29 may 2012

Entrega de premios do concurso de marcapáxinas.

Foron  dúas as  rapazas triunfadoras do concurso de marcapáxinas sobre Valentín Paz Andrade, Raquel e Eloisa,  pertencentes ao creativo curso 1º A de bacharelato, que xa recolleron seus diplomas e pasaron pola biblioteca con algunhas compañeiras que quixeron acompañalas.
O marcapáxinas gañador xa está impreso e todos os nosos lectores poden vir recoller o seu.

5 may 2012

Letras galegas 2012: Valentín Paz Andrade

Achégase xa a festa máis importante da literatura galega, que como comentabamos na anterior entrada está adicada ao escritor e xurista Valentín Paz Andrade. E como ven sendo habitual presentámosvos un modo ameno e sinxelo de coñecelo mellor: outra das fantásticas presentacións de Elvira Roiz.

21 abr 2012

Concurso de marcapáxinas adicados a Valentín Paz Andrade


Este ano o Día das Letras Galegas conmemora a figura de Valentín Paz Andrade (Lérez 1898-Vigo 1987).A sua primeira actividade foi como xornalista, dirixindo o diario Galicia e a revista Industrias pesqueiras. Os artigos que escribiu para estas publicacións amosan preocupación pola realidade socioeconómica de Galicia. As súas inquedanzas levarono a facer carreira política militando no partido galeguista. Publicou ademáis obras de poesía e unha importante biografía sobre Castelao.
Como inspiración ou para ilustrar os marcapáxinas, propoñémosvos esta pequena escolma de textos feita por Manuel Rei:
1.Queremos unha Galicia autónoma, señora de si mesma, que sexa oficialmente o que ela é naturalmente.
2.Galicia non é un país pobre, é un país empobrecido.
3.Os verdadeiros apaixonados de Galiza han de amala doutro xeito: convertendo o sentimento en ideal, en acción.
4.Algúns non entenden a grandiosidade desta Terra.
5.Galiza abría os ollos despois da negra sombra
que murchara no cedo as roseiras de abril.

6.O albo fun dos tiros que racharon
a capa silandeira da deshora,
sen ferrar no mortal.

Adxuntamos unha ligazón á páxina Botóns que recolle recursos na rede sobre o escritor.
Aquí podedes atopar unha webquest.
E para rematar unha páxina do seminario Galán que proporciona información sobre o autor, as Letras Galegas e actividades en liña.

3 abr 2012

Conferencia de Camilo Casal e exposición de Lapis Verdes


O día 28 de febreiro Camilo Casal, profesor de Física e Química do noso instituto, na actualidade xubilado e presidente do colectivo didáctico medioambiental de profesores Lapis Verdes, impartiu dentro das actividades de dinamización da biblioteca unha conferencia titulada: Por que Reducir, Reutilizar e Reciclar á que asistiron alumnos de 3 º ESO.
Comezou falando do lixo, da súa recollida e do tratamento ao que se somete en Galicia, dos distintos tipos de colectores que temos nas rúas, do que se debe de botar en cada un deles e das horas nas que o debemos de facer. Deulles aos alumnos un folleto explicativo co que se pode botar ou non e cada un dos colectores.
Despois pasou a explicarlles por que é imprescindible reciclar e que se aforra cando o facemos. Deulles datos comparativos de canto se recicla dos distintos tipos de residuos en Galicia, en España e na UE e faloulles dos países nos que máis se recicla.
A continuación pasou a indicarlles algúns consellos para reducir e reutilizar.
Por último comentoulles a problemática dos residuos voluminosos e dos residuos tóxicos e perigosos e por que debemos de levalos ao punto limpo. Entregoulles un folleto do Concello de Ferrol sobre o Punto Limpo do Concello.
Rematou a conferencia falando da perigosidade dos aceites vexetais e onde debemos de levalos.


Durante unha quincena a biblioteca tamén hospedou a exposición deste mesmo colectivo sobre nutrición, que foi visitada por moitos grupos de alumnos. Amosámosvos as fotos:



19 mar 2012

Previndo a violencia de xénero coa asociación ALMAT


A charla durou unha hora aproximadamente e foi moi interesante e entretida. Contou coa intervención dalgúns alumnos, creándose un debate no que os encargados de dar a charla contestaron aos intervintes con bos argumentos, aclarando as dudas e preguntas.
Falouse de que son o sexo e o xénero e as diferenzas entre as dúas definicións (o primeiro é unha condición coa que se nace e o segundo unha forma de clasificación que depende do sexo). Explicaron como pode adoptarse un tipo de comportamento, dependendo da educación recibida, se ésta cambia polo feito de ir dirixida a un neno ou a unha nena.
Tamén se falou de como comeza a violencia de xénero, do ciclo que ten (tensión, violencia e arrepentimento) e dos mitos e falsas crenzas que se crean ao seu arredor, como por exemplo, o que di a xente para desculpar esta violencia, argumentando cousas como que está tolo, que a culpa é dela por seguir con el...
Ao final falaron do dereito que ten a muller a poñer unha denuncia, así como do de chamar á policía se o mandado trala denuncia non se cumpre. Comentaron tamén que en ALMAT teñen abogados e psicólogos, e que acudir a esta asociación ou a outra de este tipo, non implica a denuncia inmediata.
Tamén deron os números de atención á muller para a súa defensa e o da asociación ALMAT (607 609 442).
Sabela Montero, 4º C eso

7 mar 2012

Material sensible


A narración de Auður Ava Ólafsdóttir (Rosa cándida) é unha novela sinxela, de lectura áxil, pero intensa que te atrapa entre os seus capítulos e seduce aos poucos. Cando te dás conta estás a colocar as últimas pezas do mosaico, e a te deleitar cos capítulos finais dunha rara narración que non deixa indiferente.

Resulta curioso que esta sutil obra, un cántico á delicadeza e a beleza dos pequenos e sensibles detalles, fose elaborada nun país (Islandia) afundido economicamente polos especuladores. É unha obra na que as cousas non transcorren como sería de esperar que ocorresen, pero na que o canto ao idealismo, e a autenticidade imponse sobre o pesimismo e a tristeza das vidas frustradas ocasionadas por enfoques erróneos na solución dos problemas.

O relato, os protagonistas e a paisaxe son inusuais pero non por iso menos atraíntes. A composición por capítulos que o personaxe escribe a modo de reflexións nocturnas fai moi fácil a súa lectura. Imos enlazando así as pezas dun quebracabezas que aos poucos nos vai desvelando o panorama completo e a súa evolución persoal. É un ser cheo de dúbidas e contradicións cunha única certeza, o seu amor polas flores, sobre todo polas rosas e especialmente pola de oito pétalos. Na súa viaxe iniciática, de descubrimento persoal enfrontarase en soidade, e por primeira vez, cos problemas da vida: a enfermidade, a responsabilidade, o traballo, a paternidade, e ... finalmente a reflexión sobre todo o que pasou e o que virá despois.

Rosa cándida contén moitos detalles que a fan unha narración distinta. Unha novela diferente e orixinal coa que gozar lendo.

5 mar 2012

Lucio Dalla e a súa canción "Caruso"

O primeiro día de marzo morreu dun infarto o cantautor italiano Lucio Dalla.
A súa longa carreira que se extendeu por case cincuenta anos está chea de éxitos, entre eles sinalamos "Com'è profondo il mare", "L'anno che verrà", "Anna e Marco", "Canzone" o "Futura".
Pero sobre todo Dalla foi o autor dunha das máis fermosas canciones que se escribiron en italiano, "Caruso", da cal fixéronse máis de trinta versións en todo o mundo, entre elas a de Pavarotti.
"Caruso" foi escrita no ano 1986,cando o artista boloñés hospedouse no mesmo hotel de Sorrento onde o célebre tenor pasou os seus últimos días de vida, xa que estaba moi enfermo dun cancro de gorxa.Como non podía manterse afastado da música, dáballe clases de canto a unha moza da que quizáis se sentía un pouco namorado.Unha noite que ía moita calor, Caruso fixo transportar o piano á terraza,que estaba preto do porto, e cantou diante da rapaza que o miraba conmovida. A súa voz era aínda tan marabillosa que os pescadores achegaron as barcas para escoitalo mellor.Caruso, vendo as luces no medio do mar, revivíu os triunfos en América e tocou unha vez máis a eternidade, sentíndose feliz nese intre perfecto.
"A miúdo o amor e o sufrimiento viaxan xuntos no corazón dos homes e das súas cancións" (Lucio Dalla).

2 mar 2012

Marcos Calveiro falará da súa obra.

Desde a biblioteca queremos lembrar a todos vós que o luns 5 de marzo teremos ocasión de escoitar no salón de actos ao escritor Marcos Calveiro,que falará dos seus libros.A cita é ás dez e media.
Para ir entrando en materia, publicamos a continuación unha presentación, que debemos como sempre ao bó facer de Elvira.
Calveiro
View more presentations or Upload your own.

15 feb 2012

Recordando o primeiro trimestre: O contacontos Avelino González na biblioteca.


O último día do primeiro trimestre, como todos os anos, houbo un espectáculo ou actividade para cada curso. A nós, o curso de 1º da ESO, asignáronnos un contacontos. O espectáculo tivo lugar na biblioteca, no fondo. O alumnado sentámonos nunhas cadeiras e comenzou a actuación. O contacontos empezou presentándose e describindo un poco os seus gustos. Logo (a partir da súa presentación) contounos dúas lendas de fadas e xanas, ademáis de outra sobre o falso amor. Participaba moito, e falaba de cousas graciosas, o cal fixo o acto máis levadeiro e humorístico.

A partir dese tema, chegou a "os acentos". Según él, cada país ten o seu propio acento según o que coman. Por exemplo: en México, toman "chiiiiiile", coa boca alongada e subindo o tono de voz, e é certo! Se fas a proba... Consigues o acento mexicano!, e así foi imitando outros acentos, dende o cubano ata o inglés. Foi moi gracioso e o público celebrouno con gargalladas.

Posteriormente, contou a historia dunha parella dun home e unha muller. O home facíao todo na casa, e a muller rascaba a barriga. Entón, un día calquera, o home tivo que marchar un tempo, e a muller veuse obrigada a encargarse das tarefas da casa. Como non fixo caso das cousas que tiña que facer e "maltrataba" a todos os electrodomésticos, estes rebeláronse contra ela; pero por sorte o marido chegou e salvouna. Isto demostra que sempre tes obligacións que debes cumprir.

O espectáculo foi agradable, e a expresividade do contacontos facía o acto simpático e ameno. Persoalmente, gustoume bastante e rinme moito!

Marta Castro, 1º da ESO.

14 feb 2012

Omnia vincit Amor, et nos cedamus Amorem.

O amor vénceo todo, deixémoslle paso ao amor.Citamos ao poeta latino Virxilio (70-19 a.C.) porque iso foi o que pasou: máis de catrocentos corazóns estiveron expostos na biblioteca, e case a mesma cantidade de alumnos rendíronse a este poderoso deus, convertíndose en improvisados poetas que o cantaron con desigual fortuna pero con idéntico entusiasmo.
E o día de San Valentín os corazóns chegaron ás mans dos seus destinatarios, e no club de lectura houbo unha sesión especial na que comentamos poemas de temática amorosa de Quevedo, Borges, Gabriela Mistral, Juan Ramón Jiménez, Pablo Neruda entre outros.