A narración de Auður Ava Ólafsdóttir (Rosa cándida) é unha novela sinxela, de lectura áxil, pero intensa que te atrapa entre os seus capítulos e seduce aos poucos. Cando te dás conta estás a colocar as últimas pezas do mosaico, e a te deleitar cos capítulos finais dunha rara narración que non deixa indiferente.
Resulta curioso que esta sutil obra, un cántico á delicadeza e a beleza dos pequenos e sensibles detalles, fose elaborada nun país (Islandia) afundido economicamente polos especuladores. É unha obra na que as cousas non transcorren como sería de esperar que ocorresen, pero na que o canto ao idealismo, e a autenticidade imponse sobre o pesimismo e a tristeza das vidas frustradas ocasionadas por enfoques erróneos na solución dos problemas.
O relato, os protagonistas e a paisaxe son inusuais pero non por iso menos atraíntes. A composición por capítulos que o personaxe escribe a modo de reflexións nocturnas fai moi fácil a súa lectura. Imos enlazando así as pezas dun quebracabezas que aos poucos nos vai desvelando o panorama completo e a súa evolución persoal. É un ser cheo de dúbidas e contradicións cunha única certeza, o seu amor polas flores, sobre todo polas rosas e especialmente pola de oito pétalos. Na súa viaxe iniciática, de descubrimento persoal enfrontarase en soidade, e por primeira vez, cos problemas da vida: a enfermidade, a responsabilidade, o traballo, a paternidade, e ... finalmente a reflexión sobre todo o que pasou e o que virá despois.
Rosa cándida contén moitos detalles que a fan unha narración distinta. Unha novela diferente e orixinal coa que gozar lendo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario