14 sept 2012

COMENZO DE CURSO



BENVIDOS E BENVIDAS!!!
Acabáronse as vacacións e agora toca comezar un novo curso. Desde este recanto, o Claustro de profesores do noso centro quere darvos a benvida e desexarvos un estupendo 2012/2013. Seguriño que algúns de vós estades desexando atopar aos compañeir@s, contar todo o que fixestes, coñecer as novidades do instituto….


11 jul 2012

A escola antiga

Co curso xa rematado, e mentras agardamos o vindeiro disfrutando das vacacións, recordamos a exposición sobre  a escola de onte que ocupou as vitrinas do vestíbulo nestes meses.
Nela podíamos ver as fotos que se lle facían aos nenos na escola, que moitas veces era a única foto do ano;  os libros cos que estudaron moitos e que os identifican como representantes dunha xeración, como a Enciclopedia Álvarez ou  o Parvulito; pulcros exercicios de caligrafía, ás veces en verso; os cabaces onde os mais pequenos levaban o material escolar e a merenda; lápis de cores, o aroma dos cales trae moitas lembranzas; labores de costura que practicaban só as nenas; carnets escolares onde, ademáis dos datos do estudante, recollíanse as virtudes e os valores que este tiña que ter; obxectos antigos do noso centro, como a campá que facía as veces de timbre, un  vello e enorme modelo de calculadora, globos terráqueos...; os pequenos Cuentos de Calleja; e todo o que podedes ver nesta presentación fotográfica.

A escola antiga on PhotoPeach

12 jun 2012

Presentamos a nosa cidade: Ferrol.

Os alumnos de PRIN de primeiro da ESO proporcionaron as fotos para esta pequena presentación da cidade de Ferrol cos seus barrios máis emblemáticos, que próximamente viaxará ao Sáhara como remate do proxecto "Coñecernos para querernos". Colaboraron na montaxe e selección de fotos os rapaces do club de lectura: Marta, Andrea, Cristovo, Roque, Victoria, Patricia e Álvaro.

29 may 2012

Entrega de premios do concurso de marcapáxinas.

Foron  dúas as  rapazas triunfadoras do concurso de marcapáxinas sobre Valentín Paz Andrade, Raquel e Eloisa,  pertencentes ao creativo curso 1º A de bacharelato, que xa recolleron seus diplomas e pasaron pola biblioteca con algunhas compañeiras que quixeron acompañalas.
O marcapáxinas gañador xa está impreso e todos os nosos lectores poden vir recoller o seu.

5 may 2012

Letras galegas 2012: Valentín Paz Andrade

Achégase xa a festa máis importante da literatura galega, que como comentabamos na anterior entrada está adicada ao escritor e xurista Valentín Paz Andrade. E como ven sendo habitual presentámosvos un modo ameno e sinxelo de coñecelo mellor: outra das fantásticas presentacións de Elvira Roiz.

21 abr 2012

Concurso de marcapáxinas adicados a Valentín Paz Andrade


Este ano o Día das Letras Galegas conmemora a figura de Valentín Paz Andrade (Lérez 1898-Vigo 1987).A sua primeira actividade foi como xornalista, dirixindo o diario Galicia e a revista Industrias pesqueiras. Os artigos que escribiu para estas publicacións amosan preocupación pola realidade socioeconómica de Galicia. As súas inquedanzas levarono a facer carreira política militando no partido galeguista. Publicou ademáis obras de poesía e unha importante biografía sobre Castelao.
Como inspiración ou para ilustrar os marcapáxinas, propoñémosvos esta pequena escolma de textos feita por Manuel Rei:
1.Queremos unha Galicia autónoma, señora de si mesma, que sexa oficialmente o que ela é naturalmente.
2.Galicia non é un país pobre, é un país empobrecido.
3.Os verdadeiros apaixonados de Galiza han de amala doutro xeito: convertendo o sentimento en ideal, en acción.
4.Algúns non entenden a grandiosidade desta Terra.
5.Galiza abría os ollos despois da negra sombra
que murchara no cedo as roseiras de abril.

6.O albo fun dos tiros que racharon
a capa silandeira da deshora,
sen ferrar no mortal.

Adxuntamos unha ligazón á páxina Botóns que recolle recursos na rede sobre o escritor.
Aquí podedes atopar unha webquest.
E para rematar unha páxina do seminario Galán que proporciona información sobre o autor, as Letras Galegas e actividades en liña.

3 abr 2012

Conferencia de Camilo Casal e exposición de Lapis Verdes


O día 28 de febreiro Camilo Casal, profesor de Física e Química do noso instituto, na actualidade xubilado e presidente do colectivo didáctico medioambiental de profesores Lapis Verdes, impartiu dentro das actividades de dinamización da biblioteca unha conferencia titulada: Por que Reducir, Reutilizar e Reciclar á que asistiron alumnos de 3 º ESO.
Comezou falando do lixo, da súa recollida e do tratamento ao que se somete en Galicia, dos distintos tipos de colectores que temos nas rúas, do que se debe de botar en cada un deles e das horas nas que o debemos de facer. Deulles aos alumnos un folleto explicativo co que se pode botar ou non e cada un dos colectores.
Despois pasou a explicarlles por que é imprescindible reciclar e que se aforra cando o facemos. Deulles datos comparativos de canto se recicla dos distintos tipos de residuos en Galicia, en España e na UE e faloulles dos países nos que máis se recicla.
A continuación pasou a indicarlles algúns consellos para reducir e reutilizar.
Por último comentoulles a problemática dos residuos voluminosos e dos residuos tóxicos e perigosos e por que debemos de levalos ao punto limpo. Entregoulles un folleto do Concello de Ferrol sobre o Punto Limpo do Concello.
Rematou a conferencia falando da perigosidade dos aceites vexetais e onde debemos de levalos.


