Mostrando entradas con la etiqueta letras galegas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta letras galegas. Mostrar todas las entradas

22 may 2026

CHARLA E VIDEO SOBRE BEGOÑA CAAMAÑO


Este pasado martes pola tarde, a nosa compañeira Elvira mantivo un encontro con alumnado do instituto para achegarlles a figura homenaxeada nestas Letras Galegas 2026.  Nesta ocasión,  proxectouse o marabilloso video que Elvira elaborou sobre esta figura. 

Agradecemos este momento tan especial para a autora do video e a súa colaboración desinteresada coa Biblioteca. Parabéns a este traballo!

PREME NA IMAXE PARA VER O VIDEO 


11 may 2026

LETRAS GALEGAS 2026

 A nosa pequena aportación á grande Begoña Caamaño, a autora homenaxeada este ano polo Día das  Letras Galegas.

Lembrade que podedes visitar a exposición que temos na Biblioteca dedicada á súa figura.



12 may 2025

LETRAS GALEGAS 2025

 

Este ano 2025, o día das Letras Galegas estará adicado ás Cantareiras e á poesía popular oral. Para esta data tan señalada, a nosa compañeira Elvira realizou esta marabillosa  presentación  sobre estas figuras da nosa cultura. Esperamos que vos guste. 


PREME NA IMAXE PARA VER O VÍDEO

14 may 2024

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2024

Para conmemorar este día, dedicado neste ano a Luísa Villalta, queremos compartir con vos o magnífico traballo da nosa compañeira e colaboradora da Biblioteca, Elvira.

PREME NA IMAXE PARA VER O VÍDEO

Asemade vos deixamos un enlace a diversos xogos educativos elaborados por Afundación entorno á figura de Luísa Villalta.

preme para entrar


16 may 2023

LETRAS GALEGAS 2023

 Este ano, as Letras Galegas están dedicadas ao prolífico autor Francisco Fernández del Riego, un dos artífices da editorial Galaxia. Incansable traballador a prol da cultura galega, recibe este especial recoñecemento neste ano 2023.

Aquí vos deixamos a presentación realizada pola compañeira do departamento de galego, Elvira.

PREME NA IMAXE PARA VER A PRESENTACIÓN

Recordade que podedes pasar pola biblioteca a visitar a exposición sobre súa figura, enviada pola Secretaría Xeral de Política lingüística, así como a mostra que preparamos coas obras que temos dispoñibles na biblioteca.

11 may 2022

Letras Galegas 2022

 Aproxímase o 17 de maio, Día das Letras Galegas, e para a ocasión a nosa compañeira Elvira Roiz preparou esta magnífica presentación sobre o autor homenaxeado este ano: Florencio Delgado Gurriarán, que destacou pola súa obra poética e a súa defensa dos valores democráticos en tempos adversos.

Preme na imaxe para velo video.



10 may 2021

LETRAS GALEGAS 2021: XELA ARIAS

 Para celebrar este día tan especial para as nosas letras, deixámosvos as presentacións  elaboradas pola nosa compañeira e colaboradora Elvira, á que agradecemos o seu magnífico traballo.


13 may 2020

17 maio 2020: Día das letras galegas

Para celebrar este día, 
realizamos este cartel lembrando con moito agarimo
 ao noso ilustre ferrolán Ricardo Carvalho Calero e ás súas obras.


Tamén vos propoñemos o xogo
 "quén é quén especial Letras Galegas" 
que confeccionamos 
para ver se os coñecedes a tod@s...


Esperamos que vos guste e lembrade que 
a lectura sempre é fonte de coñecemento.

3 may 2019

Letras galegas 2019

Para homenaxear a Antón Fraguas, o mestre galeguista que traballou todos os eidos da nosa cultura, desde a etnografía hasta a lingüística, pasando pola arte, a xeografía, a literatura e a historia, queremos compartir con vós este video.

16 may 2017

LETRAS GALEGAS 2017

Como ven sabedes, este ano, o autor conmemorado neste día é Carlos Casares, un dos máis importantes da nosa literatura.

Para recordalo, queremos que vexades esta fermosa presentación feita pola nosa compañeira Elvira Roiz Mesías.

Desfrutade dela!








