Comezamos xa a contar os días que faltan para que chegue o Nadal con todos os seus clásicos: As luces, os regalos, as ceas e os xantares...e tamén as tarxetas cheas de bos desexos.
A ANPA do noso centro convocou o segundo certame de "Tarxetas de Nadal", no que resultaron gañadores Andrea Rodríguez ,Román Cuadrado e Arlet Espinosa. Todos eles son alumnos de 2º de bacharelato.
Teremos expostas na biblioteca todas as postales participantes ata as vacacións.
Un pouco mais tarde do que ven sendo habitual, recibimos as visitas dos alumnos de primeiro.
Nesta ocasión ademáis das explicacións sobre a clasificación dos libros pola CDU y as probas para ensinar a facer unha percura co programa MEIGA, o equipo da biblioteca ideou unha xincana que resultou moi divertida, mediante unhas tarxetas agochadas dentro de libros de distintas seccións,un DVD e un CD.
Aproveitamos a ocasión para facer novos socios e tamén para inscribir aos máis pequenos dos nosos alumnos no Club de lectura.
A semana do 19 ao 23 de novembro tivo lugar, con grande éxito de participación, a primeira "Semana das Ciencias" organizada polos departamentos de matemáticas,ciencias,física e química e tecnoloxía.
Organizáronse varios tipos de actividades: proxección de películas e documentais no salón de actos, exposición de material científico no vestíbulo e exposición de material manipulable na biblioteca.
Nesta última a mostra veu coincidir coa exposición de fotografías do colectivo "Lapis verdes" da que poidemos disfrutar ata o día 1 de decembro e que se chama "Itinerario polo monte de San Xurxo", un percorrido polo roteiro que vai desde a praia de Doniños ata a de San Xurxo.As fotografías e os seus comentarios proporcionábannos moitos datos da flora,fauna e a paisaxe desta fermosa zona.
Tamén houbo un concurso diario de adiviñas e enigmas relacionados coa ciencia.
18 comidas é o título da película que vin o pasado sábado, e a verdade é que foi unha agradable sorpresa. É unha comedia cun guión moi orixinal. Aínda que a crítica a poñía moi ben, eu non as tiña todas comigo, pois moitas veces as críticas e eu non coincidimos. Pero esta vez foi certo, a película, desde logo, paga a pena ser vista. O director chámase Jorge Coira, é de Lugo e foi ao instituto con Luis Tosar. Na película entrelázanse seis historias diferentes que teñen como fío condutor a reunión ao redor da mesa. Tren tres partes, unha dedicada ao almorzo, outra á comida e a terceira á cea. Filmouse en Santiago e penso que un adxectivo que a describe moi ben é “moi galega”, pois nela quedan moi ben reflectidas situacións que todos coñecemos. Traballa nela Luis Tosar rodeado de moitos outros actores galegos, ben coñecidos porque soen formar parte das series que emite a Televisión de Galicia. Ten de bo que foi realizada con baixo presuposto, co cal é un bo exemplo de que sen gastar esas inxentes cantidades de diñeiro que gasta Hollywood, se poden facer boas películas. Aconséllovola, ide vela e pasaredes un bo rato
22 nov 2010
Lecturas de outono
Hai pouco tempo que acabei de ler dúas das propostas editoriais, deste verán “Unha historia que non vou contar” de Cid Cabido e “A Intervención” de Teresa Moure. As dúas afronteinas con idéntica ilusión e curiosidade pero producíronme reaccións opostas. A de Cid Cabido diría que a devorei coa sensación agradable de frescura que produce o achado dunha proposta nova que te enreda e aprisiona na súa trama ata que a terminas; pola contra a de Teresa Moure obrigoume a unha lectura reflexiva, teimuda e persistente co ánimo de atopar algo daqueles personaxes e pasaxes cativadoras de Herba moura pero sen chegar a atopalo. Imos analizalas por separado. “Unha historia que non vou contar" non é unha novela de intriga ao uso, son dúas narracións nunha. Por unha banda está a crónica detallada do proceso de “non” escritura dun libro e por outra o relato da peripecia persoal do “non” autor, o escritor C.C. (un xogo coas iniciais de Cid Cabido). Partindo dun feito real, o asasinato dun coñecido industrial vigués acontecido nos anos 70, o autor aproveita para propornos unha viaxe a outra época, a finais da ditadura franquista. A novela vai tecendo o retrato duns ambientes sociais, das relacións entre as parellas, as familias, o mundo dos negocios, os grandes escándalos económicos como o famoso caso REACE, paradigmas da estrutura daquel réxime escuro e tebroso que tanto pesa, en formas e costumes, na nosa sociedade de hoxe. E doutra banda está a peripecia persoal do protagonista e narrador un tipo bastante indolente que, case a empurróns dos que o rodean, trata de discernir entre o que ocorreu realmente e o que quedou como lenda popular. Está omnipresente na narración, Vigo, quizais unha chiscadela complice para aqueles lectores que identifican na lectura as pasaxes e personaxes ben coñecidos dunha e outra época. A intriga subxacente, as dúbidas existenciais do escritor protagonista, o seu voluntario retiro de modas e convencións, configuran un amplo fresco tanto do pasado como do presente, e dos fíos, ás veces invisibles, que os unen. Resumindo Cid Cabido elabora unha ficción-non ficción narrativa moderna, áxil, onde combina diferentes rexistros, cunha linguaxe clara e directa, de calidade que engancha desde os primeiros momentos e que a converten nunha lectura altamente recomendable.
