26 feb 2010

VISITAS Á BIBLIOTECA MUNICIPAL


Durante a semana pasada os alumnos de terceiro da ESO acudiron á Biblioteca municipal.
Tivemos ocasión de coñecer zonas só accesibles nas visitas guiadas, como o sótano onde se gardan os fondos antigos, no que antes era a cámara acorazada, pois a Biblioteca ocupa hoxe o que fora o edificio do Banco de España.
Interensáronos moito a sá destinada ás publicacións sobre Ferrol, algunhas delas únicas; tamén os centros temáticos onde teñen acomodo os libros máis demandados, por exemplo as guias de viaxe, a banda deseñada ou os que tratan da muller.
Rematada a visita, algúns dos alumnos fixéronse socios.
Lembramos a os que aínda non o sexan, que na nosa Biblioteca tamén dispoñemos dos impresos para asociarse.

23 feb 2010

Banda sonora (III)

O Rock and Roll hispano

Cando andaba eu polos 10 anos un agasallo imprevisto veu cambiar os meus costumes. Un mariño mercante, amigo da familia, nunha das súas viaxes a Canarias tróuxome un transistor. Aínda hoxe recordo a súa funda de coiro e o seu auricular, pero sobre todo lembro a súa utilidade e a súa autonomía. Acompañábame a todas partes, polas tardes á galería onde devoraba os cómics do Capitán Trueno, o Jabato ou Roberto Alcázar pero tamén as novelas de Xullo Verne ou Salgari das que era un devoto seguidor. Polas noites na cama quedaba durmido arrolado polos sons da radio da época. Eran tempos nos que entre as cancións españolas de entón empezaba a coarse algunha versión hispana do boom chegado de USA: o rock and roll. Eu espertei a eses ritmos coas versións dos clásicos que nos traían dous conxuntos hispanoamericanos: Los Llopis e Los Teen Tops.

Los LLopis: Era un grupo de orixe cubana. O seu núcleo eran os irmáns LLopis (Frank e Ñolo que tocaban a steel guitar e guitarras eléctricas). Ao terminar os seus estudos en Estados Unidos, e de volta en Cuba, formaron o grupo a finais dos anos 50 xunto con Leo Torres (saxo, piano e acordeón) e Manolo Vegas (cantante). Ademais de cancións propias interpretaban temas de Bill Halley e Elvis Presley, tamizadas de sons latinos. Tras o seu éxito co primeiro disco (en 1958 en Cuba) deron o salto a España onde triunfaron nas salas Florida e Pasapoga e residiron aquí durante un tempo facendo versións de grandes éxitos sendo dos pioneiros do rock en español. Entre as súas cancións, gravadas para a casa Zafiro, de maior éxito podemos citar “Estremécete” ou “No seas cruel” (versións en español de All shook up e Don´t be cruel de Elvis), “La puerta verde”, “Hasta la vista cocodrilo” ou “Doctor Brujo”.