Link á presentación

8 may 2016

MANUEL MARÍA, LETRAS GALEGAS 2016



O martes 17 de maio celébrase o Día das Letras Galegas, unha data, que desde 1963 -co gallo do centenario da publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro- está consagrada á promoción da nosa literatura e a nosa lingua. Desde a Biblioteca “Saturnino Hermida”, sumámonos á Festa das Letras e homenaxeamos ao elixido este ano, o grande poeta chairego Manuel María, cunha presentación divulgativa sobre a súa figura e a súa obra.

A presentación ten 83 diapositivas e, como leva moitas fotos e, a maiores, música,  é posible que tarde un chisco en abrir (xa sabedes, os arquivos wav teñen moito peso…) , pero paga a pena esperar para poder escoitar a Fuxan o Ventos e a Luar na Lubre. Así que, tomádeo con calma e agardade uns segundiños.  Dicía Rousseau: “A paciencia é amarga, pero o seu froito é doce”. 

8 may 2014

Díaz Castro, Letras Galegas 2014

Achégase o Día da Letras Galegas e desde o IES “Concepción Arenal” cumprimos relixiosamente, unha vez máis, co compromiso de honrar a figura do homenaxeado. Na presentación que vén a seguir poderás achegarte á  vida e á obra do poeta guitiricense Xosé María Díaz Castro (1914-1990).

Xosé María Díaz Castro


More PowerPoint presentations from Elvira

16 abr 2013

Roberto Vidal Bolaño


Ao noso xeito, que desde hai anos vén a ser tradicional, no Departamento de Lingua e Literatura Galega  homenaxeamos,  coa presentación que podedes ver a continuación, ao autor a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, o dramaturgo Roberto Vidal Bolaño.
 O compostelán dominaba a escena en todas as súas dimensións. Foi autor dramático, director, actor, escenógrafo, iluminador... Todo el era teatro. Unha pena non telo hoxe connosco, pois máis que nunca, o teatro galego é, como dicía o propio dramaturgo, “necesario e imprescindible, hoxe e aquí".
A presentación ten dúas partes: unha introdutoria, que é un breve achegamento a súa figura, e outra biográfica, que nos fala da súa vida e da súa obra.
A magnífica música de jazz que leva insertada, “9 contra 4”,  é  galega, do Trío de Abe Rábade, con Rábade ao piano, Bruno Pedroso á batería e Pablo Martín ao contrabaixo.
View more presentations or Upload your own.

29 may 2012

Entrega de premios do concurso de marcapáxinas.

Foron  dúas as  rapazas triunfadoras do concurso de marcapáxinas sobre Valentín Paz Andrade, Raquel e Eloisa,  pertencentes ao creativo curso 1º A de bacharelato, que xa recolleron seus diplomas e pasaron pola biblioteca con algunhas compañeiras que quixeron acompañalas.
O marcapáxinas gañador xa está impreso e todos os nosos lectores poden vir recoller o seu.

5 may 2012

Letras galegas 2012: Valentín Paz Andrade

Achégase xa a festa máis importante da literatura galega, que como comentabamos na anterior entrada está adicada ao escritor e xurista Valentín Paz Andrade. E como ven sendo habitual presentámosvos un modo ameno e sinxelo de coñecelo mellor: outra das fantásticas presentacións de Elvira Roiz.

21 abr 2012

Concurso de marcapáxinas adicados a Valentín Paz Andrade


Este ano o Día das Letras Galegas conmemora a figura de Valentín Paz Andrade (Lérez 1898-Vigo 1987).A sua primeira actividade foi como xornalista, dirixindo o diario Galicia e a revista Industrias pesqueiras. Os artigos que escribiu para estas publicacións amosan preocupación pola realidade socioeconómica de Galicia. As súas inquedanzas levarono a facer carreira política militando no partido galeguista. Publicou ademáis obras de poesía e unha importante biografía sobre Castelao.
Como inspiración ou para ilustrar os marcapáxinas, propoñémosvos esta pequena escolma de textos feita por Manuel Rei:
1.Queremos unha Galicia autónoma, señora de si mesma, que sexa oficialmente o que ela é naturalmente.
2.Galicia non é un país pobre, é un país empobrecido.
3.Os verdadeiros apaixonados de Galiza han de amala doutro xeito: convertendo o sentimento en ideal, en acción.
4.Algúns non entenden a grandiosidade desta Terra.
5.Galiza abría os ollos despois da negra sombra
que murchara no cedo as roseiras de abril.

