Mostrando entradas con la etiqueta Dereitos humanos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Dereitos humanos. Mostrar todas las entradas

10 dic 2011

DEZ DE DECEMBRO:DÍA DOS DEREITOS HUMANOS

63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.

Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.

Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.

E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"

* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.

Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!


Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.


Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)


4 mar 2010

OS DEREITOS HUMANOS

Na biblioteca podedes atopar estes días unha exposición chamada "Trinta visións da declaración dos dereitos humanos", organizada por Amnistía Internacional en colaboración coa Consellería de Educación e co Concello de Ferrol.
Animámovos a visitala e a coñecer mellor estos dereitos, que para nós, privilexiados habitantes do primeiro mundo, resultan tan evidentes: todos nacemos libres e iguais, todos temos dereito á vida e á libertade, e non só á física, senon tamén á libertade de pensamento, de relixión, de opinión; todos temos dereito ao traballo e ao descanso e tamén á educación, e un lungo etcetera. Pero aínda en moitos lugares do planeta estes dereitos non son respectados, continúa a haber demasiada violencia e inxustiza.
Se vos preocupa o tema e queredes saber máis, ou traballar a prol destes dereitos, adxuntamos dous enlaces:
Amnistía Internacional
Dentro da páxina web de Amnistia Internacional, esta parte está adicada específicamente ás escolas, e ten materiais para o profesorado, para a movilización, e experienzas dos centros educativos.
Outro enlace de Amnistía en Cataluña
E este enderezo aloxa tamén moitos materiais didácticos e webquest.