A miña adolescencia musical está marcada polos programas musicais radiofónicos. Hoxe, que a radiofórmula nos convída a consumir música das multinacionais acotío, parécenos imposible que a radio do primeiros sesenta fose un deserto musical para os mozos. Por entón as radionovelas, concursos, programas solidarios (de tipo: “Vds son formidables” ou “Operación Plus Ultra”) discos dedicados, etc.. enchían a programación. No ano 1963 irrompe con forza “El gran Musical”, un programa dirixido por Tomás Martín Branco, que nos marcaba unha cita nas mañás dos domingos. En realidade era unha resposta da SER ao éxito de Anxo Álvarez coa súa “Caravana Musical” na Voz de Madrid e pronto a Cadea SER impuxo o dominio das súas máis de 40 emisoras por toda España. “Os domingos do Price” foron a partir de entón todo un referente na música xuvenil e o xerme do que hoxe en día é a cadea máis escoitada da radio musical “Los cuarenta principales”. Por aquel escenario pasaron todos os grupos e cantantes xuvenís da época: Los Pequenikes, Los Brincos , Los Sónor, Los Mústang, Los Siíex, Bruno Lomas, Miguel Ríos etc., Claro que non todo o que alí escoitabamos tiña calidade e ás veces non nos satisfacía, ademais algúns desexabamos estar máis na onda do que se escoitaba en Gran Bretaña e USA e esforzabámonos por conectarnos, malamente todo hai que dicilo, polas noites con Radio Carolina ou Radio Luxemburgo. Alí recibiamos con certa antelación as novidades e as tendencias máis actuais e de paso practicabamos o inglés, que falta nos facía. Naquela época descubrín a un dos grupos que aínda hoxe está entre os meus preferidos: The Beach Boys.
The Beach Boys nacen en 1961 en plena época de son surf, pero eles toman os seus propios camiños e aínda que hoxe, debido ás súas famosas composicións, identifiquemos a música surf cos seus sons, nin nos seus inicios os surfeiros tiñan especial predilección por eles, nin o teñen os practicantes do surf actuais . No sesenta a moda era o son guitarrero surfin (con predominio do trémolo e emprego de saxos) e hoxe están máis inclinados polo hard core. O grupo estaba integrado por tres irmáns: Brian(compositor, voces, baixo, piano), Carl (guitarra, voces) e Denis Wilson (batería, voces), xunto cun primo da familia, Mike Love (voces) e un compañeiro de estudo de Brian, Al Jardine (guitarra, vocais). Foi no primeiros sesenta cando se cociñou lentamente o estilo que levaría os Beach Boys á antoloxía dos grupos vocais. Tras varios discos dedicados ao surf a transición culmina en 1965 cos discos Today e The Beach Boys party. Coa canción Help me Ronda do álbum Summer days alcanzan o seu segundo nº 1 (o primeiro fora I get around) pero é sobre todo a unión dunhas excelentes melodías cunhas novidosas harmonías o que os catapulta á vangarda musical e provoca no público máis esixente unhas expectativas de alto nivel cara ás súas novas producións. Todo iso desemboca en 1966 coa creación dunha obra coral dunha inmensa sutileza e delicada atmosfera: PET SOUNDS (considerado en todas as enquisas como un dos mellores discos de todos os tempos e do que Paul McCartney dixo que era o mellor álbum vocal xamais gravado). Así o mundo enteiro réndese aos seus pés coa portentosa canción-sinfonía GOOD VIBRATIONS, son 3’ 35” que demostran a sólida madurez dos Beach Boys e fan desta obra experimental un auténtico arco da vella de sensacións musicais. Aínda manterán a súa presenza nas listas con pezas deliciosas como God only knows , Heroes and villans, Do it again ou I can hear music pero as dúbidas e contratempos artísticos de Brian Wilson (o compositor e verdadeira alma mater do grupo) desembocan en problemas psiquiátricos e o resto da banda móvese orfa de inspiración dando bandazos. Aínda que nos 70 volverán á crista da onda e verán recoñecidos os seus méritos na súa xusta medida coa reedición das súas obras, non acaban de reconducir o seu rumbo e aínda que con algún que outro escintileo de brillantez o grupo non deixa de ser unha máquina nostálxica.
O grupo tivo trinta e seis entradas no 40 Top (a cantidade máis grande que calquera conxunto de rock estadounidense) e cincuenta e seis entradas no 100 Top, incluíndo a catro números un. Segundo a revista musical Billboard Magazine, The Beach Boys é a banda con máis singles e álbums vendidos en USA.
O disco Pet Sounds dos Beach Boys é unha das últimas adquisicións da nosa biblioteca.
No hay comentarios:
Publicar un comentario