6.O albo fun dos tiros que racharon
a capa silandeira da deshora,
sen ferrar no mortal.

Adxuntamos unha ligazón á páxina Botóns que recolle recursos na rede sobre o escritor.
Aquí podedes atopar unha webquest.
E para rematar unha páxina do seminario Galán que proporciona información sobre o autor, as Letras Galegas e actividades en liña.

15 may 2011

LETRAS GALEGAS: O ANO DE LOIS PEREIRO

Como dixo Manolo Rivas, na obra de Lois Pereiro, máis que na de ningún outro poeta galego,o amor e a morte, Eros e Thánatos, van da man.
Poesía dunha intensidade poco común, é facil lembrar moitos dos versos de Lois, quedan impresos na memoria porque son versos de francotirador,van directos ao corazón e penetran nel, pola verdade do sentimento que transmiten, pola forza e expresividade das súas imaxes.
Un poeta fondo, emocionante, para lelo devagar e revisitalo a miúdo.

E para coñecelo mellor, podedes ver o powerpoint feito por Elvira Roiz, aconsellada por Inés. A presentación que aparece aquí é a introducción, para ver as restantes partes premede nas ligazóns.


View more presentations or Upload your own.

MONFORTE

MADRID

CORUÑA 1

CORUÑA 2

E desde o cartel do marxe de "Vento Lois" podedes enlazar co artigo de Manuel Rei "Lois Pereiro: a extravagancia dun poeta periférico"

2 mar 2011

VENTO LOIS

Como tod@s sabemos xa a estas alturas, o día das Letras Galegas de 2011 está dedicado ao monfortino Lois Pereiro (1958-1996), irmán dunha das profesoras do noso centro, Inés Sánchez Pereiro. Con motivo deste acontecemento,e coincidindo co aniversario de Lois, o pasado 16 de febreiro recibimos a visita do xornalista Xosé Manuel Pereiro, irmán do poeta, e do afamado escritor Manuel Rivas, outro irmán, non de sangue, senón “literario”, que viñeron a falarnos da figura de Lois, tanto no terreo persoal como artístico. O acto, que comezou as doce e media e durou ata pouco antes do remate da xornada, foi todo un éxito, tendo en conta o número de asistentes e o interese e cordialidade cos que acolleron aos conferenciantes. Tras un prometedor comezo no cal algúns d@s nos@s compañeir@s leron un poema de Lois e interpretaron unha peza musical (pois a música, como ben nos dixeron na charla, era esencial para o escritor), arrincouse a falar Xosé Manuel, facendo un emotivo e ameno repaso á traxectoria vital do seu irmán, desde a súa máis temperá nenez ata a súa etapa de adulto, ilustrándoo cunha serie de fotografías que testemuñan diversos momentos da vida de Lois. Logo tocoulle a quenda a Manuel Rivas, que nos obsequiou cun engaiolante discurso no que mesturou as súas lembranzas de Pereiro con reflexións sobre a literatura e a existencia, para rematar coa lectura dalgúns poemas do escritor. Pero o acto non chegou á súa fin aí: aínda había oco para as preguntas dos asistentes. Unha alumna quixo saber se á hora de escribir, Rivas tiña xa todo planificado na mente ou ía improvisando no proceso da escrita. Unha vez satisfeita a súa curiosidade, o público marchou, agás aquel@s que quixeron que Rivas lles asinase exemplares dos seus libros. Grazas á súa exposición e mais á de Xosé Manuel descubrimos moitos detalles da vida e da obra de Lois Pereiro, porque, non o esquezamos, a literatura hai que entendela en función dos momentos e experiencias que a inspiraron.

Sofía Lorenzo González (2º Bacharelato F)

25 may 2010

Recuncho de poesía

Cousos do lobo!
Caborcos do xabarín!
Eidos solos
onde ninguén foi nin ha d’ir!
O lobo! Os ollos o lombo do lobo!
Baixa o lobo polo ollo do bosco
movendo nas flairas dos teixos
ruxindo na folla dos carreiros
en busca de vagoada máis sola e máis medosa…
Rastrexa
parase e venta
finca a pouta ergue a testa e oula
ca noite na boca…
Uxío Novoneyra, o poeta d'O Courel. Día das Letras galegas 2010.