Los Teen Tops: Tras a morte de Richie Valens, un grupo de amigos ( Enrique Guzmán cantante e guitarra rítmica, os irmáns Jesús Tutti Martínez guitarra solista e Armando Manny Martínez á batería, Sergio Martell Piano e Rogelio Tenorio Baixo) ofrécense á compañía Del-Fi (onde gravaba Valens) coa intención de ser os seus sucesores pero a compañía pechalles as portas. Á súa volta a México o produtor Chucho Hinojosa si se arrisca e aposta por eles. Tras o seu exitoso paso pola emisora mexicana Radio Variedades a CBS contrátaos e gravan un single que contén “El rock de la cárcel” e “La plaga”, versións en castelán dos clásicos Jailhouse Rock e Good Golly Miss Molly, que constitúen os seus primeiros éxitos. Tomando a espontanidade como estilo e unha linguaxe coloquial ofrecen aos adolescentes unha música que rapidamente é aceptada como súa. Cos títulos xa citados e outros como: Confidente de secundaria (High school confidential de Jerry Lee Lewis), Quiero ser libre, Me quedé contigo e Rey criollo (I want to be free, Stuck on you e King creole de Elvis Presley) Sigue llamando, La larguirucha Sally e Tutti fruti (Keep a knockin' , Long tall Sally e Tutti fruti de Little Richard) conforman o seu primeiro LP. Logo virán novos Lps e máis éxitos, case todos “covers” versións de éxitos de E.E.U.U., como Popotitos (Bony Maronie de Ritchie Valens) , Presumida (Hight Class Baby de Cliff Richard), Ven Johnny, ven (Johnny b. Goode de Chuck Berry), Que tal Marilú (Hello Mary Lou de Ricky Nelson) ou Que dije (What'd I Say de Ray Charles) . Nos anos 60 a compañía decide lanzar a Enrique Guzmán como solista obtendo un éxito considerable; pero marca o inicio do fin de Los Teen Tops. O posto de cantante foi ocupado inicialmente por Ken Smith e mais tarde por Julio Carranza, cunhas características similares ás de Enrique Guzman, pero tras un efémero rexurdir en 1965 puxeron punto final ao grupo que como dixemos cultivou un gran éxito durante a súa existencia.

12 feb 2010

Ácido sulfúrico


Un nuevo reality show se estrena en televisión ; su nombre : Concentración. Los participantes son reclutados, de forma aleatoria, entre la población de París y, conducidos en vagones hasta el plató, que no es más que un campo de concentración, a semejanza de los creados por los nazis. Aquí sufrirán todo tipo de vejaciones y humillaciones ; pasarán hambre, frío... hasta que, finalmente sea el propio espectador quien decida, con su voto, qué participante será eliminado-ejecutado.
Este es el argumento de la novela. Una dura e implacable crítica a los medios de comunicación, a la telebasura, de un mundo donde reina la doble moralidad, la hipocresía, el "todo vale" si con ello se consigue un beneficio.
En alguna parte he leído que éste no es uno de los mejores libros de Amélie Nothomb, pero a mí me ha parecido una novela entretenida, que se lee del tirón, a lo que sin duda, contribuye su brevedad y su narración concisa y contundente; con un argumento original y demoledor que nos hace reflexionar sobre la sociecad en que vivimos. Es cierto que su final (predecible) no está al nivel del resto de la novela ; que acabamos de leer el libro y nos quedamos con la sensación de que la historia podría haber dado más de sí, que queda algún cabo suelto, pero a pesar de ello, es una obra que recomiendo, porque, sobre todo, me parece un libro diferente y porque leer es siempre recomendable.


(Autora: Isabel Yáñez).

Primo Levi: químico, escritor e humanista


O 27 de xaneiro celebrouse o 64.º aniversario da liberación dos campos de concentración nazis e ao ler esta noticia nos periódicos pensei en escribir este post dedicado a Primo Levi, un escritor que, desde que o descubrín, hai xa moitos anos, sempre me gustou.

Ao igual que moitos compañeiros químicos, o primeiro contacto que tiven con Primo Levi foi a través do seu libro El sistema periódico. Este libro foi publicado en España en 1988, aínda que foi escrito en 1975. Está estruturado en 21 capítulos que levan como título un elemento do sistema periódico. Porén, non é un libro sobre Química. O nome do elemento químico é só un pretexto para falar das relacións humanas. Primo Levi mestura neste libro realidade e ficción de forma maxistral. Tanto lembra a súa xuventude en Turín, a cidade na que naceu, no capítulo do ferro, como emprega a imaxinación pura no capítulo do mercurio. O capítulo que más me impactou foi o dedicado ao vanadio onde describe o encontro, ao rematar a guerra e por razóns profesionais (foi director dunha fábrica de pinturas e vernices), cun dos seus carcereiros en Auschwitz-Monowitz. Debido aos seus coñecementos de Química, cando estivo preso Primo Levi fixo traballos forzados nun laboratorio da empresa I.G. Farben Buna, na que se producía caucho-buna que é un tipo de caucho moi resistente á acción dos aceites e a abrasión. A cargo dese laboratorio estivo o alemán L. Müller, químico tamén. Cando Primo Levi tivo noticias da súa existencia estableceron unha relación epistolar, pero non chegaron a se coñecer en persoa porque Müller faleceu antes. Müller pediulle a Levi unha especie de absolución polo seu pasado nazi, algo que el non estivo disposto a facer.

