
(cinco presentacións sen música, por algún problema con SlideBoom)

3 abr 2014

Enquisas "Hora de ler"



Animádevos é moi fácil de cumprimentar, só leva uns minutos.


O alumnado para participar tedes que picar aquí.

O profesorado para participar tedes que picar aquí.


Grazas pola vosa participación.