Non me resulta fácil falar da novela de Teresa Moure pois a miña é a opinión dun lector, non a dun crítico nin a dun experto lingüista e poida que por iso sexa unha opinión equivocada, pero si podo afirmar que decepcionou as expectativas que tiña depositadas na obra. Paréceme un exercicio de estilo literario falto de ánimo e consistencia narrativa. A proposta é a narración dun mesmo feito por cinco testemuñas que dan á intervención unha perspectiva (subxectiva) diferente. Dacabalo entre o realismo máxico e o compromiso político-ecoloxista, os feitos e os personaxes parecen entrelazados por unhas puntadas demasiado grosas, que aínda que ás veces ocultan páxinas verdadeiramente afortunadas, expoñen personaxes que soan a tópicos con sensibilidades e caracteres someramente trazados. Bótase de menos un perfil máis detallado de personaxes chave como os membros da familia Balseiro ou o atraínte pero pouco aproveitado personaxe do pianista amnésico, pero tamén unha análise maior das relacións persoais que dan lugar aos feitos. Terminada a lectura un pregúntase onde reside o magnetismo motivador da intervención, que arrastra até o punto de facer cambiar a súa vida e arriscarse a todos os personaxes , e ao non atopar máis que o propósito dunha nai que quere que o seu fillo encontre o seu lugar no mundo e que asume como propio o desafío da tarefa a desenvolver un pregúntase se de verdade esta historia daba para ser o argumento dunha novela que merecía a pena ser contada.
Nos últimos días de outubro tivo lugar na biblioteca o primeiro concurso"LER E ESCOITAR".
Os participantes, de primeiro e segundo da ESO, tiñan que ler dous fragmentos, un seleccionado polo xurado, e outro seleccionado por eles mesmos.
Resultaron gañadores do concurso:
Na categoría de grupos, o grupo de segundo B composto por Carlota, Lorena, Yolanda,María e Ruth, que escolleron un fragmento de "Qué me queres, amor?" titulado Conga,conga, de Manuel Rivas.
E na categoría individual o alumno de primeiro A, Pablo, que concursou cun fragmento da "Odisea" de Homero, A misión de Hermes.
Outros autores que leron os rapaces foron Fina Casalderrey, Mar Guerra, Xulio Verne e Antoine de Saint-Exupery, mentras que o xurado propuxo un texto de Gianni Rodari.
30 oct 2010
BANDA SONORA (VII)
Aquel verán do sesenta e oito prometía. Ao plan infalible de praia e excursións engadiramos a presenza dun invitado inesperado. Un dos nosos amigos anunciara a chegada de Graham, o fillo da súa profesora (nativa) de inglés. A chegada de alguén que vivía no berce da cultura e a música que nos envolvía, púñanos nerviosos e expectantes. Estabamos a desexar contrastar a nosa visión da modernidade e da música actual, practicar o idioma e sobre todo, dispostos a aprender todo aquilo que nos ía ser brindado por unha testemuña presencial. Chegou no mes de xullo e tras unhas breves conversacións con el, no inglés que me ensinaron, sóltame unha primeira labazada: que eu falo un inglés trasnoitado (de Oxford dixo para non ofender) que os mozos da época falaban nunha especie de xerga peculiar que denominaba "slang" e tras esta labazada moral esperábame outra non menos dolorosa ao falar de música. Aos meus intentos de lucimento na posta ao día da actualidade musical británica respondeume cunha realidade que me deixou novamente cohibido. A súa réplica aos meus coñecementos dos grupos convencionais da época: Animals, Beatles, Rolling Stones, Manfred Mann, Kinks, Hollies etc.. resumiríaa eu cun “mira se estás pasado de moda” que te amoso un disco, unha auténtica novidade toda unha revelación que me deixou totalmente sorprendido: "This was" e os seus creadores Jethro Tull. Todo, a portada, a estética, a música que encerra era como unha nube de cores que me impactou. Necesitaba comprar aquel disco, e unha vez conseguido, escoitalo indefinidamente. Aquela música, rozando o acústico a medio camiño entre o rural e o medieval sen perder os seus vínculos coa modernidade do blues e o jazz, envolveume de tal maneira que durante un tempo non era capaz de quitala da cabeza.
