Mostrando entradas con la etiqueta PLAMBE. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta PLAMBE. Mostrar todas las entradas

1 jun 2011

A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas

Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.


Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.

Colectivo dos equipos das bibliotecas escolares integradas no PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares Galegas)

3 may 2011

XUNTANZA PLAMBE


O mércores pasado a nosa biblioteca acolleu a visita das dinamizadoras doutras bibliotecas da zona de Ferrol e Pontedeume, e tamén contamos cun dinamizador, Julio.
Algúns, que estudiaran no centro, amosaron a sua sorpresa porque non sabían da peculiaridade da biblioteca, antiga capela.
E como é de seu nas xuntanzas de bibliotecas recomendámonos lecturas, intercambiamos consellos e quedamos para a próxima ocasión na biblioteca de Moeche.
Non faltou tampouco o cafetiño con biscoito e o intercambio de agasallos.
Agradecemos moito o estupendo libro que nos regalaron que pasou xa a formar parte do grupo de exemplares especiais, asinados por escritores e/ou amigos que pasaron por aquí e que nos gusta moito ter ocasión de recibir.

12 abr 2011

MEMORIAS DE DON XOSÉ.


Co aplauso forte e emocionado dun público posto en pé, rematou a intervención de D. Xosé Neira Vilas, que pechou os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares.
Debullando as lembranzas da súa longa e plena vida co fío condutor do papel que xogan libros e bibliotecas no devir dunha persoa, D.Xosé contounos como mercaba os primeiros libros "por correspondencia", pagados cos cartos que ía aforrando, e como os agochaba baixo o tellado, ata que o seu pai descubriu "o niño" de libros, e non se enfadou, senón que o animou a seguilos mercando, iso si, "con moderación".
Os libros, os desexos de ter moitos, foron "en certa maneira"os causantes de que el marchara á procura de traballo para a Arxentina, e logo a Cuba, onde casou con Anisia Miranda.
Alí apadriñou un colexio chamado como o noso instituto, Concepción Arenal.
Reivindicou D.Xosé a coexistencia das novas tecnoloxías co libro na formación dos xoves, aos que debemos educar para que sexan menos "nugalláns". En Cuba, cando nace un neno, regálanlle, coa culleriña de prata co nome gravado, os primeiros libros, o xerme do que será a futura biblioteca. Fermoso agasallo, que conxuga alimento para o corpo e máis para o espírito, atendendo á necesidade de todo ser humano de medrar por fóra e tamén por dentro.
Cantos libros terán pasado polas súas mans, libros lidos, libros pedidos para logo regalalos, nun continuo trafego coa xenerosa vontade de achegalos á maior cantidade de xente posible; e o máis importante, libros escritos, como "Memorias dun neno labrego", do cal celebramos este ano o 50 aniversario. É o libro máis lido da literatura galega, traducido a multitude de línguas, que conseguiu dar a coñecer a cultura e lingua galegas por todo o mundo.
Balbino, o neno labrego, é un personaxe universal, que vive e vivirá na memoria de moitos lectores como vive e vivirá na memoria dos que tivemos a fortuna de escoitala a lúcida, enxeñosa, conmovedora charla que nos ofreceu D.Xosé.
( Fotografía do blog "O segrel do penedo". Autora: Loly Lago)