Durante unha quincena a biblioteca tamén hospedou a exposición deste mesmo colectivo sobre nutrición, que foi visitada por moitos grupos de alumnos. Amosámosvos as fotos:



19 mar 2012

Previndo a violencia de xénero coa asociación ALMAT


A charla durou unha hora aproximadamente e foi moi interesante e entretida. Contou coa intervención dalgúns alumnos, creándose un debate no que os encargados de dar a charla contestaron aos intervintes con bos argumentos, aclarando as dudas e preguntas.
Falouse de que son o sexo e o xénero e as diferenzas entre as dúas definicións (o primeiro é unha condición coa que se nace e o segundo unha forma de clasificación que depende do sexo). Explicaron como pode adoptarse un tipo de comportamento, dependendo da educación recibida, se ésta cambia polo feito de ir dirixida a un neno ou a unha nena.
Tamén se falou de como comeza a violencia de xénero, do ciclo que ten (tensión, violencia e arrepentimento) e dos mitos e falsas crenzas que se crean ao seu arredor, como por exemplo, o que di a xente para desculpar esta violencia, argumentando cousas como que está tolo, que a culpa é dela por seguir con el...
Ao final falaron do dereito que ten a muller a poñer unha denuncia, así como do de chamar á policía se o mandado trala denuncia non se cumpre. Comentaron tamén que en ALMAT teñen abogados e psicólogos, e que acudir a esta asociación ou a outra de este tipo, non implica a denuncia inmediata.
Tamén deron os números de atención á muller para a súa defensa e o da asociación ALMAT (607 609 442).
Sabela Montero, 4º C eso

7 mar 2012

Material sensible


A narración de Auður Ava Ólafsdóttir (Rosa cándida) é unha novela sinxela, de lectura áxil, pero intensa que te atrapa entre os seus capítulos e seduce aos poucos. Cando te dás conta estás a colocar as últimas pezas do mosaico, e a te deleitar cos capítulos finais dunha rara narración que non deixa indiferente.

Resulta curioso que esta sutil obra, un cántico á delicadeza e a beleza dos pequenos e sensibles detalles, fose elaborada nun país (Islandia) afundido economicamente polos especuladores. É unha obra na que as cousas non transcorren como sería de esperar que ocorresen, pero na que o canto ao idealismo, e a autenticidade imponse sobre o pesimismo e a tristeza das vidas frustradas ocasionadas por enfoques erróneos na solución dos problemas.

O relato, os protagonistas e a paisaxe son inusuais pero non por iso menos atraíntes. A composición por capítulos que o personaxe escribe a modo de reflexións nocturnas fai moi fácil a súa lectura. Imos enlazando así as pezas dun quebracabezas que aos poucos nos vai desvelando o panorama completo e a súa evolución persoal. É un ser cheo de dúbidas e contradicións cunha única certeza, o seu amor polas flores, sobre todo polas rosas e especialmente pola de oito pétalos. Na súa viaxe iniciática, de descubrimento persoal enfrontarase en soidade, e por primeira vez, cos problemas da vida: a enfermidade, a responsabilidade, o traballo, a paternidade, e ... finalmente a reflexión sobre todo o que pasou e o que virá despois.

Rosa cándida contén moitos detalles que a fan unha narración distinta. Unha novela diferente e orixinal coa que gozar lendo.

5 mar 2012

Lucio Dalla e a súa canción "Caruso"

O primeiro día de marzo morreu dun infarto o cantautor italiano Lucio Dalla.
A súa longa carreira que se extendeu por case cincuenta anos está chea de éxitos, entre eles sinalamos "Com'è profondo il mare", "L'anno che verrà", "Anna e Marco", "Canzone" o "Futura".
Pero sobre todo Dalla foi o autor dunha das máis fermosas canciones que se escribiron en italiano, "Caruso", da cal fixéronse máis de trinta versións en todo o mundo, entre elas a de Pavarotti.
"Caruso" foi escrita no ano 1986,cando o artista boloñés hospedouse no mesmo hotel de Sorrento onde o célebre tenor pasou os seus últimos días de vida, xa que estaba moi enfermo dun cancro de gorxa.Como non podía manterse afastado da música, dáballe clases de canto a unha moza da que quizáis se sentía un pouco namorado.Unha noite que ía moita calor, Caruso fixo transportar o piano á terraza,que estaba preto do porto, e cantou diante da rapaza que o miraba conmovida. A súa voz era aínda tan marabillosa que os pescadores achegaron as barcas para escoitalo mellor.Caruso, vendo as luces no medio do mar, revivíu os triunfos en América e tocou unha vez máis a eternidade, sentíndose feliz nese intre perfecto.
"A miúdo o amor e o sufrimiento viaxan xuntos no corazón dos homes e das súas cancións" (Lucio Dalla).