O conxunto fora creado en 1967 polo escocés Ian Anderson, verdadeira alma máter do grupo. Era un músico diferente, cunha sólida formación musical e amplos coñecementos de ballet, que practicara desde neno, tiña unha posta en escena distinta a todo o visto ata a data, a súa forma de tocar a frauta elevando a perna cuns bailes e movementos moi persoais contrastaban co habitual dos solistas da época. Movíase dunha forma dinámica e case agresiva. Era o compositor de case todas as cancións do grupo, e facía deste o vehículo daquilo que el quería expresar. O conxunto toma o seu nome, Jethro Tull, dun personaxe inglés do século XVIII experto en agricultura que inventou unha máquina sementadora que permitía arar e sementar grandes extensións utilizando pouca man de obra. Os seus compoñentes foron variando ao longo dos anos e podemos dicir que soamente Ian Anderson e Martin Lancelot Varre (que entrou a formar parte do grupo no segundo disco) permaneceron nel desde os seus principios. Hoxe, xunto cos Rolling Stones, constitúen a vella garda dos conxuntos de rock máis veteranos aínda en activo. Ao seu primeiro disco, o do seu descubrimento, This was, seguiu un verdadeiro bombazo: "Stand up" que alcanzou o número 1 das listas británicas. Entre os seus traballos máis celebrados, ademais dos citados, están "Benefit", "Aqualung" (o seu maior éxito), "Thick as a brick" ( a súa gran demostración de creatividade, concibida como unha gran sinfonía en dous movementos, cada cara do disco contén un movemento) , "Living in the past "(unha recompilación de singles), o dobre "A passion play", a errada banda sonora dunha película "War child" e o controvertido "Minstrel in the gallery", aclamado polos seus seguidores e opinións dispares entre os críticos. Aínda en 1999 fixeron un lanzamento de gran calidade: "J-Tull dot com". Ian Anderson tamén publicou varios discos en solitario como "Walk into ligth" ou máis recentemente "The secret language of the birds" e "Rupi’s dance". Ademais das múltiples compilacións e reedicións os seus discos máis recentes foron "The Jethro Tull Christmas álbum" e máis recentemente un dobre álbum en vivo cunha nova versión de Aqualung e un Dvd. O grupo ao longo da súa historia, mantendo uns trazos característicos, atravesou diversas etapas que van desde o rock progresivo até o hard rock, pasando por épocas case acústicas e de jazz-blues. Aínda na actualidade continúan ofrecendo concertos nos que poden verse espectadores de todas as idades, desde nostálxicos dos anos 60-70 a rapaces de vinte anos.
Presentamos un invento imposible de mellorar: El book.Poñede un book, ou mellor, moitos, na vosa vida!Porque ás moitas vantaxes que nos amosa o video podemos engadir que é económico, que a versión que compras non pasará nunca de moda e que podes ter todos os que queiras.
Soamente ata o 15 de outubro,temos exposta na biblioteca unha selección de títulos relacionados coa lectura que recollimos no CFR.
É esta unha iniciativa, chamada maletas viaxeiras, que parte da Asesoría de bibliotecas escolares.
Hai outras dúas maletas, se queredes saber cales,consultade o blog de bibliotecas escolares.
Todos os libros son interesantes e poden ensinarnos moitas cousas sobre selección de textos axeitados para as clases e estratexias de animación á lectura.
Despois de telos revisado durante uns días salientaríamos estos títulos: -Cien libros para un siglo, Unha coidada escolma de obras válidas para varios niveis con un pequeno fragmento de cada unha delas. É un fermoso libro que inclúe fotografías e datos dos autores e das edicións, e resumos sobre o contexto histórico. -Diez ideas claves de animación a la lectura. Consellos prácticos para conseguir facer da lectura unha experiencia animada, estimulante, lúdica , variada e sobre todo viva. -El deseo de leer. A partir do libro La isla del doctor Moreau de H.G. Wells propóñense unha serie de actividades para antes, durante e despois da lectura, moi imaxinativas e distintas: escribir unha biografía ficticia, facer un caligrama, asociacións de palabras, adiviñas.. -La magia de leer. É un libro que pretende espertar o hábito da lectura.Mostra métodos para provocar no lector que abre un libro o descubrimento dun mundo de sensacions máxicas.
Un saúdo desde a biblioteca e os nosos mellores desexos para o curso que comeza.
Este ano escolar formamos parte do plan de mellora de bibliotecas escolares, PLAMBE. Invitámosvos a todos os que aínda non coñecedes o noso proxecto,chamado"Toda unha vida contando historias" a descargalo aquí: PLAMBE
Esperamos a vosa visita para que vos acheguedes ás novidades do mes en libros,discos e películas.