28 nov 2023

CONCURSO DE MARCAPÁXINAS 2023/24

 Xa temos preparadas as bases para  o concurso de marcapáxinas deste novo curso. 

A temática "navegando pola historia" será o obxectivo das vosas creacións. Aquí vos deixamos o cartel con todos os detalles e se tedes calquera dúbida, preguntádenos!





24 nov 2023

25N, DÍA ÍNTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

Para conmemorar este día e lembrar as vítimas de violencia, realizamos un obradoiro de pulseiras durante os recreos coa colaboración dalgúns voluntarixs. Grazas pola vosa participación!



Asemade, preparamos unha mostra de libros que versan sobre igualdade de xénero para traballar na eliminación da violencia contra as mulleres.







 

14 nov 2023

MES DA CIENCIA EN GALEGO

 Para conmemorar estas datas especiais para a ciencia en galego, lembrade visitar a mostra que preparamos na biblioteca sobre libros que versan sobre este tema. 

Como dixo Albert Einstein "A maioría das ideas fundamentais son esencialmente sinxelas e, por regra xeral, poden ser expresadas nunha linguaxe comprensible para todos e todas."



8 nov 2023

SAMAÍN

 Para esta ocasión, deixamos mostra do gran traballo colaborativo de profesorado e alumnado para decorar o vestíbulo do centro. Arañas, tumbas, meigas e oscuridade invadiron a entrada do instituto deixando un rastro de arrepíos e algún que outro susto. 

O equipo de Dinamización da Lingua Galega organizou un concurso de vídeo-contos de medo que, de seguro, nos fixo tremer de terror, así como un concurso de epitafios arrepíantes que quedaron expostos na biblioteca. Para rematar as actividades tamén realizamos, durante os recreos, tatuaxes para aqueles usuarios/as que o desexaban.

                                                















27 oct 2023

CHARLA DE PREVENCIÓN DA TENDENCIA SUICIDA

 

O Xoves 26 acollemos na biblioteca á asociación ALAR que impartiu unha charla de prevención do suicidio orientada ás familias e ao persoal do centro. Agradecemos tanto á poñente como aos asistentes a súa participación, posto que é moi necesario tratar esta delicada temática nos tempos que corren.






25 oct 2023

PREPARANDO O SAMAÍN

 Xa estamos a quentar motores organizando o Samaín. Animádevos a participar. 

Aquí vos deixamos a información e unha pequena mostra do que estamos a facer.



23 oct 2023

DÍA DAS BIBLIOTECAS 2023

 Cada 24 de outubro celébrase o Día das Bibliotecas e nesta ocasión, para conmemorar esta data, dende a biblioteca preparamos unha presentación na que vos amosamos unha serie de películas de misterio  nas que a biblioteca forma parte da trama ou é un escenario máis.


Para a ocasión,  no vestíbulo do centro decidimos preparar unha mesa con libros expurgados da biblioteca co fin de quen quixera levase un exemplar, dándolle así unha segunda vida aos libros.



16 oct 2023

CENTENARIO ITALO CALVINO

 Este domingo, 15 de outubro, cumpríronse 100 anos do nacemento do escritor italiano Italo Calvino. Dende a biblioteca queremos lembrar a súa figura presentándovos o seguinte cartel no que vos amosamos unha pequena reseña biográfica así como os libros que temos dispoñibles na biblioteca.



9 oct 2023

DÍA MUNDIAL DA SAÚDE MENTAL

Co gallo do 10 de outubro, Día da Saúde Mental, desde a biblioteca queremos contribuír a visibilizar e prestar máis atención a este aspecto da saúde cunha pequena mostra en BD.


 Tamén  preparamos o seguinte cartel no que vos amosamos unha serie de prácticas para o benestar mental. Poñedes algunha delas en práctica?





3 oct 2023

 Pouco a pouco imos facendo cousiñas dende a Biblioteca do insti. A pasada semana leváronse a cabo as sesións para a formación de usuarios do alumnado de 1º da ESO e a visita do profesorado de nova incorporación.

Asemade fixemos a entrega de diplomas ao alumnado voluntario do curso pasado. Tamén queremos anunciarvos que xa podedes apuntarvos ao Torneo de xadrez. Aquí vos deixamos algunha imaxe das actividades así como o cartel do devandito torneo.