28 mar 2013

Agustín Fernández Paz


O pasado venres, 8 de marzo, tivo lugar en Santiago de Compostela Os Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, PLAMBE. O profesor Agustín Fernández Paz deu unha conferencia co título: "A construción do lector"
  A BiblioMuriel subiu un vídeo á rede que podedes ver neste enlace.                

1 mar 2013

El sentido de un final



O protagonista da historia , Tom Webster, entre satisfeito e frustrado coas expectativas levantadas durante a súa vida e xa na súa recta final, atopa un feito xa esquecido que volve con forza para obrigarlle a considerar determinadas decisións e actitudes tomadas na súa mocidade. Todo iso pon en dúbida a súa memoria, as súas responsabilidades e a transcendencia das súas decisións. Moitas veces ignoramos que as nosas determinacións actúan cal fichas que nun efecto dominó provocan noutras vidas consecuencias por nós totalmente imprevistas pero transcendentes na vida dos demais.
Esta breve novela atravesa un amplo traxecto desde a mocidade ousada e irreverente até a senectude xa agnóstica, autocompracente e poderiamos dicir que mesmo cínica.  O resultado é pura narrativa, porque consegue manter a prosa pegada á realidade do protagonista e arrastrarnos sentindo esa responsabilidade e ese desasosego co que conclúen as súas últimas liñas.
Canto máis avanza a nosa vida, menos son as testemuñas que quedan ao redor noso para desafiar o noso balance, para lembrarnos que a nosa vida non é a nosa vida, senón a historia que construímos respecto da nosa vida. Contada a outros, pero principalmente a nós mesmos e os que nos rodean. El sentido de un final é, naturalmente, a sensación do protagonista de estar a chegar a un punto culminante na súa propia vida, e da súa impotencia ante a imposibilidade de emendar os feitos pasados.
Resumindo un libro no que o equilibrio entre a concisión e o compromiso mínimo á retórica e os adornos literarios fainos reconfortarnos coa  literatura directa e profunda. E aínda que o sorprendente e amargo final  nos déixe quizá un pouso de amargura devólvenos a ilusión por ler narracións que sen pretender tentar novos estilos fainos comprender a beleza da literatura ben escrita.
Barnes, Julián (2012): El sentido de un final, Anagrama, Panorama de narrativas