Tempo despois lin a triloxía da que forma parte, ao meu parecer, o mellor libro de Primo Levi, Si esto es un hombre, libro que escribiu pouco tempo despois de saír do campo de concentración. Nel narra o día a día no campo de concentración del e dos amigos que foron arrestados con el. Penso que este é un libro imprescindible que hai que ler porque, a parte da mestría que demostra o escritor ao describir as súas vivencias, ter na memoria o holocausto dos xudeus é unha das maneiras de evitar que feitos semellantes poidan volver suceder. Continuación deste libro son La tregua e Hundidos y salvados. No primeiro narra a súa viaxe desde que deixou o campo de concentración ata que chegou de novo a Turín, varios anos despois. O segundo son reflexións sobre o horror.

Anos despois lin Última Navidad en Guerra, que é un libro póstumo. Nel recóllense relatos curtos que deixou escritos froito de máis de dez anos de traballo. Seguindo a tónica dos seus libros anteriores mestura aquí tamén realidade e ficción. Cabe destacar uns relatos de animais (Las bodas de una hormiga ou La jirafa del zoo) que dan idea dos rexistros tan diferentes deste autor.

Ultimamente lin unha biografía súa escrita por Ian Thomson, reputado biógrafo e periodista británico. Para escribilo o autor pasou máis de dez anos en Italia entrevistando a xente que coñeceu a Primo Levi. Foi un das últimas persoas en entrevistale. Aínda que é un libro de casi 700 páxinas a súa lectura é moi amena e interesante porque grazas a el se entenden moitas das claves dos seus libros. É especialmente crúo o relato dos seus derradeiros días antes do seu suicidio. Tirouse polas escaleiras da súa casa o 11 de abril de 1987.

Quero animar con esta entrada a todos os que non listes ningún libro deste escritor a que o fagades, xa que non vos vai defraudar.

9 feb 2010

Banda sonora (II)






Días de radio

A miña infancia musical a forman os Días de radio (collo prestado o título á espléndida película de Woody Allen). Naqueles anos, aínda sen televisión, a familia nos reuniamos na mesa camilla a escoitar o vello aparato de válvulas de vacío (que chamabamos lámparas) marca Philips. Os interminables días de inverno estaban amenizados por programas que me quedaron gravados na memoria como un serial infantil de aventuras no espazo: Diego Valor, ou os episodios de Matilde, Perico e Periquín, programas solidarios como Ustedes son formidables de Alberto Oliveras, os concursos musicais como Camino de la fama ou programas de variedades como Cabalgata Fin de semana con Boby Deglané. O meu programa preferido era Discomanía de Raúl Matas que quizais foi o primeiro disk-joquey da radio española. Os sons desa época acoden á miña memoria mesturados cos anuncios daquel negrito da África tropical, o flan chino El Mandarín, do Okal que acababa coas dores de cabeza ou o sonsonete das conexións de todas as emisoras con Radio Nacional de España para dar “El Diario hablado”, que os nosos pais chamaban “El parte”.
Tamén recordo aqueles programas de cancións dedicadas nos que a música predominante era a mal chamada canción española, á que eu nunca lle prestei moita atención. As influencias do meu pai servían para recoñecer, e gozar da zarzuela nas voces de Alfredo Kraus, Pilar Lorengar, Luis Sagivela e tantos outros; pero tamén para apreciar a música latina: Los Panchos, Antonio Machín, Lucho Gatica, Carlos Gardel, Los Indios Tabajaras, Jorge Negrete, Los Hemanos Rigual, Los Cinco Latinos ou Los Chalchaleros por dicir só uns poucos. Había unha canción, daquela época, que me gustaba especialmente: El humo ciega tus ojos , (quizais porque era o que o fume do tabaco facía cos meus naqueles tempos de locais sen ventilación nin aire acondicionado) coñecín primeiro a versión de Los Cinco Latinos e máis tarde cheguei a recoñecer a versión orixinal Smoke gets in your airs por The Platters.
The Platters era un quinteto vocal americano que cantaban doo woop (que nos chamamos duduá) e R&B . O Doo woop era, e segue sendo, un estilo vocal dentro do blues, caracterizado por introducir voces a cappella interpretando coas voces os instrumentos musicais, e acompañando con coros a voz do cantante principal. Cautivaron ó público polas súas delicadas harmonías e as súas letras románticas que escoitamos en moitas películas da época. Os seus primeiros discos como cuarteto e gravando para pequenas compañías musicais non obtiveron o favor do público. Foi en 1955, tras cambiar á casa discográfica Mercury, cando tiveron un enorme éxito co seu primeiro single Only you e é entón cando se amplía o cuarteto coa solista Zola Taylor. Tras este primeiro éxito viñeron moitos máis e así entre as súas cancións máis coñecidas podemos citar, ademais das devanditas, The great pretender, My prayer, You'll never never know, Try a Little Tenderness, ou Twilight time. Coa explosión do rock and roll nos anos sesenta a súa estrela foi decaendo ó ritmo que crecía o éxito de Elvis Presley pero dese tema xa falaremos noutro momento.

