30 mar 2022

Charla "Lola e o mar"

 Rematamos o mes de marzo adicado á muller cunha charla que ademáis conecta coa nosa temática "Lugares e xentes": O alumnado de 4º da ESO tivo un encontro coa investigadora do Instituto Español de Oceanografía Lola Garabana, quen nos falou da súa traxectoria profesional dende as súas viaxes como tripulante en barcos pesqueiros ata a súa labor actual como investigadora. 

Dámoslle as grazas por compartir as súas experiencias e por ser un exemplo de empoderamento feminino. 



23 mar 2022

Día da Poesía e Aniversario de Miguel Hernández


O luns 21 celebrouse o Día Mundial da Paz, establecido pola Unesco en París en 1999, coa finalidade de apoiar a diversidade lingüística e fomentar a visibilización daquelas linguas que se atopan ameazadas. E, por outra banda, o luns 28 cumpriranse 80 anos da morte de Miguel Hernández, poeta que soubo reflectir a angustia que lle producían os efectos devastadores da guerra. Por este motivo, decidimos aunar estas dúas conmemoracións destacando a poesía deste autor que segue vixente nestes momentos convulsos para a humanidade.







 

18 mar 2022

Charla Sistema universitario anglosaxón

 O pasado día 7, estivo na nosa biblioteca Kerry McKenitt, xefa de estudos da EOI de Ferrol, para explicar ao alumnado de 2º de bacharelato, que cursa a materia optativa de Reforzo de inglés, o funcionamento do sistema universitario nos países anglosaxóns. Grazas pola súa cercanía cos rapaces/zas e bo rato que nos fixo pasar.






11 mar 2022

"Habelas, hailas" (Lecturas 8M)

Aínda que a miúdo atoparon dificultades para formarse, difundir e comercializar o seu traballo, así como para obter recoñecemento, sí houbo mulleres que pintaron, esculpiron, compuxeron... Mulleres artistas cuxa existencia viuse silenciada e borrada dos libros.
Por iso, co gallo do Día Internacional da Muller, presentámosvos unha seleción de materiais nos que as protagonistas son mulleres de onte e de hoxe e de diferentes disciplinas artísticas.






 

8 mar 2022

ENCONTRO CON AURORA MARCO

Para festexar o Día Internacional da Muller, este luns día 7, contamos na nosa biblioteca con Aurora Marco,  autora de numerosas publicacións de lingua e literatura, de mulleres e xénero e de memoria histórica. Nesta ocasión mantivo un encontro co alumnado de 4º da ESO para falar do seu libro Irmandiñas, obra na que se dá visibilidade e voz a todas as mulleres vinculadas ás "Irmandades da Fala".


25 feb 2022

Visita Antón Cortizas

 Este xoves 24, visitou a nosa bilioteca o escritor ferrolán Antón Cortizas para reunirse co alumnado de 1º da ESO, que está a ler o seu libro Leonel. Ademáis de falar e atender ás preguntas do alumnado sobre esta lectura, ofreceunos unha clase práctica de papiroflexia que foi moi desfrutada por tódolos/as rapaces/as. Dende aquí queremos agradecerlle a súa entrega e esperamos contar con él en novas ocasións.





21 feb 2022

#Desafíogalego, Séchu Sende e O Rabelo

O pasado xoves, 17 de febreiro, púxose en marcha #DesafíoGalego,  iniciativa creada como actividade polo EDLG  para o Programa Innovative Language in a Bilingual Country, dentro do Proxecto Erasmus KA2. Trátase de visibilizar e proxectar o galego  e a cultura de noso en todos os ámbitos sociais (escolar, familiar, virtual...), e para isto contaremos coa participación  do alumnado de 1º e 2º de bacharelato que estea concienciado na importancia da lingua propia de Galicia e queira implicarse na súa promoción. Este proxecto prolongarase ó longo dunha semana, finalizando o  23 de febreiro, Día de Rosalía, coa actuación de O Rabelo.


Para dar comezo a esta actividade contamos no centro coa grata presenza do autor Séchu Sende, quen ademáis tivo un encontro co alumnado de bacharelato para falarlles do seu libro Made in Galiza. Aínda que o acto tivo lugar no salón de actos, por mor do aforo, Séchu visitou a nosa biblioteca deixándonos esta fermosa dedicatoria.





11 feb 2022

SAN VALENTÍN - 14F



 Neste día tan sinalado para os namorad@s, queremos compartir esta presentación, feita pola nosa compañeira e colaboradora Elvira, para concienciar aos mais xóvenes sobre os  riscos de mitificar o amor romántico.



9 feb 2022

Científicas no cine


 Dende o ano 2015,  cada 11 de febreiro, celébrase o Día Internacional da Muller e a Nena na ciencia coa finalidade de paliar a invisibilidade do papel das mulleres neste ámbito e fomentar prácticas encamiñadas a acadar a igualdade de xénero no ámbito científico.

 Para a ocasión dende a biblioteca presentámosche esta pequena colleita de películas que teñen como protagonistas a mulleres científicas.






4 feb 2022

Encontro con Espido Freire

 Este xoves, 3 de febreiro, tivemos o inmenso pracer de contar na nosa biblioteca coa presenza de Espido Freire, a escritora máis xoven en ser galardoada co Premio Planeta pola súa novela Melocotones helados.

Nesta ocasión veunos a falar, entre outras cousas,  da súa novela El chico de la flecha, libro que este curso está a ler o alumnado de 2º da ESO. Grazas pola súa visita e compartir un momento inesquecible.

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/ferrol/2022/02/04/espido-freire-salta-libro-pizarra-concepcion-arenal/0003_202202F4C6994.htm