Doris Lessing, considerada unha das escritoras máis influíntes do século XX, morreu o pasado domingo, o día 17 de novembro. Nacida en Persia (hoxe Irán) e crecida en Rodesia (hoxe Zimbabwe) no ocaso do colonialismo, Doris foi unha muller intelixente, valente e decidida que na súa longa vida –tiña 94 anos– andou comprometida coas loitas sociais, cos desvaforecidos, con África, coas mulleres, co ecoloxismo, co pacifismo… En 1999 foi quen de rexeitarlle á raíña Isabel II o título de Dama do Imperio Británico.
Só un título entre a súa prolífica obra está traducido ao galego. Trátase da súa obra máis recoñecida e que, hoxe en día, segue a ser un dos referentes do feminismo: "O caderno dourado" (Galaxia, 2009). Trátase dunha novela con trasfondo autobiográfico que ten como protagonista a unha muller que aspira a ter a liberdade dun home.
En 2007 cando lle foi entregado o Nobel de Literatura fixemos unha presentación para divulgar a súa figura. Agora que polo seu pasamento tanto se está a falar desta interesantísima muller, achegamos coas oportunas modificacións aquel traballo.