1 feb 2010

BANDA SONORA (I)



Como nunha película, a vida de moitas persoas ten asociada unha banda sonora de modo que cada época ou momento subliñable está ligada a determinadas melodías. Din que a que me corresponde a min debería comezar cos boleros de Lucho Gatica cos que miña tía me arrolaba para que quedase durmido ou coas zarzuelas no Teatro Jofre, ás que me levaban meus pais cando era ben pequeno. Pero se fago caso aos meus recordos o descubrimento das harmonías vocais das cancións dos Beatles son as que marcan o comezo da miña curiosidade e afección musical. A música dos Beatles formaba parte dun movemento musical, o merseybeat ou mersey sound, xurdido en Liverpool ao redor dun periódico do mesmo título publicado nos anos 60 e da mítica sala de concertos The Cavern, ademais dos Beatles pertencían tamén, entre outros, The Searchers ou Gerry e and the Peacemakers. Este movemento musical distínguese pola fusión do rock and roll, skiffle, rhythm & blues e doo wop. Como instrumentos empregaban unha guitarra solista, unha guitarra rítmica, baixo e batería, mesturaban ritmos pegadizos e fortes, e os cantantes solistas ian apoiados por coros en estreita harmonía e tarareando ás veces sílabas sen sentido (yeah, yeah, hey ,hey, boom, boom ou similares) .
Cando tes curiosidade todo forma parte dun continuo que te vai levando dun lugar a outro e descobres que a música dos Beatles, nos seus comenzos, non está libre de influencias, e así leváronme a descubrir aos Everly Brothers e a Buddy Holley e The Criquets. Buddy Holly foi unha das primeiras estrelas do POP. Comezou a súa andaina en solitario en 1958 abandonando The Criquets tras acadar éxitos coma Oh boy!, Peggy Sue ou Not fade away. Dono dun estilo persoal no que a melodía e os arranxos persoais primaban sobre o ritmo, as súas composicións podemos enmarcalas dentro dunha fusión do country e do rock and roll . A música de Buddy Holly supuxo unha renovación do rock do momento e moitos dos seus temas foron versionados polos mellores conxuntos da época: Words of love (Beatles), Not fade away (Rolling Stones), Love is stange (Paul McCartney and the Wings) ou Peggy Sue (John Lenon). Morreu nun tráxico accidente de aviación xunto con Ritchie Valens (popularizador da versión rock de La Bamba) e Big Booper. A repercusión no mundo da música foi enorme e ese día foi nomeado como O dia que morreu a música por Don Mclean no seu gran éxito American pie.