27 feb 2013

I FESTIVAL POLO DÍA ESCOLAR DA PAZ

O día 1 de febreiro, cun pouquiño de retraso, conmemoramos o día escolar pola paz cun festival no salón de actos ao que estiveron convidados todos os alumnos de 1º e 2º da ESO.
O festival combinou recital de textos lidos por rapaces do noso Club de Lectura con cancións interpretadas polo coro do centro e a proxección de dúas curtas.
A selección de autores foi a seguinte: Cervantes, Machado, Miguel Hernández, Alberti, Gloria Fuertes, Bertold Brech, Luis Pimentel e Eduardo Galeano.
As cancións que tivemos oportunidade de escoitar foron "Imagine", "Let it be" e "Whatever".
Atopamos as curtas nestes dous recomendables enlaces:

20 feb 2013

Historias de amor

Un ano máis polo San Valentín os corazóns decoraron a biblioteca, aínda que en menor cantidade. Será posible que a crise afecte tamén ao sentimento e as preocupacións non deixen tempo para pensar no amor?
Na biblioteca pensamos que non, ao revés, agora máis que nunca temos que distraernos e disfrutar con historias do sentimento máis universal.
Temos unha grande variedade de lecturas e películas para escoller, esta é a nosa selección de lecturas que namoran:

E esta, a de películas :



19 feb 2013

Día de Rosalía, 24 de febreiro

O 24 de febreiro, celebrase en todo o país o Día de Rosalia, é unha  iniciativa da AELG (Asociación de escritores e escritoras en lingua galega).
Na nosa biblioteca teremos unha miniexposición da súa obra.
Nos seguintes enderezos podedes atopar material para traballar nas aulas:

27 ene 2013

30 de xaneiro, Día da Paz e da non Violencia


A celebración deste día pretende promover a reflexión  sobre a educación para a tolerancia, o respecto polos Dereitos Humanos, a non violencia,…; en definitiva, a paz e o amor universal.
 A conmemoración coincide co 65 aniversario da morte do lider espiritual e nacional da India: Mohatma Gandhi (1869-1948), pensador e líder do nacionalismo indio que inspirou os movementos pacificas do mundo.
Podes ler no seguinte enlace unha  biografía sobre o autor.
 http://www.biografiasyvidas.com/biografia/g/gandhi.htm                                                                                      

Aquí tedes unha selección de recursos para conmemorar o día:
 http://www.sgep.org/

20 ene 2013

Soledad Felloza na nosa biblioteca


Pasando un bo comezo do Nadal no IES Concepción Arenal

O último día de clase antes das vacacións, veu  unha contacontos a facernos pasar un rato divertido. Ela chamábase Soledad e era de Uruguai. Contounos moitas historias de diferentes clases,   divertidas, tristes,... Unha das historias que máis me gustou foi a da muller loba. A historia remataba mal porque acababan morrendo a loba co fillo da moza do home que a deixara embarazada antes de morrer. É unha historia bastante triste pero entretida. Logo contou outras historias que eran máis divertidas e outras máis aburridas. Nalgunhas delas me perdía un pouco porque non entendía ben o que quería dicir con algunhas cousas pero acabei bastante contenta.
Foi un rato moi entretido e paseino xenial.

Andrea García Gabiola
2º A ESO


Servizo de préstamo de lectores de e-books



Este ano poñemos a túa disposición dous lectores de e-books que poderás solicitar na biblioteca por un período máximo de 30 dias. Estes lectores son de tinta electrónica, a última tecnoloxía que permite ler sen danar a vista.
Para saber como tes que facer para pedilo en préstamo acércate a biblioteca. Tamén te informamos de que se ti xa tes o lector so tes que traelo e nós cargámosche o libro que desexes do listado.

21 dic 2012

Suxestións de lectura

Aínda que xa as publicitamos con fotocopias polas clases e no taboleiro da biblioteca, queremos tamén desde o blog deixarvos as nosas suxestións de lecturas e películas desexando que vos fagan pasar uns cantos bos ratos durante estas vacacións.

20 dic 2012

FELICES FESTAS e boas lecturas





Dende a Biblioteca do IES  Concepción Arenal queremos animarvos a que nos agasallos deste Nadal, lembredes a posibilidade de incluír algúns libros.
Recordade que o servizo de  préstamo  non é tan so para o alumnado, é un servizo para toda a familia dende as revistas  ata as películas pasando pola música e todos os libros.
Agradecemos suxestións sobre novas de literatura, cine,  música, ou páxinas web. É  unha colaboración que desexamos e agradecemos.
Os nosos mellores desexos para que o próximo ano sexa un ano cheo de bens e de lecturas, de cine, de música…
   
Felices Festas

 


Esta é a postal gañadora do IV  Concurso de felicitacións de Nadal, organizado pola ANPA. Felicidades a todo o alumnado participante.

11 dic 2012

Concurso de ilustración

Cun verso de Constantino Kavafis como lema, "A miña ventá ábrese sobre un mundo descoñecido" o equipo da biblioteca convocaba un concurso de ilustración co tema do libro e a lectura, como hai pouco máis dun ano fixéramos coa fotografía.
Resultaron gañadoras do concurso Cristina e Alba, e desde o mércores 12 de decembro poderedes recoller o calendario do 2013 que reproduce a ilustración merecedora do primeiro premio.O equipo quedou moi satisfeito coa participación e a boa calidade dos orixinais presentados. Xulgade vós mesmos vendo a seguinte presentación:

2 dic 2012

Ecos dun tempo e dun lugar

Din que os recordos son parciais e que o tempo e a nosa imaxinación vainos convertendo en certezas. No libro de Manuel Rivas resulta difícil distinguir onde acaba a realidade e onde comeza a ficción, pero isto ao lector non lle importa xa que ten a habilidade de atraparche entre as súas páxinas e transportarche mentalmente a unhas situacións que che enganchan e seducen a un tempo. É inevitable pola nosa banda ter empatía cos personaxes ou as situacións descritas, e cando nos damos conta percibimos o cheiro do tempo das cereixas, sentimos o soprido do aire de alí onde dá a volta o vento ou imaxinamos os misterios da espesura do camiño cego. Ademais dunha evocación sen queixumes, con dor pero tamén con humor, duns escenarios e uns tempos duros é unha maneira de facer de eco, de alzar a voz por aqueles que, no seu tempo, non puideron facelo.
Estamos ante unha obra íntima, das máis persoais do autor, un libro cheo de sensibilidade, un canto aos pequenos detalles, eses que no vórtice das nosas vidas quedan tan atenuados que moitos non temos a habilidade de percibilos. Unha narración na que os sentimentos flúen suavemente, case sen citalos e así consegue en cada relato expresar moito enunciando pouco, cunha prosa viva, directa e sinxela, pero cargada de poesía e capacidade de síntese, Manuel Rivas transmite ao lector intensos sentimentos que persisten ao paso do tempo.

Rivas Manuel (2012): As voces baixas, Edicións Xerais narrativa